Resonancias

Segundo ano consecutivo: a crítica programa. Desta vez, os filmes seleccionados veñen de lugares moi afastados para deitar unha ollada sobre o alleo, mais logo revelan que os outros… somos nós mesmos. Aquilo que un día estivo diante da cámara, e que hoxe está na pantalla, non deixa de lembrarnos o noso mundo: o máis exótico pode ser tamén o máis achegado.

A fascinación por recoñecerse nos demais é unha constante no programa deste ano: primeiro, os cineastas ficaron prendados dun lugar ou dunha comunidade; logo, os críticos sentiron ese mesmo magnetismo ante as imaxes; e agora somos nós, os espectadores, os que imos ao encontro do outro, tecnoloxía mediante. Cineastas, críticos e espectadores: todos somos etnógrafos.

Por iso, Raquel Schefer abre o seu texto cunha cita ao artigo “O artista como etnógrafo”, do crítico de arte Hal Foster. O seu programa de curtametraxes, titulado ‘O que nos olha’, desafía o concepto de alteridade cunha serie de pezas onde o outro toma o control da representación: pode ser a natureza salvaxe de Wayward Fronds (Fern Silva, 2014) ou os nómades urbanos de Le terrain (Bijan Anquetil, 2014), dous exemplos de que a distancia entre quen filma e o que filma pode ser abolida.

A proposta de Brais Romero vai na mesma liña: Of the North (Dominic Gagnon, 2015) é un artefacto lúdico e envelenado, unha escolma de vídeos bizarros tirados de redes sociais onde os habitantes do ártico canadense retratan desvergoñadamente a súa idiosincrasia. A ollada do cineasta coincide aquí coa ollada dos suxeitos representados, que filman as súas lerias para o pracer de propios e estraños. Gagnon dálle ritmo e sentido a semellante enchente de borralla audiovisual, para que vexamos que o Ártico é, por desgraza, un lugar tan ruín como calquera outro para vivir. O resultado, con estes vimbios, é unha reescritura punk de Nanook of the North (Robert J. Flaherty, 1922) a xeito de autoetnografía.

Por último, o filme seleccionado por Sergio de Benito, When the Earth Seems to Be Light (Tamuna Karumidze, Salome Machaidze & David Meskhi, 2015), lévanos até Tbilisi, a capital de Xeorxia, onde un grupo de skaters tenta transformar a súa realidade a través do espello de occidente. Estes mozos e mozas porfían por acadar a liberdade sen baixar dos seus monopatíns, nun esforzo cotián, inxenuo e admirábel, que resulta contaxioso, porque a súa loita, a fin de contas, é tamén a nosa.

por Martín Cuesta Gutiérrez e Iván Villarmea Álvarez

O que nos olla

Nun artigo fundamental publicado en 1995, The Artist as Ethnographer, Hal Foster, evocando a figura benjaminiana do “autor como produtor”, identificaba o novo paradigma da arte “avanzada”: o “artista como etnógrafo”. Para Foster, a antropoloxía volvérase a disciplina de referencia da práctica artística e do discurso crítico. Se, no paso do paradigma produtivista para o paradigma “case-etnográfico”, a arte autónoma prevalece ao obxecto de contestación, o artista-etnógrafo inclínase cara o “outro cultural” e xa non sobre o proletariado coma o “outro social”. Con todo, segundo Foster, certos presupostos esenciais do paradigma produtivista persisten no novo paradigma. Entre eles, a afirmación de que o espazo de transformación artística como espazo de transformación política sitúase invariablemente noutro lugar e de que o punto de subversión da cultura dominante é sempre percibido como unha exterioridade definida como alteridade cultural ou social. Neste panorama, o artista debe presentarse e ser percibido coma o “outro social” ou “cultural”. Alén do risco de “estandarización ideolóxica”, sinalado por Foster na estela de Benjamin, o sistema de oposicións binarias que sustentou historicamente a antropoloxía (e o colonialismo) perdura neste paradigma.

Máis de vinte anos despois da publicación de The Artist as Ethnographer, o programa O que nos olha interroga a máis recente “viraxe etnográfica” do cinema. Filmes como Occidente (2014), de Ana Vaz, ou Despedida (2013), de Alexandra Cuesta, repensan as nocións de “mesmidade” e de “alteridade” a partir dunha revisión das posicións de interioridade e de exterioridade que toma en conta as especificidades do medium cinematográfico. Que acontece cando a alteridade está entre o dentro e o fóra, cando é simultaneamente pensada como interioridade e exterioridade? En que medida a reversibilidade entre mesmidade e alteridade permite sobrepasar a oposición entre subxectivismo e obxectivismo e a separación entre suxeito e obxecto de representación e de coñecemento?

