Setembro 9, 2021

O cinema galego en plena efervescencia no Play-Doc 2021

Play-Doc é, desde a súa creación e ata hoxe en día, un punto de encontro, plataforma e viveiro para o cine feito en Galicia. Comprometido co talento máis próximo, o festival programa desde a súa creación unha ampla selección de películas galegas, acompañando así, nestes dezasete anos, a evolución do cinema documental do país.

Nesta edición, o programa de cinema galego móstrase, máis que nunca, contestatario, irreverente e combativo, un cinema que pon en cuestión a forma e a linguaxe narrativa, explorando, reflexionando e representando a nosa propia idiosincrasia, as nosas paisaxes, os nosos ritmos, costumes e ritos, ademais do noso pasado, presente e futuro.

Os dez títulos que conforman a competición galega, na que atopamos realizadores consagrados e cineastas emerxentes, son os seguintes: Memorias de ultramar, de Carmen Bellas; El viaje, 1988, de Claudia Pineda; Parolar cun eu, de Xisela Franco; Negro púrpura, de Sabela Iglesias e Adriana. P Villanueva; Camille & Ulysee, de Diana Toucedo; Tierra de leche y miel, de Héctor Vigueira; Augas abisais, de Xacio Baño; Os corpos, de Eloy Domínguez Serén; Tengan cuidado ahí fuera, de Alberto Gracia; A comuñón da miña prima Andrea, de Brandán Cerviño; e Persoa, pobo, paisaxe, de Daniel Pérez Silva.

O xurado responsable de conceder o premio nesta categoría compóñeno o cineasta brasileiro Helvécio Marins Jr.; o produtor, docente e director de cinema portugués Miguel Clara Vasconcelos; e a ourensá Elisa Pereira, fundadora do espazo de creación artística La Plantación.


No somos nada,
o documental de La Polla Records


No festival tamén poderemos ver, fóra de concurso, outra produción galega no marco da sección Play-Doc Live!, dedicada á música e os documentais musicais. Trátase da película No somos nada, do director peruano Javier Corcuera, que acompaña, na súa última xira, a lendaria banda de punk La Polla Records e o seu vocalista Evaristo Páramos, nado na cidade de Tui. A película, que terá a súa estrea mundial no festival de San Sebastián, viaxará inmediatamente a Tui para deleite de numerosos fans dunha banda de aldeáns que revolucionou a historia da música punk no noso país e que se converteu en lenda.

no-somos-nada


Lembranza de Daniel Domínguez e proxección de Río de sombras

Así mesmo, o festival presentará nunha sesión especial unha película dirixida por Daniel Domínguez Pérez (Tui, 1955 – Corrubedo, 2020), filmada en Tui no 1986 e que leva por título Río de sombras.

Daniel Domínguez, guionista brillante e cineasta apaixonado, foi un dos autores de series de televisión como Mareas Vivas, As leis de CelavellaPadre Casares, Miña sogra máis eu e A vida por diante ou de películas como Blanca Madison, entre outras. No ano 2002 recibiu o premio Mestre Mateo ao mellor guión por Terra de Miranda. Domínguez foi un dos fundadores da Escola de Imaxe e Son da Coruña e a súa erudición cinéfila quedou patente nas súas numerosas colaboracións como crítico de cinema, pero sobre todo no seu excelente blogue La escuela de los domingos. Sen dúbida, foi pioneiro e figura clave do cinema e o audiovisual galego.

O festival organizará un encontro especial coa participación de amigos, familia e compañeiros de profesión, co que Play-Doc pretende render homenaxe a unha das figuras clave e referenciais do audiovisual galego, e que foi sempre un grande amigo para este festival.

daniel-dominguez