Play-Doc renova a súa colaboración con FILMIN España

Play-Doc renova a súa colaboración con FILMIN España

13 Set 2021

A versión en liña do festival será accesible para todo o territorio español a través de FILMIN, a recoñecida plataforma dixital de cinema do país.

Play-Doc e FILMIN España repiten colaboración por segundo ano consecutivo tras os excelentes resultados da súa edición anterior, na que ao redor de 15.000 espectadores puideron gozar, desde toda España, dos contidos do festival tudense.

Nesta edición o programa proposto por Play-Doc para FILMIN, que estará dispoñible en aberto a partir do día 22 de setembro e até o 3 de outubro, inclúe as dúas principais retrospectivas desta edición: a primeira retrospectiva internacional dedicada a Manfred Kirchheimer, un dos cineastas documentalistas máis extraordinarios e menos coñecidos no ámbito internacional, e a primeira retrospectiva española da cineasta de culto Bette Gordon, icona da contracultura de Nova York de finais dos setenta. 

Ademais dos traballos dos norteamericanos, o festival rescata algúns títulos esenciais da retrospectiva que Play- doc lle dedicou en 2019, e tamén por primeira vez en España, ao lendario cineasta filipino Kidlat Tahimik, considerado como o pai do cinema independente filipino.

O carácter inédito e exclusivo deste programa condensa o espírito deste festival de cinema internacional con sede en Tui que, ao longo da súa traxectoria, presentou non só as primeiras retrospectivas españolas de cineastas consagrados, contando coa presenza de verdadeiras lendas do cinema documental de todo o mundo, senón que se esforzou por reivindicar a outros tantos magníficos realizadores cuxa obra foi ignorada, censurada ou é sinxelamente descoñecida para a inmensa maioría.

Así, con estas tres notables retrospectivas dispoñibles para FILMIN, Play-Doc pretende expandir unha vez máis o alcance da súa programación e repetir o éxito de audiencia no marco dunha edición que contará novamente con algunhas limitacións na capacidade de asistencia debido aos protocolos de seguridade que impón a normativa sanitaria vixente por mor da pandemia. É por iso que Play-Doc entende esta opción en liña como un complemento necesario a un novo modelo de festival e unha alternativa para poder gozar do certame desde casa. 

Todas as películas estarán dispoñibles sen custo engadido para os subscritores de FILMIN a partir do día 22 de setembro e ata o 10 de outubro.

Share

Facebook Twitter Pinterest