No panorama cinematográfico contemporáneo, as narrativas da alteridade son frecuentemente abordadas a través de formas estéticas e narrativas experimentais. As cinco curtametraxes non só denotan esa tendencia, como tamén, ao repensar conxuntamente alteridade e mesmidade, manifestan a oposición entre historia e “fabulación”, no sentido deleuziano do termo, adoptando un sistema de representación marcado pola indeterminación de xénero e polo fabular da experiencia cinematográfica. Filmes coma os enriba citados e Deep Sleep (2014), de Basma Alsharif, Wayward Fronts (2013), de Fern Silva, ou Le Terrain (2013), de Bijan Anquetil, describen experiencias do ollar nas que o suxeito de representación é investido pola visión do obxecto representado. Parafraseando o título da obra de Georges Didi-Huberman publicada en 1992, o que vemos, míranos.

Experiencias visuais de exposición de si propio ao ollar do outro, os cinco filmes ensaian unha semi-rotación (Cuesta, Silva, Anquetil) ou unha rotación do ollar (Vaz, Alsharif), confusión das fronteiras entre alteridade e mesmidade. Ao repensar as condicións estéticas, políticas, epistémicas e éticas do cinema, redefinen no campo cinematográfico o paradigma “case-etnográfico” teorizado por Foster. O fóra e o outro deixan de ser os elementos de subversión da cultura dominante. A través da creación dun efecto de co-presenza, a xestión do punto de vista do observador polo do observado destituíu a alteridade como punto de subversión, substituíndoa polo pensamento da relación nos sistemas de representación. Reflexión sobre a relación, “punto de inquietude” do ver, nos sistemas de representación, estes filmes, aínda situándose no paradigma “case-etnográfico”, exceden o seu sistema binario rumbo a unha antropoloxía da forma e da relación.

por Raquel Schefer (La Furia Umana)

DEEP SLEEP

Basma Alsharif, 13', 2014, Greece-Malta-Palestine
Dirixida, filmada e editada por Basma Alsharif

Deep Sleep lévanos de viaxe polas ondas sonoras de Gaza, a diferentes xacementos de ruínas modernas. Coa entrada á Palestina restrinxida, aprendín auto hipnose coa fin de situarme dobremente. O resultado é unha aventura ás ruínas de antigas civilizacións incrustadas en ruinosas civilizacións modernas, cara un lugar en ruínas alén de toda evidencia de civilización.” Basma Alsharif.

Contacto:
Basma Alsharif
basmalsharif@gmail.com

Despedida (Farewell)

Alexandra Cuesta, 10', 2013, Ecuador-USA
Dirixida, filmada, editada e son: Alexandra Cuesta
Mesura de son: Nicolas Fernández

Filmado en Boyle Heights no Leste de Los Angeles, este barrio de transición e de cambio atopa un punto común coa poesía de Mapkaulu Roger Nduku. Poemas sobre pasaxes e sobre finais abren o espazo proxectado. Unha fileira de cadros visuais compoñen unha carta de despedida para un fogar efémero.

Contacto:
Alexandra Cuesta
alexiagalaxia@gmail.com

LE TERRAIN

Bijan Anquetil , 41', 2013, France
Unha película de Bijan Anquetil
Producida por L’Atelier Documentaire

Que é “o teu lugar”? un fogar? Como mínimo sería sorprendentemente un pedazo de terra, un termo catastral que confina a unha comunidade apenas tolerada á non residencia na periferia urbana. Durante un ano, Bijan Anquetil filma a un grupo de xitanos que se asintan nese pedazo de terra, antes de ser desprazados a unha poboación veciña.

Contacto:
L’Atelier Documentaire
atelierdocumentaire@yahoo.fr

OCCIDENTE

Ana Vaz, 15', 2014, Brazil
Directed, filmed and edited by Ana Vaz

Occidente é un filme poético que fala de como a historia colonial se repite si propia. Os empregados vólvense patróns, as antigüidades convértense en vaixelas reproducibles, os paxaros exóticos convértense en luxosa moeda, explorar convértese nun deporte extremo para turistas, os monumentos transfórmanse en datos xeolóxicos. Unha viaxe circular cara o leste e cara o oeste, provocando ciclos expansivos na loita por atopar un lugar propio, un lugar no que sentar a unha mesa.

