Xunto a Krzysztof Kieślowski, Łoziński foi un dos cineastas máis importantes da súa xeración. Os seus traballos realizados na Polonia comunista, próximos ao ensaio sociopolítico e considerados documentais clásicos da época, foron na súa maioría censurados polas autoridades. Mentres que o individuo fronte aos mecanismos unificadores do sistema e o pensamento colectivo eran temas recorrentes nas súas películas daquel período, nas súas últimas obras apréciase un notable cambio que vai do social ao existencial, do individuo ao ser humano.
Pero o que é común a toda a súa filmografía é unha maneira planificada e provocadora de intervir na realidade, algo que borra a liña divisoria entre documental e ficción. Este controvertido método de «abrir a realidade», non pretende deformar a vida para adaptala ás súas intencións como director, para simplificala ou manipulala, senón que busca atopar algún elemento catalizador que axude ou acelere o proceso de extracción da verdade sobre as persoas ou as situacións.
Coma el mesmo apunta: «Non estou interesado nin en documentais ‘puros’ nin en ficcións. Cando fas un documental en sentido estrito, sinxelamente miras. Na ficción trabállase con guión. Eu tento beneficiarme de ambos xéneros. Alguén dixo que facer unha película é atopar o equilibrio entre as túas propias ideas e o que a realidade che suxire. Eu procuro influír na realidade e entón tratar abertamente a situación que se creou».
Graduado en Dirección de Cinema na Escola Nacional de Teatro, Cinema e Televisión de Łódź, membro da Academy of Motion Picture Arts and Sciences (institución que concede os Oscar) e da European Film Academy e profesor na FEMIS de París e a Escola de Dirección Andrzej Wajda, Marcel Łoziński é un dos realizadores polacos máis aclamados internacionalmente. Entre os seus numerosos premios e recoñecementos internacionais destaca un nomeamento aos Oscar en 1994 por 89mm od Europy.
O sábado día 2 ás 17h, Marcel Łoziński ofrecerá unha clase maxistral na sala de prensa do Teatro Municipal de Tui, sede do festival. Entrada de balde.