Obradoiro de cinema comunitario.
Obxectivos
Que hai de nós nos nosos veciños? Con que e con quen nos identificamos da nosa comunidade? A quen nos gustaría descubrir ou coñecer mellor? Na nosa familia, no noso edificio, na nosa rúa ou no noso barrio existen heroes e heroínas cotiáns que nos inspiran, emocionan, conmoven ou intrigan. Xente que amamos, xente da que aprendemos, xente que admiramos ou xente que nos atrae sen saber por que. De que maneira podemos retratar o que hai de único, de extraordinario nesa persoa ou colectivo?
O noso obradoiro convida aos veciños e veciñas de Tui e arredores a compartir a súa experiencia social e comunitaria mediante o retrato da súa veciñanza. Un veciño ou veciña, traballador ou traballadora, un familiar, unha asociación, un negocio local… Que é o que nos gustaría compartir deles a través de imaxes e sons? Como filmar o que só nós podemos ver? Como narrar, describir, retratar… en definitiva, representar cinematograficamente (a)o próximo?
Descrición
Este obradoiro será impartido por Eloy Domínguez Serén, recoñecido e multipremiado cineasta galego que conta cunha notable traxectoria internacional, na que destacan títulos como Hamada, No cow on the ice, Os Corpos ou Rompente.
Ao longo do mes de abril de 2023, os e as participantes realizarán unha pequena peza audiovisual de curta duración, na que retratarán á súa veciñanza, tecendo xuntos un valioso entrelazado de pequenas historias persoais e colectivas.
Durante todo o proceso de creación das pezas, os participantes contarán co seguimento, asesoramento, a colaboración e apoio do cineasta Eloy Domínguez Serén.
O taller dará comezo cunha xornada de visionado en grupo, na que os participantes poderán descubrir a obra de distintos cineastas, coñecer os diversos modos nos que se expresan, e contar así con referentes que poidan resultar útiles para a realización das súas propias pezas.
Cada peza final resultante do taller non superará os 6 minutos de duración e poderá ser levada a cabo con calquera formato de gravación, desde teléfonos móbiles ata cámaras profesionais.
As pezas resultantes deste taller presentaranse dentro do marco da celebración da XIX edición de Play-Doc Festival, que terá lugar do 26 ao 1 de maio de 2023.
Inscricións
Este obradoiro está aberto a todo tipo de participantes de todas as idades. Se valorará positivamente certa experiencia en edición e montaxe de videos.
Establécese un máximo de 10 participantes.
Os que desexen participar deberán enviar un e-mail a produccion@play-doc.com co ‘asunto’: TALLER PLAY-DOC, e indicando nome completo, idade e teléfono de contacto.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o día 10 de abril. Unha vez finalizado o prazo, a organización do festival poñerase en contacto cos seleccionados.
As pezas finais deberán ser entregadas antes do 26 de abril.