Kidlat Tahimik

Kigeki: Collagen eines kosmopolitischen Pelikula Makata (claro que sí!)

Por Olaf Möller

Kidlat Tahimik estudou nos dous mellores centros que podería pisar nunca un realizador: primeiro cursou Economía na nación do antigo invasor, na Wharton School da University of Pennsylvania (que resulta que é o mesmo lugar ao que asistiu un investidor de peiteado ridículo, incompetente para os negocios, afectado de problemas lingüísticos á vez que adicto ao Twitter e que agora teima en querer ocupar o último lugar na clasificación histórica de presidentes dos EUA); despois viviu nunha comuna, entre estudantes de cinematografía, nun destino exótico chamado Baviera, situado no sur dun país estraño que levaba por nome República Federal de Alemaña, onde observou o que facían aqueles e quedou coa présa de cousas que lle pareceron útiles (no canto de escoitar os profesores que lle dicían o que era importante, información que logo, cos anos, ficou tranquilamente esquecida); entremedias, traballou para a OCDE (a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos) en París, lugar deprimente de máis como para permanecer alí, probablemente porque lle demostrou a Tahimik o atinado das cousas das que falaba no seu traballo de fin de mestrado; ninguén quere saber que os seus pesadelos son cinema directo. Tahimik, por certo, aínda se chamaba daquela Eric de Guia.

Turumba (1981), a súa segunda cinta, que en realidade é a terceira, preséntase como comedia rosmona baseada nunha historia mesmo máis rara que está tomada da vida de Tahimik: a que o leva a Baviera. En Turumba, unha tipa capitalista da Alemaña Occidental chega a Laguna, provincia fronteiriza con Metro Manila e famosa polas figuras de papel maché que se venden na procesión anual de Turumba, e pídelle a unha familia de artesáns locais que fagan figuriñas móbiles de Waldi destinadas a seren comercializadas durante as Olimpíadas de Múnic de 1972; na realidade, o mesmo Tahimik fixo quincalla daquela, que se vendeu ben. Ata que por culpa de Setembro Negro empezou a parecer… indecorosa? (Se alguén que estea a ler isto se acorda de súpeto de que a avoa ou o avó teñen un espantaespíritos de Waldi de aspecto máis ca curioso botándose a perder no faiado: cómprocho!) O cal resulta interesante, xa que as Olimpíadas de Múnic foron, no tocante á mercadoría que se distribuíu e ao valor da súa mascota, un fito na historia económica dos Xogos, se ben só no plano da mercadotecnia, non no do éxito obtido, posto que Waldi foi un fracaso (non por casualidade, a versión abreviada do filme, que constitúe a súa «encarnación orixinal» de facto, por ser a que a televisión da RFA lle encomendou a Tahimik para a serie en seis partes Vater Unser, titúlase Olympisches Gold). Turumba posiblemente sexa a maneira máis excéntrica que existe de entrar no universo de Tahimik, un universo de todo singular (que o é, abofé; nada de cosmos!), dado que está dirixida cun estilo que, comparado con outros, resulta clásico, e nela o xefe mesmo non aparece na pantalla; o cal equivale a dicir que se trata tan só dunha peza de ficción intelixente e un tanto estrafalaria que se acha revestida dunha notable plusvalía etnográfica.

Talvez por isto o terceiro filme de Tahimik, que en realidade é o segundo, Sinong lumikha ng yoyo? Sinong lumikha ng moon buggy? (1982), se ten visto pouco en comparación, malia constituír unha especie de continuación do seu debut, o de verdade, Mababangong bangungot (1977), que non só é, na historia do cinema, unha das películas máis sobresaíntes e alucinantes con que pode presentarse un director, senón que tamén se converteu ao instante nunha sensación cando se proxectou na Berlinale de 1977, desde onde se abriu camiño ata todos os recantos do mundo.