Contacto:
Ana Vaz
anagabriellavaz@gmail.com

WAYWARD FRONDS

Fern Silva, 13', 2014, Portugal-USA
Unha película de Fern Silva

Wayward Fronds refire unha serie de feitos históricos que axudaron a conformar a actual rexión de Everglades en Florida, á vez que ficciona o seu futuro xeolóxico e as súas consecuencias tanto nos nativos como nos habitantes exóticos. Nesta película a natureza apodérase de todo, os roles mudan e tras séculos de ser atacada, a natureza comeza a domar a civilización, até levala mesmo ás súas misteriosas profundidades acuosas, forzando os seres humanos a evolucionar e adaptarse ao seu novo medio.

Contacto:
Fern Silva
fernsilva860@gmail.com

Of the North

Case cen anos logo de que Flaherty nos ensinase que hai alén do círculo polar ártico, Dominic Gagnon aposta na súa película por unha desmitificación da vida esquimá. Non exenta de crítica, a súa visión da vida alí dista da paisaxe branca e virxinal que o cinema clásico nos debuxaba, onde a vida pasaba pola rutina dunha tradición ancorada á sociedade inuit dende facía séculos.

Of the North é unha película situada nun presente absoluto onde as imaxes saturan calquera pantalla ou espazo da vida real. Gagnon aprovéitase dos vídeos colgados en páxinas tipo YouTube para observar a paisaxe a través dos ollos do propio habitante. O exotismo e a visión turística quedan a un lado, permitindo que coñezamos o cotián de forma directa. Entre os vídeos, escenas caseiras ou no traballo crúzanse con outras sobre o consumo de alcohol ou a prostitución. Vemos, xa non a sociedade que Flaherty quixo gravar, senón o produto dunha colonización por parte de Occidente dunha xeografía onde os recursos, especialmente o petróleo, son moi cobizados. Grandes chemineas que brotan dende o chan ou camións que baleiran o seu contido sen preocuparse polo medio ambiente rachan unha paisaxe antes branca. Mentres, nun punto da paisaxe, unha familia fascinada filma un oso dende o seu coche; noutro lugar, unha balea é despezada por decenas de persoas.

A posta en escena, se ben é imposible de categorizar, responde a unha visión moi contemporánea. Así mesmo, o feito de ser unha película “sen diálogos” segundo o director reforza esta idea. A palabra faise a un lado deixando que a película fale en imaxes. Cada unha tirada de aquí ou acolá, mais todas dun presente no que todos viaxamos cunha cámara no peto co desexo de conseguir filmar algo novo. E, porén, as imaxes repítense. Mesmas situacións seguen espertando ese desexo de filmar, e o acto de gravar convértese nunha especie de necesidade equiparable á de respirar ou comer. Se algo non é filmado, non existiu.

Mais, quen filma? En determinados momentos do documental, non son os inuit os que empuñan a cámara senón os occidentais que alí viven. É nese momento cando vemos outro dos valores de Of the North. Estas escenas, vistas dende o punto de vista, non do habitante, senón do colonizador, mostran esa certa superioridade case racista da visión do occidental sobre o nativo. Calquera episodio da vida transfórmase en carnaza de internet se o protagoniza un deles. Así, a cámara convértese nun elemento de conquista e abre, nos nativos, un proceso de evanxelización voluntario onde os esquimós borran a súa cultura en pos da integración na sociedade colonizada.

por Brais Romero (A Cuarta Parede)

OF THE NORTH

Dominic Gagnon, 74', 2015, Canada
Dirixida, editada e producida por Dominic Gagnon
Son: Dominic Gagnon, Bruno Bélanger

Nesta nova película que, como a súa predecesora, recorre a filmes amateur colgados en YouTube, Dominic Gagnon mostra os descendentes de Nanook facendo “o seu” propio cinema. Crea un “cine-ollo” antiexótico á Vertov, que revela unha aculturación vulgar e desenfreada; e desarma os clichés que existen sobre os inuit, moi a miúdo confinados ás fronteiras do mundo contemporáneo.

