Marzo 26, 2017

PLAY-DOC DESPÍDESE CON CINE GALEGO

− O festival internacional de cine documental di adeus á súa edición máis rebelde e arriscada

− A actividade formativa culmina coa exposición dos traballos elaborados durante o evento

– Éxito de público tanta nas salas de proxección como nos concertos na 13ª edición do festival de Tui

 

 

Play-Doc despide hoxe o seu 13ª edición cun programa variado, dominado polo cine galego pero no que tamén teñen cabida experimentos como o webdoc O retrato filmado ou a proxección dos traballos do taller de Súper 8, nun día no que culminaron tamén as súas actividades formativas. Atrás quedan cinco días do mellor cine documental, cunha selección marcada polo carácter turbador, rebelde e arriscado das súas películas.

Un ano máis, o público encheu as salas da Área Panorámica de Tui, sede de Play-Doc Festival Internacional de Cine Documental, que este ano se presentou coa novidade dun programa aberto a colaboracións, que enriquecen a proposta sen perder a coherencia nin a identidade que consolidaron o evento. Estreas mundiais, óperas primas e xoias do pasado rescatadas para a ocasión formaron parte estes días da oferta de Play-Doc.

A gañadora deste ano na sección oficial foi Ama-San, da portuguesa Cláudia Varejão. Así o decidiu a noite do sábado un xurado formado por Carmen Gray, Jake Perlin e Philippe Azoury, que valorou na obra “a creación dun traballo impecable sen imaxes superfluas ou editorializantes”. “A película logrou condensar o que calquera cineasta desexa retratar, a través dunha extraordinaria fotografía, un ritmo pausado e un modesto control, que encaixa perfectamente co recoñecemento aos seus protagonistas”, apunta o acta do xurado, que destacou o complicado que foi realizar unha selección entre cinco películas de tan alto nivel, algo que non é fácil de atopar en ningún dos festivais nos que participaron como xurados.

A xornada do domingo comeza con cine galego, coas películas Vai chover (Santiago D. Risco), La fuga de los 45 (Cristina Caamaño) e Aysha (Fon Cortizo), antes da proxección, horas máis tarde, de Esquece Monelos (Ángeles Huerta). Complétanse así as 12 obras dun ciclo que inclúe sete estreas mundiais e que mostra o vigoroso pulso da creación cinematográfica galega.

O domingo conclúe tamén toda a actividade formativa. Parte dela móstrase na sala 2 do festival, tanto co proxecto de webdoc O retrato filmado, baseado na película colectiva Ida e volta, como no traballo realizado durante todo o festival no taller de Súper 8, que organiza a Agrupación Cinematográfica Galega. Celébrase ademais o encontro Coming Soon, unha exposición dos principais proxectos documentais en proceso de xestación, da man dos seus autores.

O programa do domingo inclúe ademais a película de Dominic Gagnon Hoax_Canular, realizada a partir de máis de 70 horas de vídeos subidos a YouTube por adolescentes nunha soa noite, a véspera da gran Apocalipse, para completar unha profunda reflexión sobre como os máis novos fan súa a angustia xerada polos medios.

Tamén se proxectan tres títulos do ciclo Cinema Direct, dirixido polo propio Gagnon. Son Les Raquetteurs (Michel Braut e Gilles Groulx, 1958), Voir Miami (Gilles Groulx) e A Trip Down Memory Lane (Arthur Lipsett, 1965). O festival despídese coa proxección, a partir das 22,30, de Stations of the Elevated (Manfred Kirchheimer, 1981), a primeira película que documenta a arte do grafiti, que forma parte do ciclo The Wrong Revolution, programado por Jake Perlin.

Non só as salas de proxección enchéronse durante o festival. Tanto o venres como o sábado, o público arroupou aos grupos incluídos no programa Play-Doc Live, os concertos de Play-Doc. Tras a actuación a noite do 24 de Joan As Police Woman, o sábado tocoulle a quenda aos neoiorquinos Star Rover e aos portugueses The Dirty Coal Train. Dous concertos que se converteron no complemento perfecto para cinco días do mellor cine documental.