Benvida

Bette Gordon

Encántame mirar. Sempre me fascinaron o cinema e ese secreto pracer de voyeur que me causa mirar imaxes na pantalla. Cando se atenúan as luces e eu fico sentada na escuridade, durante eses momentos que transcorren xusto antes de se despregar maxicamente o mundo cinematográfico na pantalla, quedo suspendida no espazo e no tempo, nun estado de desexo.

Non hai mellor xeito de sentir tal pracer unha e outra vez que nun festival de cine situado nunha das cidades máis bonitas da comunidade española de Galicia e á beira do río Miño, fronte a Portugal, onde se pode pasar dun país a outro simplemente con cruzar a ponte. O Play-Doc é Cinema e constitúe unha celebración da inventiva e do poder visual do aparello cinematográfico. Este festival convida o público a explorar como as películas nos chaman, nos retan, nos inspiran e nos fan volver por máis. O Play-Doc é un testemuño da pura emoción que sente un cando descobre cineastas que crean o tipo de cinema que custa atopar no baleiro das innumerables plataformas de emisión; o Play-Doc ofrécelle ao público a ocasión de descubrir o que este non ía atopar en ningunha outra parte.

Na Viennale de 2019, tras coñecer a Sara García Villanueva, codirectora do Play-Doc xunto con Ángel Sánchez, quedei entusiasmada ao recibir o convite de vir a Tui para proxectar unha retrospectiva das miñas primeiras curtas experimentais, así como a miña película máis coñecida, VARIETY. Púxenme a planificar a viaxe de inmediato, pero uns meses despois a covid arrasou a nosa vida e por todo o mundo quedamos todos confinados; ninguén sabía como iamos combater ese virus. Ao cabo, despois de case dous anos de agarda, en 2021 por fin puiden acudir a este festival de cine tan pequeno, íntimo, senlleiro e persoal, que trae un programa meditado, provocador e seleccionado con moito coidado que abrangue cintas, realizadores e convidados procedentes de todas as partes. Levo desde a década de 1980 asistindo a festivais internacionais, pero nunca namorei de ningún como do Play-Doc, deses directores e organizadores tan cálidos e apaixonados, do público e da xente de Tui e da cidade mesma. Mentres paseaba unha tardiña con Sara e Ángel por unha ruela serpeante que ascendía por unha costa bastante empinada, deixoume cativada unha catedral gótica do século XIII que se conserva desde a Idade Media. Ao contemplala, conmovida, comprendín que estaba a vivir un momento perfecto.

Facer cinema é unha elección vital; require moitísima dedicación, require moitísimos azos e un ten que crer de verdade nesa idea. Cando se lle mostra un filme a un público, como aos do Play-Doc, todas as inseguridades e preocupacións desaparecen e, no canto diso, un sente a calidez, a curiosidade e o gozo de compartir a experiencia cinematográfica, unha experiencia como ningunha outra.

BLURRY THE EXPLORER

Walter  Saxer

En setembro de 2021 tiven a honra de presentar no Festival de Cine Internacional de Tui, a miña película Sepa, nuestro Señor de los Milagros, filmada 1986 na colonia penal do mesmo nome, na  Amazonia peruana. Este documental foi restaurado grazas á colaboración do Ministerio de Cultura do Perú, a Cinemathèque Suisse e a Cineteca di Bologna.

A pesar da situación de pandemia, a participación do público foi numerosa e sorprendentemente viva. Tamén fun convidado a dar unha clase maxistral sobre o meu documental e a miña traxectoria profesional como produtor executivo, cousa que nunca fixera na miña vida. Pese ao nerviosismo inicial atopeime bastante cómodo grazas a participación da xente, que estaba moi ben informada. Unha das preguntas que me fixo alguén de entre a audiencia, segue deixándome  pensativo hoxe en día. Como é posible que despois dos cinco anos do sufrimento que supuxo a rodaxe de  Fitzcarraldo, puiden filmar, cinco anos máis tarde, e en só cinco días, Sepa, este documental marabilloso?

O festival de Tui foi para min o festival máis simpático que coñezo e oxalá que poida sorprenderlles este ano coa miña biografía Película ou morte.

Iquitos, 10 de Febreiro 2022