Contacto:
festival@videographe.org

When the Earth Seems to Be Light (Rotsda Dedamitsa Msubukia)

O rexurdimento do cinema xeorxiano, que baixo a bandeira da URSS veu nacer a cineastas da categoría de Otar Iosseliani ou Mikhail Kalatozov, foi un dos fenómenos máis destacados dos últimos anos no circuíto dos festivais internacionais. Autores como Levan Koguashvili (Blind Dates) e George Ovashvili (Corn Island) testemuñan a existencia dun movemento de marcada tendencia a testificar o presente, mais tamén a explorar a herdanza do pasado como ferramenta que esculpe os seus conflitos. When the Earth Seems to Be Light podería ser vista como unha sorte de contextualización documental de toda esta nova ola, ou mesmo coma o reverso urbano da ficción I’m Beso (Lasha Tskvitinidze, 2014), na que o son do rap absorbía as esperanzas dun adolescente en medio dunha paisaxe rural en ruínas. Mais, por moito que a apelación á república caucásica como nación obsesionada con conservar estruturas pretéritas sexa unha constante nos seus compañeiros de xeración, a obra codirixida por estes tres case debutantes xeorxianos (Salome Machaidze, Tamuna Karumidze, David Meskhi) posúe suficientes elementos para ser tida en conta por si propia.

A próxima preocupación polo universo xuvenil resulta evidente dende a secuencia inicial, cando un grupo de skaters irrompe nun páramo abandonado e os seus anhelos pasan a capitalizar a película, que outorga voz ás súas ideas sobre conceptos complexos como a liberdade ou a morte. Esta afección polas catro rodas non tarda en revelarse coma o vehículo ideal para relatar visualmente como transitan polas decadentes rúas da cidade, plasmando unha relación co espazo que se alza como factor diferencial de todo o discurso. A impoñente presenza de Xeorxia, entendida conceptualmente, acaba por delatar os seus protagonistas como un mecanismo idóneo para reflectir, dende a indefensión da súa ausencia de oportunidades, o eterno paradoxo ao que aboca o poscomunismo. O elo que ocupan é o máis débil dun país viciado polo peso de arraigadas tradicións, no que o poder fáctico da milenaria Igrexa Ortodoxa continúa a ser maiúsculo.

A partires da inclusión na montaxe de diversas imaxe de arquivo, dende a represión dunha manifestación gai nas rúas de Tbilisi polas autoridades relixiosas ata un debate televisivo sobre a ausencia de rumbo da mocidade, When the Earth Seems to Be Light emerxe tamén coma un desolador collage urbano, no que os sons e imaxes se sitúan á par en relevancia que as testemuñas duns adolescentes marcados polo influxo case paranormal das monstruosidades arquitectónicas que os rodean. As súas tomas nocturnas reflicten a capital xeorxiana como un escenario inhóspito, no que os vestixios do pasado soviético acollen a enerxía do presente e provocan un inevitable colapso, última consecuencia de querer establecer como único activo do país unha Historia que os máis novos senten allea. Ao igual que en tantas outras narrativas sobre as novas xeracións do Este, os protagonistas atopan a súa vía de rebelión en expresións culturais apropiadas de Occidente e pasadas polo xirgo local.

Se unha das misións do cinema debe ser prestar voz aos que non poden expresala por outros medios, este documental logra o seu propósito a través dun caudal de imaxes tan caótico como ao cabo estrañamente belo, calidades ambas as dúas que forman parte da identidade que define a todos os retratados. A necesidade de transformar os mecanismos sociopolíticos doutros tempos nun país nubrado ata a obsesión polo sentimento nacional faise palpable, como tamén que, a pesares de non se identificar cos seus valores, é nesta cidade decrépita onde os entrevistados teñen o seu espazo vital. Como un todo indivisible e doloroso, o seu día a día é Tbilisi, entre vestixios do pasado que dende o seu silencio reclaman un cambio efectivo.

por Sergio de Benito (V.O.S.)

WHEN THE EARTH SEEMS TO BE LIGHT

Tamuna Karumidze, Salome Machaidze, David Meskhi, 76', 2015, Georgia-Germany
Dirixida por: Tamuna Karumidze, Salome Machaidze, David Meskhi
Fotografía: Levan Maisuradze, David Meskhi, Tamuna Karumidze
Son: Irakli Ivanishvili
Montaxe: Tamuna Karumidze, Salome Machaidze
Música: Natalie Beridze, Nika Machaidze, Maxime Machaidze

Esta é a historia dalgúns rapaces, skaters, artistas e músicos nun país possoviético. Un país de distraída condición, onde un pode ser esmagado polo poder político ou eclesiástico. Unha historia sobre sentirse perdido nunha realidade controvertida, en busca de recunchos inexistentes para expresar o seu espírito romántico, para encontrar a liberdade.

Contacto:
sales@taskovskifilms.com