Agosto 26, 2021

Play Doc propón un roteiro cinematográfico nocturno polo centro histórico de Tui

Seis recoñecidos vídeo artistas crearan instalacións exclusivas nalgúns dos lugares máis emblemáticos da cidade pontevedresa

O Festival Internacional de Cinema Play-Doc, que terá lugar na cidade de Tui do 22 ao 26 de setembro, presentará unha atractiva programación paralela para a súa décimo séptima edición.

Baixo o nome Cinema Percorridos II: Visións Nocturnas, Play-Doc aposta de novo por unha experiencia única onde o cinema transformará o espazo público e dialogará cos espectadores a través dun percorrido nocturno pola cidade monumental de Tui.

Despois do éxito na edición pasada, o festival volve sacar o cinema fóra das salas. Baseándose na idea de que as creacións audiovisuais funcionan de maneira moi diferente nun espazo público e aberto que na sala pechada dun cinema, o festival pretende provocar con este roteiro audiovisual unha interacción entre diferentes instalacións e os lugares onde son proxectadas, convertendo as paredes da cidade en pantallas ocasionais.

Os participantes crearán instalacións audiovisuais inéditas e traballarán complementando o seu propio material cun banco de imaxes de arquivo proporcionado polo festival, que consiste nunha colección de cinema doméstico, filmado en super 8 polos habitantes de Tui nas décadas dos 60, 70 e 80.

Nesta edición Play-Doc, o proxecto dirixido pola cineasta documentalista e docente Xisela Franco, contará coa participación de sete vídeo artistas de recoñecido talento como son o barcelonés Juanjo Fernández Rivero que realizará para Cinema Percorridos unha obra coa colaboración sonora do etnomusicólogo Carlos Suárez. . Tamén creadores vinculados á escena galega e con forte proxección internacional como son Juanma Lodo, Montse Piñeiro, ou o colectivo AA++ de Ángel Rueda e Ana Domínguez.

Juanjo Fernandez Rivero (Gnomalab) é un artista- tecnólogo do audiovisual expandido, vj, membro do aclamado grupo musical The Suicide of Western Culture e un dos creadores de videomapping máis coñecidos na escena internacional. Iria del Boque e Borja Bernárdez volven de Madrid a súa terra natal para presentar a súa última instalación nada no seu laboratorio artístico/experimental MIL111. lab. Eles funden teoría da arte, psicoloxía, socioloxía, con medios dixitais, audiovisual e programación para reflexionar sobre o ser humano e a súa existencia, como individuo e colectividade. O deseño sonoro da obra correrá a cargo de Carlos Bicada  aka  Bervosa.

A representación galega será a cargo Juanma Lodo, artista multidisciplinar e músico experimental cunha gran actividade noutros campos como a fotografía, o cinema, o deseño gráfico ou a artes plásticas e multimedia. Igualmente ampla é a traxectoria da escenógrafa e iluminadora Montse Piñeiro, que nos seus traballos tamén experimenta coa fotografía, a escultura e as artes visuais, desenvolvendo a súa carreira profesional no mundo da ilustración, a animación e a escultura.

Completan o grupo os coruñeses do Colectivo AA++ formado por Ana Domínguez e Ángel Rueda, que desenvolve a súa obra a través da investigación e representación en vivo das tecnoloxías óptico mecánicas do cinema, explorando as posibilidades creativas da proxección cinematográfica e a súa percepción sensorial. Na actualidade codirixen o (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña.

Cinema Percorridos II: Visións Nocturnas, trátase dun evento único e orixinal producido en exclusiva por Play-Doc que expón unha exploración polos novos camiños polos que discorre a creación audiovisual contemporánea.