Mababangong bangungot fala das dificultades que experimenta un condutor de dyipnis namorado da imaxe dos EUA que forma de tanto escoitar incesantemente Voice of America; e, como a terra dos homes libres e o fogar dos valorosos tamén é coñecida por ser o único país do globo onde todo o mundo pode chegar a ser calquera cousa, o noso condutor de dyipnis quere ir aló para se facer astronauta; considerando que, segundo conta o mito, o deseño do vehículo lunar foi obra dun filipino de nome Eduardo San Juan, o anterior non soa tanto a soño como a algo que facer, e, de todos os xeitos, el non creara xa un club de fans de Werner von Braun no seu barangay, Balian? (Verificación de datos: Eduardo San Juan traballou como técnico no vehículo lunar, pero non interveu nin na construción nin no deseño; que noxo, a realidade.) O condutor de dyipnis atopará o camiño que o vai levar ao mundo sobredesenvolvido, se ben se tratará do camiño errado: París, que resulta ser O HORROR; se el fose unha xaponesa, a embaixada sacaríao de alí en avión co diagnóstico de neurose de guerra cultural (que é, de feito, algo que se fixo hai anos, cando a turba inundou a capital francesa baixo o impulso de estrañas ideacións románticas, para acabar descubrindo que a xente do lugar era… diferente do que eles esperaran); como non é máis ca un pinoy, un filipino, ten que atopar por si só o camiño que o leve á casa. Chega agora Sinong lumikha ng yoyo? Sinong lumikha ng moon buggy?, e o noso condutor de dyipnis, ou, polo menos, a súa presenza cinematográfica, Kidlat Tahimik, está de volta en Occidente, mais nun dos seus currunchos menos industrializados: a Baviera rural, onde se afana en construír unha nave espacial. A forma dos campanarios das igrexas do lugar deixa moi claro que se trata dun terreo poderosamente fértil para unha empresa coma esta. En xeral, o noso Inocente no Estranxeiro séntese comprendido polas xentes de alí, que se entreteñen chamándolle ioió, ou paspán, con benevolencia. Por certo, o ioió foi inventado, de feito, nas Filipinas: coma no caso do búmerang, trátase dunha arma indíxena de caza, que nós, badulaques decadentes, convertemos en xoguete.

Tanto Mababangong bangungot como Sinong lumikha ng yoyo? Sinong lumikha ng moon buggy? son, esteticamente, distintas de todo o feito ata agora (ou desde aquela, xa que estamos): ordinarias, dialécticas, surrealistas, brutalmente directas; cunha elaboración que tende a asemellarse máis á construción dunha cabana de teito de palla con pólas de sabugueiro, cinta para acordoar o lugar do delito, cacharros varios sobrantes de entre as cousas que se lles venderon aos veciños o ano anterior e perlas que levara para a praia unha ama. Dito isto, talvez non fose de todo accidental que a RFA constituíse o lugar onde Tahimik empezou a facer películas deste xeito (o seu xeito), posto que se respiraba alí unha atmosfera que un artista dos seus instintos podería atopar propicia; é demasiado apuntar á existencia de paralelismos con Alexander Kluge no seu período máis estrambótico, cando fixo trangalladas dialécticas de ficción científica antiépica?, percibir certas afinidades co máis grande de todos os anarquistas bávaros do audiovisual, Herbert Achternbusch? Ou á inversa: as Filipinas e a RFA amosaron, por motivos diversos e non sempre compatibles, un fondo interese mutuo durante os anos de Marcos, que conduciu a moitas «cousas» derivadas do intercambio cultural; e Tahimik foi, simplemente, o home axeitado, que se atopaba no lugar máis acaído no momento adecuado.

O cal se fixo patente, dun xeito doloroso, despois de Sinong lumikha ng yoyo? Sinong lumikha ng moon buggy?, cando o interese que espertaba Tahimik alí se esvaeceu; Memories of Overdevelopment, que se iniciou xusto logo de concluír Sinong lumikha ng yoyo? Sinong lumikha ng moon buggy? e deu como resultado, arredor de 1984, algo semellante ás ruínas orixinais (33 minutos de escenas combinadas moi por riba), tería que terse ultimado coma queda dito, mais non foi así; a televisión da RFA seguiu a cofinanciar distintos filmes artísticos dalgúns realizadores filipinos, mais nada coma as obras de Tahimik. O anticolonialismo visionario quedara desfasado a mediados da década de 1980 e puxérase de moda a contrahistoriografía seria.

