Sohrab Shahid Saless Dar Ghorbat (Lonxe de casa)

As películas de Sohrab Shahid Saless foron creadas entre 1974 e 1991. Un director dacabalo entre distintos países, distintos mundos, distintas linguas, distintas categorías. Unha vez manifestou nunha entrevista: «Un aeroporto ou o restaurante dunha estación de tren: eses son bos sitios onde atoparme».  A súa vida sempre estivo no medio, como están hoxe os seus filmes. Nado e criado en Irán, pasou algún tempo en Viena e París para estudar cinematografía. Shahid Saless rodou en 1974, en Bandar-e Torkaman, a beiras do mar Caspio, as súas dúas primeiras longametraxes, as cales presentou ese mesmo ano na Berlinale. Despois decidiu mudarse a Alemaña, onde se topou con dificultades á hora de recibir financiamento para os seus proxectos cinematográficos; ao cabo, o apoio dalgúns editores de adquisicións posibilitou a realización de catorce filmes.

Tamén rodou unha película en Cabul e o seu querido Antón Chéjov achegoulle a motivación necesaria para dedicarse a algunhas coproducións filmadas en Checoslovaquia. En ocasións pasaba algún tempo xunto ao mar Báltico, en Múnic ou en Bremen; e, unha e outra vez, volvía a Berlín.

Berlín: por aquel entón, unha cidade onde nas fachadas dos edificios aínda resultaban visibles os buracos de bala, proxectados na paisaxe urbana dunha maneira que chamaba a atención, xusto diante dunhas cabezas que anhelaban esquecer aquela época. Desabotonándole a camisa a esta sociedade, como gritaría, anos despois, o protagonista dunha das súas películas. Saless quería meterse nesas cabezas, entender como o país, ese en o que decidira vivir, podía permitir que ocorrese algo como o nacionalsocialismo. Como era posible que as ideoloxías e racismos parecesen irse diluíndo, só para volver con outras vestimentas? Como podía ser que el, realizador que se marchou de Irán para traballar con maior liberdade, tivese que superar obstáculos similares nunha sociedade democrática?

O de 1975 tamén foi o ano en que se produciu DAR GHORBAT, a primeira película de Saless que se rodou en Alemaña. Un filme que —como o describiu o mesmo Saless— visualiza e mostra o lado humano do problema do illamento nun país estranxeiro. É, así mesmo, unha cinta chea de observacións precisas, e non só do seu propio protagonista, senón tamén da sociedade que o rodea. A obra céntrase nun grupo de persoas que residen nun piso de Kreuzberg. De maneira comunal e solidaria, viven dacabalo entre o traballo e un tempo de añoranza, estruturado a partir de cartas enviadas desde a súa Turquía natal, as necesidades individuais e os intentos por abrirse a un país no que non hai sitio para eles. A través dos ollos de Husseyin, viaxamos, inseguros pero curiosos, por Berlín, buscando encontros, que adoitan limitarse a actos de racismo e rexeitamento cotiáns. O único que queda é o traballo, que se funde nunha serie de ritmos repetitivos: máquinas que se interconectan co corpo de Husseyin e bloquéano. A excepción do famoso actor iraniano Parviz Sayyad, a película está interpretada case na súa totalidade por afeccionados, aos que Saless atopou polos bares.

Entre o material de prensa desta cinta, Saless tiña enmarcada unha cita de Bertolt Brecht, que pode entenderse como modelo programático de máis dunha das súas obras:

Non se distancien demasiado,
por moito que perfeccionen a súa arte,
do teatro do cotián
cuxo escenario é a rúa.

Para Shahid Saless, as rúas constitúen as arquitecturas da sociedade que inscriben en si mesmas as épocas que os habitantes queren suprimir no presente. Desta forma, a película devén un documento histórico dunha realidade disfuncional da RFA, pero tamén saca á luz ás persoas que viven nas marxes da sociedade, a quen non adoitamos dignarnos lanzar unha mirada pola rúa. Con Shahid Saless, estas persoas tórnanse suxeitos cuxo poder radica en contemplar o mundo coma se nel reinase a humanidade.

Talvez o legado das películas de Saless consista en que hoxe somos capaces de entender, a través delas, o que significa cambiar de perspectiva e dirixila cara á sociedade e cara a aqueles que nos achegan ao que nós mesmos ás veces non vemos. Algo que só se ve LONXE DE CASA.

Vivien Buchhorn

 

Vivien Buchhorn é historiadora do cinema e comisaria cinematográfica. Leva moitos anos traballando por dar accesibilidade e visibilidade aos filmes de Sohrab Shahid Saless e, neste sentido, debido a que para algúns deles resultaba difícil obter licenza e o material atopábase bloqueado en arquivos onde era imposible acceder a estas obras, a iniciativa súa creouse o Shahid Saless Arquive (Arquivo Shahid Saless). Co apoio do Goethe-Institut, o novo proxecto arquivístico marcouse a tarefa de restaurar dixitalmente toda a produción de Sohrab Shahid Saless e, ademais de sacar unha publicación en formato de libro, dedicarase a velar continuamente porque se faga un novo labor de mediación histórico-cinematográfico referido a estas obras.

DAR GHORBAT (LONXE DE CASA)

Sohrab Shahid Saless, 91', 1975, Germany-Iran, Islamic Republic of
Director: Sohrab Shahid Saless
Guión: Sohrab Shahid Saless, Helga Houzer
Fotografía: Ramin Reza Molai
Montaxe: Rouhollah Emami
Produción: Provobis-Film, Germany/New Film Group, Iran
Son: Frank Schreiner, Max Galinsky
Con: Parviz Sayyad, Anasal Cihan, Muhammet Temizkan, Hüsamettin Kaya, Sakibe Kaya, Imran Kaya, Ursula Kessler, Ute Bokelmann
Dereitos: PROVOBIS Gesellschaft für Film und Fernsehen mbH co apoio do SHAHID SALESS ARCHIVE

Restauración de Provobis Gesellschaft für Film und Fernsehen mbH en colaboración co Goethe-Institut y Shahid Saless Archive, financiado por FFA.

Hussein chega a Berlín Oeste desde Turquía, sobe as escaleiras da estación de metro, mira con incerteza e curiosidade as fachadas dos edificios. Pero a nova contorna desprézalle, non lle ofrece un fogar entre a monotonía do seu traballo nunha troqueladora, a veciña fisgona e o racismo cotián. Os únicos momentos de solidariedade que atopa son os da comunidade do seu apartamento en Kreuzberg. Dar Ghorbat, a primeira película que Sohrab Shahid Saless filmou en Alemaña, achéganos ás condicións de vida dunha persoa que tras deixar a súa casa é condenada a unha procura perpetua. Os efectos do clima social que se percibe neste filme, son aínda visibles na Alemaña de hoxe en día.

ENTRADAS