Tendencias que definen o documental no noso tempo e realizadores de distintas xeracións e contextos. Cinco títulos forman parte da sección a competición do 14º Festival Internacional Play-Doc, que se desenvolverá en Tui do 26 de abril ao 1 de maio de 2018: “The Waldheim Waltz” (Ruth Beckermann), “Going South” (Dominic Gagnon), “Lamaland” (Pablo Sigg), “Terra Franca” (Leonor Teles) e “Les Unwanted de Europa” (Fabrizio Ferraro). Desde o traballo dunha consagrada como Beckerman á ópera prima de Teles pasando polo último de Dominic Gagnon, do que tivemos un adianto na súa estadía en Tui en 2017. Estas cinco obras, deste mesmo ano e estreas en España todas elas, someteranse á ollada dun xurado formado polo crítico e programador Roger Koza, a directora de programación da Cinemateca Francesa, Caroline Maleville, e unha das responsables de MUBI, cinemateca global en liña, Chiara Marañón.
Variedade na temática e no estilo, pero tamén en procedencias e xeracións. Cine directo, observacional, arquivo e híbridos entre docu e ficción. A sección competitiva ofrece en cinco traballos un itinerario para coñecer o documental máis recente da man de figuras consagradas e, tamén, de promesas. A austriaca Ruth Beckermann dirixe “The Waldheim Waltz”, documental premiado no Festival de Berlín e que chega a Tui na era de Trump, dos feitos alternativos e da postverdade. A veterana realizadora céntrase na figura do seu compatriota Kurt Waldheim, ex secretario de Nacións Unidas (1972-1981) que ocultou dous anos da súa biografía como criminal de guerra, e para abordalo parte do seu propio e inxente arquivo de imaxes.
Doutra realizadora, Leonor Teles, neste caso de nova xeración e de Portugal, é o traballo “Terra Franca”, o retrato dun pescador do Tejo que se poderá ver en Tui só uns días despois de estrearse no prestixioso Festival Cinema du Réel, con sede no parisino Centro Pompidou. Aínda que nova na longametraxe, Teles xa acadou o Oso de Ouro á mellor curta en Berlín 2016 con “Balada de un Batráquio”.
Going South é o título de Dominic Gagnon que competir no Play-Doc 2018 e cuxa estrea absoluta terá lugar só uns días antes, no Visions du Réel de Suíza. O pasado puidemos ver un pequeno adianto na clase maxistral que impartiu en Tui con motivo da retrospectiva que o festival lle dedicou ao polémico canadiano, pioneiro do cinema directo a distancia.
Tras formar parte da sección oficial do festival de Cine de Rotterdam chega o singular filme “Lamaland (Parte 1)” do mexicano-suízo Pablo Sigg para estrearse en España; un documental realizado en Nueva Germania (Paraguai) cos sobrevivintes directos da comunidade utópica fundada a finais do século dezanove pola irmá de Nietzsche, Elisabeth Förster-Nietzsche no sur da Amazonia.
Por último, na sección competitiva do Play-Doc 2018, a última produción de Lluis Miñarro, nome fundamental no cinema independente europeo: “Les unwanted de Europa” dirixida polo italiano Fabrizio Ferraro. Unha peza ao redor da ruta Lister nos Pirineos, transitada por antifascistas tanto de España como de Francia ao final da Guerra Civil e, posteriormente, na ocupación alemá de Francia, entre eles o filósofo Walter Benjamin, que morreu en Portbou en 1940. Play-Doc será o escenario para a estrea deste filme cuxo variopinto reparto inclúe ao músico Pau Riba ou á actriz e cantante Catarina Wallenstein, protagonista do filme “Singularidades de Uma Rapariga Loira” (2009) de Manoel de Oliveira.
Os xurados 2018
Coma é habitual en Play-Doc, o xurado que terá que valorar os traballos en pugna polo premio do festival está formado por nomes de relevancia e prestixio no mundo do cinema. É o caso do arxentino Roger Koza, máis que un crítico, xa unha referencia, colaborador de diversos medios de comunicación, responsable do blog Con los ojos abiertos, xurado de festivais en todo o mundo e programador, ademais, no Festival Internacional de Cine de Hamburgo. Caroline Maleville é a directora de programación da Cinemateca Francesa, unha institución viva e referencial para entender o cinema francés e europeo e que preside na actualide o mesmo Costa-Gavras. A terceira xurado en Play-Doc 2018 é unha das responsables de MUBI, cinemateca global en liña. Chiara Marañón encárgase da programación desta plataforma, responsable de estreas nos cinemas como Las Mil y Una Noches (Miguel Gomes, 2015), Le Fils de Joseph (Eugène Green, 2016) ou Mimosas (Oliver Laxe, 2016).
Avances de programación Play-Doc 2018
O Play-Doc Festival Internacional de Documentais celebra a súa décimo cuarta edición do 26 de abril ao 1 de maio, baixo a dirección de Angel Sánchez e Sara García. A oferta formativa, co seminario feminista en colaboración con A Cuarta Parede e os obradoiro de cinemas coa Agrupación Cinematográfica Galega, xa está en marcha coas inscricións abertas. Nos próximos días iremos avanzando a programación completa: retrospectivas 2018, cinema galego, música en directo e todas as actividades desta edición.