Desde este momento, a cinematografía de Tahimik vaise aproximando aínda máis a unha colaxe, un mosaico, un ensaio, nesa clave máis documental ca as películas vistas ata daquela; de feito, nos trinta e cinco anos que transcorreron desde o afundimento das orixinais Memories of Overdevelopment, Tahimik rematou só dous essais-fleuves: Bakit dilaw ang gitna ng bahag-hari? (1994), reelaboración dun proxecto duplo chamado I Am Furious (Yellow) e I Am Curious (Pink) que se ocupaba da revolución EDSA de 1986 e do período que veu a seguir, todo o cal se engarza aquí nun tapiz máis amplo no que a vida cotiá da familia de Tahimik ten tanta importancia coma calquera axitación política de consideración; un principio estético mediante o cal a historia do servente-tradutor pinoy de Magallanes que chegaría a ser o Gastarbeiter orixinario, para acabar volvendo ao fogar convertido no primeiro home en circunnavegar o globo, sería traída a unha (ha, ha!) versión rematada que levaba o descarado título de Balikbayan #1: Memories of Overdevelopment Redux III (2015): un filme referido a como Tahimik, logo do período que pasou no seu mundo balikbayan da RFA (porque, en certos sentidos, iso era o que fixo), volveu para a casa e tivo unha existencia marabillosa durante a que se dedicou a cousas agradables, como coidar dos fillos, vivir cos ifugaos e aprender deles, empezar a traballar na madeira e nas artes performativas etc., en tanto que o mundo non ía necesariamente a mellor. As obras, máis breves e polo xeral de coprodución xaponesa, que se crearon entremedias e canda estes dous mastodontes, Takedera mon amour: Diary of a Bamboo Connection (1991) —para a cal se fixo a súa totémica cámara de bambú—, a serie Video-Palaro, de curtas estilo diario (a partir de 1992), Japanese Summers of a Filipino Fundoshi (1996) e Banal Kahoy (2002), son máis ben creacións accidentais, esbozos, resumos, pausas preñes de significado.

Tahimik deixou de facer películas en 1984 e desde aquela vive coma se a realidade fose un filme, coa intervención de todos nós como actores ou participantes, aínda que a maioría non vaiamos chegar nunca á gran pantalla. Pero aí estamos!

BAKIT DILAW ANG KULAY NG BAHAGHARI – AMARELO DE RABIA

Kidlat Tahimik, 174'', 1981, Philippines
Escrita e dirixida por: Kidlat Tahimik
Cámara: Kidlat Tahimik, Boy Yniguez
Montaxe: Kidlat Tahimik
Música: Tumandok, Gerry Baguio, Jessie Soluta, Boy Garrovillo, Tito Martinez, Ballatong Gaspalinao, Shant Verdun, Diokno Pasilan

Mentres Tahimik amosa a historia da súa familia, está a amosarnos ao mesmo tempo a historia de Filipinas. Este diario épico que abrangue toda a década dos anos 80, non só documenta vacacións no estranxeiro e os primeiros pasos dos seus fillos –incluso unha volta con Dennis Hopper no seu vello Cadillac–, senón tamén terremotos e furacáns, a aparición da Revolución do Poder do Pobo, a destitución de Ferdinand Marcos e o ascenso de Corazón Aquino. Como di Christopher Pavsek «esta obra mestra ensínanos como hai que enfurecerse ante as inxustizas do mundo, pero tamén como encarar as inxustizas coa máis profunda alegría.»

BALIKBAYAN #1: MEMORIAS DO SUPERDESENVOLVEMENTO REDUX VI

Kidlat Tahimik, 159'', 1979, Philippines
Escrita e dirixida por: Kidlat Tahimik
Fotografía: Santos Bayucca, Kawayan de Guia, Kidlat de Guia, Abi Lara, Lee Meily, Kidlat Tahimik, Boy Yniguez
Montaxe: Malaya Camporedondo, Charlie Fugunt, Chuck Gutierrez, Abi Lara
Vestiario: Katrin de Guia
Música: Los Indios de Espana, Shanto
Con: Kidlat Tahimik, Mitos Benitez, Jeff Cohen, Kabunyan de Guia, Katrin de Guia, Ka-wayan de Guia,

BalikBayan, que en tagalo significa retornado, trata entre outras cousas do regreso a casa de Enrique de Malacca, un suposto escravo malaio do explorador portugués do s.XVI Fernando de Magallanes, quen circunnavegou o mundo antes de volver ao seu país como home libre. Kidlat Tahimik non se conforma con nada, nin contando o pasado colonial, nin con calquera das versións desta película, que estivo facendo e revisando por preto de catro décadas.

