Peter Emanuel Goldman e a súa obra protagonizan este 14º Play-Doc. Se o festival pode presumir da presenza de lendas do cinema e autores malditos desde as primeiras edicións do festival, a primeira retrospectiva integral do director estadounidense, referente do underground, e a súa presenza en Tui, engradecen esta edición. O sábado proxectarase Echoes of Silence (1965), que o crítico Henri Chapier calificaríaa como “a película máis conmovedora ao redor da desesperación da mocedade”, e Pestilent City, do mesmo ano. Ademais Play-Doc presenta a exposición “Love, Despair and Longing”, unha colección de fotografía directa de Goldman, recuperada 50 anos despois, que se poderá ver en Tui grazas á colaboración con ArtMedia Gallery de Miami. A competición continúa o sábado cos pases de Going South de Dominic Gagnon e Terra Franca de Leonor Teles´, ambas estrea en España, así como seguiremos disfrutando da retrospectiva de Aloysio Raulino, asistiremos á estrea española dun clásico dos oitenta como Streetwise de Martin Bell e remataremos coa banda de Brooklyn Rabblebucket en directo na sala Metropol.
Retrospectivas que son descubrimentos en exclusiva para a un público que valora moito, ademais, o contacto directo cos cineastas. En 2018, o estadounidense Peter Emanuel Goldman (Nova York, 1939) está en Tui para a que é a súa primeira retrospectiva en España. O equipo do festival síntese especialmente satisfeito de difundir o traballo dun cineasta como Goldman, tan poético como underground, louvado por figuras como Jean Luc Godard, Susan Sontang e Jonas Mekas. Entre todos os cineastas underground americanos, con nomes como John Cassavetes, Shirley Clarke, Jack Smith ou Robert Downey Jr, a crítica coincide en que Peter Emanuel Goldman é o máis singular, sen precedentes, un dos poucos inventores reais da arte do cine.
A súa obra racha como ningunha coas convencións do cine da época. O seu primeiro filme foi Echoes of Silence (1964), retrato dunha xuventude desesperada na procura de sentido e sexo, que o autor parecía coñecer ben; seguirían Pestilent City (1965), The Sensualists (1965) e Wheel of Ashes (1968). Play-Doc ofrece a oportunidade de coñecer a súa filmografía, incluíndo o material perdido do filme The Sensualists, recuperado en colaboración coa Cinemateca Francesa. Echoes of Silence, que se proxecta o sábado 28 en Play-Doc, estreouse no seu momento en Nova York cunha copia en 35 mm. Jonas Mekas escribe sobre a película, ademais é seleccionada no festival de Pésaro en Italia, cun xurado no que estaban Jean-Luc Godard, Joris Ivens, Marco Bellochio e Bernardo Bertolucci, e con ela consegue excelentes críticas en publicacións de prestixio. O crítico Henri Chapier calificaríaa como “a película máis conmovedora ao redor da desesperación da mocedade”. Esta sinfonía sen palabras dunha cidade nocturna que soa a jazz foi censurada nos setenta e fixo o seu visionado imposible durante anos. Ninguén pon en dúbida que é un título esencial do Novo Cine Americano.
“Love, Despair and Longing”
Durante o tempo da filmación de “Echoes of Silence”, Goldman tamén comeza a realizar fotografía directa: rostros e planos de desexo e soedade, na súa maioría de amigos, coñecidos e mozas; asi como de escenas da rúa e xente en Greenwich Village, case sempre de noite. Reaparecidas milagrosamente despois de 50 anos dentro dunha caixa enviada desde Paris, revélanse nun sólido e estimulante arquivo recuperado polo autor. En 2015 o director expón por vez primeira o seu traballo fotográfico dos anos sesenta na Art Media Gallery de Miami co título “Love, Despair and Longing”. Como afirma o historiador e curador Jose-Antonio Navarrete «o pequeno e compacto arquivo de negativos de Goldman introduce un capítulo descoñecido na historia da fotografía estadounidense desde os comezos ata mediados dos anos sesenta e inmediatamente posteriores. Sexo, amor, desexo, paixón, drogas, vida nocturna, tristeza, desesperación e soidade teñen o seu lugar neste arquivo. Unha sensibilidade próxima á de Goldman non aparecería na fotografía ata a década seguinte con Nan Goldin, a fotógrafa da dependencia sexual».
Aloysio Raulino, en foco
Continúa o sábado a retrospectiva do brasileiro Aloysio Raulino (1947-2013) con pases de títulos fundamentais na súa filmografía como as curtas O Porto de Santos (1978) e O tigre e a gazela (1977). Así mesmo, coa presenza do seu colaborador e discípulo Paulo Sacramento, veremos a longa Noites Paraguayas (1982), que se achega a migración a Brasil a través dun mozo paraguaio, na súa viaxe de ida e volta ao país natal tras pasar por São Paulo.
Cinema galego: Trinta lumes
Alba ten doce anos e desexa descubir o descoñecido, o mkisterioso, o fascinante da morte. Roda da no Courel, os 30 rapaces que quedan na zona son os Trinta lumes desta película dirixida por Diana Toucedo. O sábado poderemos disfrutar dun filme que foi presentado hai uns días no Festival de Málaga.
Estrea española de Streetwise
Play-Doc programa o sábado 28, dentro do ciclo (Anti)heroínas Streetwise (1984), dirixida por Martin Bell a partir dun artigo publicado na revista Life en 1983,–escrito por Cheryl McCall e con fotografías de Mary Ellen Mark-. Este magnífico clásico, centrado nunha prostituta de 13 años en Seattle, e con banda sonora do mesmísimo Tom Waits, foi nominado ao Oscar ao mellor documental en 1984. Non obstante, deixou de verse durante máis de 25 años, existindo tan só en VHS. Streetwise, que acaba de ser remasterizada dixitalmente, ten a súa estrea española en Play-Doc 2018.
Play-Doc Live! Con Rubblebucket
En exclusiva para Play-Doc Festival Internacional de Documentais a banda de Brooklyn, Rubblebucket, actúa o sábado 28 de abril (00:30) na sala Metropol de Tui. Será un concerto único cun grupo cheo de enerxía e fóra de etiquetas dentro da escena independente norteamericana, cuxas caras visibles son a cantante e saxofonista Kalmia Traver e o trompetista Alex Toth. Rubblebucket refírese en inglés aos contenedores de obra, os destinados ás grandes escombreiras. O container musical da banda Rubblebucket é amplo: afro-funk, art-rock, pop, dance. O resultado, ecléctico e enerxético. E, sobre todo, bailable, ninguén fica sentado. Play-Doc Live! é a vertente musical e lúdica do festival. Divertidos e vibrantes, coincide a crítica tras pasar polos seus shows. Para a revista Rolling Stone os de Brooklyn son unha especie de “versión indie-rock mellorada de Miami Sound Machine, con bailes, claxons e todo”. As orixes de Rubblebucket están no encontro entre a cantante e saxo tenor Kalmia Traver e o trompetista Alex Toth na Universidade de Vermont. As entradas en ticketea.com e na billeteira da Sala Metropol.