CINEMA PERCORRIDOS IV: Inmersión sonora. / Por Xisela Franco
Cinema Percorridos é unha orixinal experiencia que cumpre o seu cuarto ano levando o cinema artístico máis aló da pantalla tradicional para expandilo sobre localizacións históricas de Tui. Unha experiencia única multipantalla, inmersiva, que se goza ao longo dun paseo nocturno de hora e media pola cidade.
Propoñemos a un grupo de artistas, cineastas ou visualistas, o reto de resignificar tres espazos habitualmente non abertos ao público. Estes creadores empregan os seus proxectores como ferramentas prodixiosas e nas súas performances multipantalla -de cinema expandido ou ao vivo cinema- exploran novas formas de facer cinema. Contaremos tamén con varios artistas que, vindo da antropoloxía musical, da vangarda sonora ou da música electrónica, exploran o son como arte. Cinema Percorridos non só será unha experiencia visual senón tamén un verdadeiro acontecemento sonoro.
Ademais, ofrecémoslles a eses artistas tres películas documentais restauradas pola Filmoteca de Galicia- CGAI nas que aparece Tui (Unha viaxe por Galicia de Manuel Arís 1958, e Alma Galega -1966- ou Pontevedra ao día 1969 de Armando Hermida) para que, reapropiándose deste material, as integren nalgún momento da súa performance.
A primeira acción corre a cargo da artista visual e programadora creativa Marta Verde, en conxunción alquímica co compositor e artista sonoro José Venditti. Xuntos estrean para Play-Doc D´Oro, un espectáculo que explora a fascinación mística do ser humano polo espectro dourado, o ouro, transformando a Igrexa de San Domingos nun escenario hipnótico e de transo. Traballan os límites da melodía e o ruído nun exercicio de equilibrio entre composición e libre improvisación. Un set conformado por sintetizadores modulares, luz, saxofón, obxectos percutivos e procesamento dixital.
Na segunda parada deste roteiro, o colectivo de cinema expandido M8 (Cris Lores, Belén Veleiro e Lúa Sálamo), no seu radical aposta polo celuloide, accionarán unha vintena de proxectores analóxicos despregados polo claustro do Seminario de Tui. Lanzarán películas domésticas (8mm, Super8, 16mm) acompañados polo colectivo sonoro Colapso (Che Garrido, Pablo LCTRCT). Xuntos forman Novasoyuz, unión que propón a interacción entre o cinema expandido e a manipulación de rexistros sonoros en directo. As paisaxes acústicas de Pablo Electrocute caracterizados polo ruidismo e o afterpunk combínanse co universo de texturas electrónicas, samplers, delays, osciladores e loops de Che Garrido.
No patio do Cárcere Vello de Tui coñecemos o traballo do etnomusicólogo e compositor galego/venezolano Carlos Suárez. A súa instalación mostra os aparellos que el mesmo constrúe: esculturas, autómatas cinético-sonoros fabricados con motores ou dispositivos electrónicos autosuficientes. Na súa proposta, coexiste o interese pola fonografía, a gravación de campo, a recuperación de sons en perigo de extinción, os sintetizadores modulares e ese universo persoal que el chama Organoloxía experimental.
Para finalizar, na parte interior do cárcere contamos coa artista visual, fotógrafa e poeta Josefina Cuneo, coñecida visualista da escena musical alternativa uruguaia. Presenta Imago, un ensaio audiovisual performativo que trata aspectos autobiográficos, como o subxectivo do tempo e a memoria, a irrupción da pandemia, o peche ou a súa abrupta migración de Montevideo a Madrid; O seu arquivo fílmico persoal, como un espello roto, devólvelle fragmentos pantasmas da súa memoria. Terminamos Cinema Percorridos con esta performance videográfica que nos aproxima ao íntimo e máis humano. Aparece a palabra, quebradiza, convertida pola autora en reflexión poética e liberadora.