
Cinema Percorridos é unha orixinal proposta que leva o cinema artístico máis aló da sala e pantalla tradicionais para proxectalo sobre edificios históricos de Tui. Nesta terceira edición propoñemos a unión entre o live cinema (cinema en directo) e a danza contemporánea. Queremos presentar unha maridaxe entre estas dúas formas expresivas que unidas dan lugar a unha arte nova, ‘Coreocinema’, denominado así xa desde os anos 40 a partir dos experimentos de filme-dance da lendaria cineasta Maya Deren que entendeu o propio medio fílmico como unha práctica coreográfica.
Coreografía e cinematografía son ambas as escrituras (grafías) que xogan co espazo, o tempo e o movemento. Cando nace o cinema a finais do SXIX, a danza (que se remonta ás orixes do ser humano) por fin pode ser rexistrada, estudada, inmortalizada máis aló da súa efémera natureza. Se a danza contemporánea xorde como reacción ás formas máis clásicas, o cinema de vangarda tamén se rebela contra o discurso convencional, para propoñer en ambos os casos novas formas de arte en movemento.
Convidamos a seis artistas radicais, tres delas coreógrafas/bailarinas (Mercé de Rande, Carolina Fernández e Echo Higuchi) e tres cineastas/artistas visuais (Judith Adataberna, Marta Valverde ou Joao Beira), para que en parellas realicen unha performance en directo. Propúxoselle a cada artista a súa parella en función de afinidades e correspondencias, e así cada dúo artístico mergullouse nun proceso intenso, rico e colaborativo, onde se aprecia a improvisación que todas practican. Cinco destas artistas son mulleres e neste sentido insístese nunha mirada feminina insubordinada, móbil, fragmentada e profundamente subxectiva.
Mercé de Rande (Vigo. www.mercederande.com) é coreógrafa, bailarina, directora artística, e combina as artes escénicas coa fotografía ou a pintura. A súa investigación e práctica artística levárona a bailar e habitar cidades como Madrid, Lisboa, Toulouse, Monteplieu, NY, Zúric, Viena, Copenhague, Berna, nunha traxectoria desbordante que se estende ata Xordania, Exipto ou Xapón tecendo unha comunidade multicultural de colaboradoras. A súa proposta performativa baséase na hibridación, a danza con vocación experimental cara ao performance, un cruzamento entre as artes escénicas e o cinema, a fotografía e a pintura.
A súa parella de creación é a tamén galega Judith Adataberna (Vigo. www.adataberna.com) , cineasta experimental, fotógrafa, que estende a súa praxe cara á videoinstalación, o live cinema, e que a levaron tanto a festivais internacionais de cinema como exposicións en galerías de arte. A súa investigación sobre os paradigmas da percepción ou os misterios da conciencia, o mecanismos de supervivencia, o folclore, son elementos que atoparon con Mercé de Rande un compartido interese, focalizándose ambas as artistas para este proxecto no atávico, a natureza, os mitos e lendas galegas.
Carolina Fernández ( Grenoble, www.poeticasurbanas.webnode.es ) artista visual e escénica, dramaturga, bailarina, formouse o últimos quince anos entre o teatro e a danza ( Espazo Aberto en Santiago de Compostela e posteriormente Centro Nacional de Danza Contemporánea en Angers, Francia), realizando multitude de cursos intensivos e laboratorios escénicos variados, desde o clown ata a danza butoh. Imparte cursos sobre Consciencia Orgánica Creativa, compartindo o seu traballo de indagación do corpo, a consciencia, o movemento, levándoo ao chamanismo e o espiritual, a través de diversas técnicas como o ioga, a meditación, o método talmi ou as danzas sacras de Gurdjieff. Esa formación interdisciplinar achega ás súas obras unha combinación de linguaxes entre as artes escénicas, o performance, a instalación, a poesía e o vídeo.
Marta Valverde (Nigrán, www.martavalverde.com ) é unha artista visual que xoga co cinema desde o documental autobiográfico, desprazándoo cara ao live cinema, o vjing, a conferencia audiovisual performativa, explorando as marxes do medio e a pantalla múltiple, abarcando tamén a fotografía, o videoclip, para tratar con todas estas formas temas como a precariedade, as violencias, ou a prostitución. Esa inquietude socio-política e esa necesidade, e xenerosidade, de traballar a arte desde o autobiográfico, conectan moi ben o seu traballo co da súa parella de creación Carolina Fernández. Ambas se mergullaron nun proceso creador desde esa forza íntima que para as dúas é motor, a partir de sincronicidades vitais, cara a unha liberdade corporal e de pensamento máis aló de convencionalismos.
E por último, como presencia en movemento, a deseñadora de roupa e accesorios artísticos, gorros ou máscaras para moda e performances, tamén bailarina de lume e artista de circo, a xaponesa Echo Higuchi ( Osaka, Xapón www.echowear.net ), que leva ao deseño e á dirección de arte o seu universo de estética trance e fascinación tribal. Esa procura da harmonía partindo da escuridade e o misterio expresa unha linguaxe propia, cada vez máis minimalista, que propón unha nova consciencia do mundo en fusión co natural.
Joao Beira (Porto www.joaobeira.com ), artista visual, especialista en instalacións inmersivas ou de gran tamaño, 3D vídeo- mapping, live visuals, desarrollador de software, artista de código, Beira centrou a súa práctica artística e a súa investigación académica ( Phd. University of Texas) na interacción entre a luz, o corpo, a danza e o audiovisual interactivo e en directo. Estivo presente co sea traballo a nivel internacional en infinidade de festivais de arte como o SXSW, o Burning Man en EEUU, e en está a cargo da dirección de videoarte do Boom Festival (Portugal). O seu interese polo inesperado, a natureza, os sistemas vivos, a psicoldelia, fusiónanse cos da súa parella de creación Echo Iguchi que achega a presenza do seu corpo e a forza do deseño. Ambos son membros do colectivo Datagrama visuals www.datagramavisuals.com
Hoxe todas as artes fusiónanse e estes artistas exploran nas súas obras a linguaxe audiovisual contemporánea cando se retroalimenta coas artes escénicas. Para o espectador, unha experiencia única con tres paradas no camiño, tres acciones performativas irrepetibles especificamente pensadas para Playdoc. Viva o cinema, viva a danza!
Comisariado por Xisela Franco.