DOC’S KINGDOM

Cruzando fronteiras: Doc’s Kingdom @Play-Doc 2016

O seminario Doc’s Kingdom mantén a súa esencia dende a primeira edición, no ano 2000: durante cinco días, un mesmo grupo de ata 100 persoas reúnese cada mañá para ver películas conxuntamente; ao final do día reúnese nun espazo diferente cada vez, para un debate colectivo en presenza dos realizadores; dispostos en círculo, todos os participantes –artistas, estudantes, profesores, críticos, profesionais de diversas áreas, programadores e organizadores– comparten entón ideas e experiencias en relación ás películas vistas. Conforme avanza a semana e a través das intensas sesións e discusións, a experiencia dos participantes amplifícase ademais polo contacto coa cultura local e o feito de convivir todos xuntos nun entorno inspirador, lonxe das rutinas persoais do día a día, aínda que sexa por uns días fugaces (cuxos efectos poderían, a pesar de todo, durar para toda a vida).

Non obstante, a forma do seminario internacional de cinema documental Doc’s Kingdom, evolucionou ao longo dos seus 15 anos de existencia. Dende 2007, cada seminario propón unha idea xeral como punto de partida para a programación, un tema ou unha cuestión que pode ser discutida e particularmente motivada polo traballo dos artistas convidados. Por exemplo, Landscape –The Work of Time en 2008, con James Benning, Jean-Claude Rousseau e Miguel Gomes, entre outros; The archive-image en 2010, con Susana de Sousa Dias, Edgardo Cozarinsky e Hartmut Bitomsky; Idea of an island en 2013, con Cynthia Beatt e Rudolf Thome, Ben Rivers e Ben Russell, Rebecca Baron, Nicolas Rey e Eloy Enciso Cachafeiro, entre outros.

Ademais, dende 2013, Doc’s Kingdom non fai público o programa detallado de películas. Á súa chegada, cada participante recibe o catálogo do seminario que informa dos realizadores convidados e das películas, mais non da orden na que serán programadas durante a semana. Dese xeito, co mapa dos contidos no seu poder mais sen as coordenadas exactas, os participantes embárcanse nunha viaxe que se descobre e se comprende polo camiño. Na pasada edición de Doc’s Kingdom, foi só á saída da última proxección cando os participantes recibiron o programa detallado en forma de póster, como proba e resumo das viaxes percorridas xuntos.

Xusto ao outro lado da fronteira, a nova etapa de Doc’s Kingdom en Arcos de Valdevez –onde volverá celebrarse o seminario en setembro de 2016– foi inaugurado con acerto co tema de límites e fronteiras, e a participación dos realizadores galegos Eloy Domínguez Serén e Iván Castiñeiras Gallego entre os artistas convidados. Así pois, que Doc’s Kingdom e Arcos de Valdevez visiten Tui e Play-Doc –logo de ter cruzado a fronteira anteriormente con películas como Jet Lag (2014) de Domínguez, A Raia (2012) de Castiñeiras e Arraianos (2012) de Enciso–, non é senón o paso máis natural cara unha nova e crecente relación de atención mutua.

Durante Play-Doc 2016, Doc’s Kingdom convida a unha ducia de participantes a ver e debater películas conxuntamente, ao largo de todo un día, con proxeccións seguidas de discusións informais en presenza de realizadores e outros convidados. O encontro comezará cunha sesión secreta na que se proxectará unha curtametraxe de Robert Kramer, en honor de cuxa película Doc’s Kingdom (1987) este seminario toma o seu nome.

por Nuno Lisboa Afonso

http://www.docskingdom.org

Para inscribirse enviar correo a prensa@play-doc.com

O seminario terá lugar o venres 15 de abril, a partir das 16 horas. A inscrición é gratuíta.