OBRADOIRO: O IMAXINARIO DA FRONTEIRA

O IMAXINARIO DA FRONTEIRA

Obradoiro de cinema comunitario.

“O único bo que teñen as fronteiras son os pasos clandestinos.”
Manuel Rivas

Obxectivos
A fronteira como limbo xeográfico, político, económico ou lingüístico é un dos conceptos máis ricos e complexos do noso imaxinario cultural. A fronteira física, a fronteira metafórica, a fronteira emocional. Nun tempo no que a meirande parte da cidadanía cre con firmeza e determinación na irmandade, solidariedade e respecto entre os diferentes pobos, as fronteiras continúan a ser escenario de tráxicos conflitos políticos, migratorios e mesmo bélicos.

A fronteira entre Tui e Valença do Minho non só é unha das máis concorridas e permeables de toda Europa, senón que representa un magnífico exemplo de irmandade, cooperación e convivencia entre pobos veciños.

Dende esta perspectiva, o noso obradoiro convida aos veciños e veciñas de de toda a comarca a reflexionar sobre a súa propia experiencia da fronteira, ben sexa como espazo físico, emocional ou metafórico.

Que significa, en pleno século XXI, a idea de fronteira? De que xeito se relacionan os veciños e veciñas a un e outro lado da Raia? Como narrar, describir, retratar… en definitiva, representar cinematograficamente ese espazo mítico?

 

Descrición

Este obradoiro será impartido por Eloy Domínguez Serén, recentemente premiado coa  Biznaga de Prata á mellor curtametraxe na pasada edición do Festival de Cine de Málaga polo seu primeiro proxecto de ficción Rompente. A carreira de Domínguez conta cunha notable traxectoria internacional, na que destacan títulos como Hamada ou Non cow  on  the ice.

Ao longo do mes de abril de 2022, os e as participantes realizarán unha pequena peza audiovisual de curta duración, na que reflexionarán acerca da súa propia concepción e experiencia da fronteira, tecendo xuntos un valioso entrelazado de pequenas historias persoais e colectivas.
Durante o proceso de creación das pezas, os participantes contarán co seguimento, asesoramento, a colaboración e apoio do cineasta Eloy Domínguez Serén.
O obradoiro dará comezo cunha xornada de visionado en grupo, na que os participantes poderán descubrir a obra de distintos cineastas, coñecer os diversos modos nos que se expresan, e contar así con referentes que poidan resultar útiles para a realización das súas propias pezas.

Cada peza final resultante do taller non superará os 6 minutos de duración e poderá ser levada a cabo con calquera formato de gravación, desde teléfonos móbiles ata cámaras profesionais.

Participantes seleccionados: Raquel Diz, Paco Serén, Henar Alonso, Sofía Dagá, Noemí Guisande, Antonio Lago e Andrea Sermeno.

PROXECCIÓN DAS OBRAS RESULTANTES:

XOVES 5 DE MAIO – 17:30 H

SEMINARIO MENOR DE TUI

ENTRADAS