LAKARAN NI KABUNYAN – A VIAXE DE KABUNYAN

Kidlat Tahimik, 68'', 2018, Philippines

Lakaran nin Kabunyan segue ao fillo de Tahimik, Kabayan, nunha viaxe desde a súa Baguio natal nas frescas montañas, até Davao, a pegañenta metrópole do sur, nunha simpática furgoneta laranxa. Orixinalmente esta película era unha das tres partes que compuñan Lakbayan (Viaxe), unha colaboración entre tres lendarios cineastas filipinos que incluía así mesmo Desfocado (Desenfocado) de Brillante Mendoza e Hugaw (Sucidade) de Lav Diaz.

MABABANGONG BANGUNGOT – PESADELO PERFUMADO

Kidlat Tahimik, 91'', 1977, Philippines
Escrita e dirixida por: Kidlat Tahimik
Fotografía e Montaxe: Hartmut Lerch, Kidlat Tahimik
Música: Hanns Christian Müller
Con: Kidlat Tahimik, Mang Fely, Dolores Santamaria, Katarina Muller, Hartmut Lerch, Georgette Baudry

Pesadelo perfumado mostra as aventuras dun condutor de jipni, medio de transporte público filipino, que soña con emigrar a Norteamérica e converterse en astronauta. Cando por fin chega co seu jipni a París, a realidade do mundo occidental destrúe os seus soños e decide regresar a Filipinas. Esta primeira longametraxe de Tahimik, chea de imaxinativas metáforas visuais e que transcende todos os límites, fíxose co premio da crítica no festival de Berlín en 1983, seis anos despois da súa realización. Como dixo Susan Sontag sobre esta película: «lémbranos que a inventiva, a insolencia, o feitizo e mesmo a inocencia son aínda posibles no cinema».

SINONG LUMIKHA NG YOYO? SINONG LUMIKHA NG MOON BUGGY? – QUEN INVENTOU O YOYÓ? QUEN INVENTOU O VEHÍCULO LUNAR?

Kidlat Tahimik, 95'', 1978, Philippines
Escrita y dirigida por: Kidlat Tahimik
Fotografía: Kidlat Tahimik, Butch Perez u. a.
Montaje: Kidlat Tahimik, Karl Fugunt
Special Effects: Kidlat Tahimik
Animation: Santy Bose u. a.
Con: Kidlat Tahimik, Kitlat Gottlieb De Guia, Gisela Wolfbauer, Victor de Guia, Tom Richter, Katrin Müller De Guia u. a.

Kidlat Tahimik asóciase cun grupo de nenos nunha granxa bávara para construír un foguete espacial. O obxectivo é ir á lúa para comprobar se é posible xogar ao ioió na súa superficie. Como sinalan algúns dicionarios, o ioió é precisamente un invento filipino. É así como a granxa alemá convértese na base do primeiro Proxecto Oficial Filipino Lunar ou P.O.M.P (siglas de Philippine Official Moon Project).

TURUMBA

Kidlat Tahimik, 95'', 1981, Philippines
Escrita e dirixida por: Kidlat Tahimik
Fotografía: Boy Yniguez
Montaxe: K.H. Fugunt
Son: Ed de Guia, Neidhart Franke, Rolly Ruta
Música: Mandy Afuang
Con: Homer Abiad, Iñigo Vito, Maria Pehipol, Patricio Abari, Bernarda Pacheco, Katrin de Guia

Nunha pequena aldea filipina, o pequeno Kadu e a súa familia elaboran figuras de papel maché para os rituais Turumba na honra da Virxe María. Un día, o traballo artesanal da familia atrae a atención da directora de compras duns grandes almacéns en Alemaña, que adquire todo o stock e encarga outras 500 figuras coa palabra Oktoberfest pintada nelas. O proceso artesanal transfórmase nunha alienante cadea de montaxe e moi pronto todo o pobo vese manufacturando freneticamente cans salchicha –a mascota das Olimpíadas de Munich de 1972–, poñendo en serio perigo ás mesmísimas Turumba. Este conto con moral advírtenos dos perigos do capitalismo.