NIÑO DE ELCHE + RAÚL CANTIZANO + IMAXES DE LOIS PATIÑO
DOMINGO 8 DE MAIO 20:30h – TEATRO MUNICIPAL DE TUI
Na primeira parte da proposta Niño de Elche basearase no seu último disco titulado “La Exclusión”, que parte da colaboración co escritor e filósofo Ramón Andrés e o seu libro ‘Pensar e non caer’ para reflexionar, entre outros aspectos, sobre a alteridade co animal, a súa humanidade e a domesticación do home. Tamén sobre a idea do excluído con Europa como contexto, os corpos problemáticos, a dor, así como a concepción da morte e a nada. Xunto ao músico e compositor Raúl Cantizano, as imaxes que acompañarán neste primeiro movemento pertencen á colaboración que desenvolveu co cineasta galego Lois Patiño. O proxecto está gravado en ADEBO – Asociación para la Defensa del Borrico, un admirable proxecto que, ademais de dar acubillo a máis de 100 asnos, trata de concienciar sobre a situación dramática destes animais en España. A segunda parte estará marcada por diferentes pezas e cancións doutros proxectos que Niño de Elche foi desenvolvendo ao longo da súa carreira.
NACHO • FAIA • LAR | De não saber o que me espera.
Tradición e vangarda en homenaxe a Zeca Afonso
MIÉRCORES 4 de MAIO 20:30h – TEATRO MUNICIPAL DE TUI
De não saber o que me espera é o nome que dá título a un proxecto musical de nova creación feito por tres artistas referentes da vangarda musical galega: Nacho Muñoz (Igmig) ao piano e eléctrónica, Faia Díaz (FAIA, de Vacas) na voz e Lar Legido (Sumrrá) na batería.
De recoñecida traxectoria no ámbito da música tradicional e experimental, Nacho · Faia · Lar colaboran xuntos por vez primeira na creación deste proxecto que afonda na figura e repertorio do cantante Zeca Afonso desde unha perspectiva transgresora e contemporánea para mostrarnos unha visión renovada da obra do artista portugués e ofrecernos un concerto que se move entre a tradición, a vangarda e a experimentación sonora nunha proposta transfronteiriza alén do espazo-tempo.
Para o concerto de Play-Doc estarán acompañados das creacións visuais en directo de Sr. Pause, alter ego do artista galego Roi Fernández.