Play-Doc, que celebrará a súa 19ª edición do 26 de abril ao 1 de maio na cidade de Tui, anuncia as películas que conformarán as competicións de longametraxes e curtametraxes nesta nova entrega do certame. Un programa que inclúe obras de prestixiosos cineastas, así como traballos de realizadores emerxentes. Todas as películas preséntanse en estrea española.
O recoñecido cineasta norteamericano John Gianvito, presentará o seu último traballo The Grave´s Sky (2023) nesta nova edición de Play-Doc; xunto a este poderanse ver tamén dúas obras do prestixioso realizador francés Jean-Claude Rousseau: Welcome(2022) e Souvenir D´Athènes; así mesmo, o director italiano Fabrizio Ferraro presentará I morti rimangono con la bocca aperta, coproducido en España por Eddie Saeta. Desde Chile participará tamén o director Diego Acosta con Al amparo del cielo (2022). Tamén se poderá ver na categoría de competición internacional Ame No Uta do xaponés Tetsuichiro Tsuta, e Mourir à Ibiza (un film en trois étés) dos novísimos realizadores franceses Anton Balekdjian, Léo Couture e Mattéo Eustachon. A realizadora belga Isabelle Tollenaere presentará The Fruit Tree e por último, a navarra Marina Lameiro participará coa súa película Krutxalteanik Uronarat que presentará en estrea mundial.
O xurado internacional encargado de conceder os premios das categorías internacionais estará composto pola soada cineasta portuguesa Rita Azevedo Gomes, o realizador e archivista indio Shivendra Singh Dungarpur e Hayet Benkara, curadora e experta de industria e mercados de coprodución internacionais, nacida en Francia e afincada entre Canadá e Europa.
Recoñecidos profesionais do ámbito cinematográfico internacional para a proposta de mesas en liña de Play-Doc 2023
Coordinadas polo crítico de cinema e programador arxentino Roger Koza, Play-Doc levará a cabo unha serie de encontros virtuais que reunirán a recoñecidos profesionais de todo o mundo, desde cineastas, artistas e programadores ata profesores, archivistas e críticos de cinema.
Ditas mesas, que estarán accesibles en liña durante a celebración do festival, tratarán sobre diversas cuestións relacionadas coa industria do cinema: os festivais, as audiencias, os espazos de formación, as dinámicas de produción, de exhibición ou da necesidade da preservación.
Os profesionais participantes desta edición serán: Paula Félix-Didier, directora do Museo do Cinema de Buenos Aires, docente, investigadora e recoñecida especialista en conservación, restauración e arquivo de medios audiovisuais. Jurij Meden, cineasta, crítico e programador esloveno, editor en xefe a revista internacional KINO!. Haden Guest programador, produtor de cinema e director do Arquivo de Cinema de Harvard en Estados Unidos. Ignacio Agüero, un dos documentalistas máis recoñecidos en Chile, así como os directores arxentinos Gustavo Fontán, Jonathan Perel, e a cineasta e coreógrafa chinesa, Zhang Mengqi.