LES BLANK

Ata a súa morte en 2013, Les Blank foi un dos directores máis inconfundibles do cinema americano. Aínda que, dado que a música e os músicos eran con frecuencia a materia do seu propio estilo documental, lírico e fluído, tal vez a mellor maneira de pensar en Les Blank sexa coma un trobador, vagando polas desgastadas lomas do folclore americano, cunha cámara en lugar dunha guitarra. Era alguén verdadeiramente orixinal. Cara o final da súa carreira, Blank levaría consigo unha bolsa chea de DVD para vender nos festivais de cinema. Iso proporcionaríalle o diñeiro necesario para a próxima aventura. Distribución “faino ti mesmo”, á vella escola.

Play-Doc está encantado de presentar esta mostra picante e condimentada, con algunhas das primeiras “películas musicais” de Les Blank (tamén fixo moitas sobre comida). Temos ademais un manxar excepcional para ti, a proxección da súa “última película”, A Poem is a Naked Person (1974/2015), que ata hai moi pouco só fora mostrada en raras ocasións. Como na maioría das películas de Blank, Poem non é tanto sobre o artista, neste caso Leon Russell, como sobre a comunidade creativa e social que o rodea. Filmada durante dous anos a principios dos anos setenta, co mesmo estilo rápido e solto que vemos e escoitamos na música e na vida frenética de Leon Russell, POEM é unha alucinante cápsula do tempo, saída directamente dos estraños e decadentes últimos días da América hippie, con soul psicodélico impreso en cada un dos seus fotogramas.

Despois de graduarse, Blank dedicouse a facer durante algúns anos películas industriais. Finalmente deixouno para montar a súa propia produtora, Flower Films. Eran os anos sesenta. Continuaría sendo un artista totalmente independente ata a súa morte. Entre as súas primeiras películas encóntrase The Blues Accordin’ to Lightnin’ Hopkins (1969), que presenta a un dos maiores guitarristas de blues de todos os tempos. Nesta película, unha das primeirísimas obras de Blank, apréciase xa unha das súas marcas características, a intimidade distendida que consegue cos seus personaxes, así coma o seu interese en presentar ao artista dentro do seu propio mundo. As actuacións musicais que logra capturar son extraordinarias, coma o son os fragmentos da vida rural americana, neste caso de Texas, que cativan a curiosa e errante cámara de Blank.

Outro guitarrista de blues texano, Mance Lipscomb, protagoniza A Well Spent Life (1971). Lipscomb, labrego de toda a vida, tiña sesenta e cinco anos, cando foi descuberto e logrou a fama como bluesman. Blank coñecera a Lipscomb mentres facía a película de Lightnin’ Hopkins, e quedou fascinado por el. É máis, Lipscomb, como Blank, mostra unha sinceira e poética consideración cara el. A música nesta película é unha revelación crúa e visceral. “Night time, is the right time, to be with the one you love”, canta un Lipscomb namorado, e é como se un nunca tivese escoitado antes esas palabras. Coma sempre, Blank comparte deliciosas comidas e conversas profundamente persoais con Lipscomb e a súa familia. A Well Spent Life é unha ollada amable e cariñosa ao interior da vida rural sureña, na América profunda de finais dos anos sesenta.

Always for Pleasure (1978) é onde vemos a Blank combinar dúas das súas cousas favoritas, a música e a comida, co gusto dun chef, o oído dun compositor e o ollo dun cineasta. Filmado durante as celebracións de Mardi Gras e o St. Patrick’s Day en Nova Orleáns, Always for Pleasure é posiblemente a quintaesencia do seu cinema. É un palpitante tapiz do espírito, a expresión e o goce humanos, ao estilo cajun. “Unha comida diaria, sinxela e ben feita” así é como un dos cociñeiros do filme describe a súa carta. O mesmo podería dicirse do cinema de Les Blank. As súas películas non son nunca pretenciosas nin condescendentes, e desbordan sempre dos praceres sensuais da vida.

por Sean Farnel

A POEM IS A NAKED PERSON

Les Blank, Leon Russell, 89', 1974, USA
Unha película de Les Blank con Maureen Gosling

Cunha mestura indescritible de ledicia desenfreada e realismo documental, A Poem is a Naked Person mostra o famoso e adorado cantautor Leon Russell filmado por Les Blank entre os anos 1972 e 1974. A cámara de Blank penétranos no universo de Russell e os seus amigos e compañeiros músicos, no estudio de gravación deste, logrando capturar momentos íntimos e espontáneos que combina con fascinantes escenas das súas actuacións en directo. Esta singular película sobre o artista e a súa comunidade, xamais foi estreada, adquirindo o status de lenda. Agora, despois de máis de corenta anos, finalmente sae á luz e pode ser vista e oída en toda a súa brutal e extraordinaria beleza. Algúns críticos declarárona xa a mellor película de Rock and Roll de toda a historia.

A WELL SPENT LIFE

Les Blank, 44', 1971, USA
Unha película de Les Blank con Skip Gerson

Moitos consideran ao bluseiro Mance Lipscomb o maior guitarrista e poeta do blues de todos os tempos. Este radiante retrato do lendario músico, está entre os máis coñecidos de Blank. En lugar de amargalo, os tempos difíciles fixeron a Lipscomb un home doce. Dise que esta foi a película favorita do famoso escritor norteamericano Kurt Vonnegut.

ALWAYS FOR PLEASURE

Les Blank, 58', 1978, USA
Unha película de Les Blank con Maureen Gosling

Always For Pleasure é unha celebración da alma de Nova Orleáns e as súas tradicións, mostrando as festividades de Mardi Gras e o día de San Patricio. Un intenso percorrido polo interior das festas rueiras, os desfiles das Second-line, a gastronomía e a música. A película mostra actuacións en directo de Professor Longhair, The Wild Tchoupitoulas, The Neville Brothers, Allen Toussaint, e Kid Thomas Valentine entre moitos outros. Este glorioso filme que satisface o espírito, atópase tamén entre as favoritas do autor.

THE BLUES ACCORDIN’ TO LIGHTNIN’ HOPKINS

Les Blank, 31', 1969, USA
Unha película de Les Blank con Skip Gerson

O gran bluesman texano Lightnin’ Hopkins é capturado de maneira brillante neste conmovedor retrato no que Blank mostra un inspirado Lightnin’ ofrecéndonos unha boa ración de blues clásico. A película mostra actuacións nunha grellada ao aire libre, un rodeo e unha visita ao barrio da súa nenez en Centerville, Texas. Este poderoso filme é unha das obras mestras de Les Blank.