Marzo 1, 2018

PLAY-DOC 2018 ABRE INSCRICIÓN PARA SEMINARIOS E OBRADOIROS

A dous meses para a apertura da décimo cuarta edición do Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui , o certame abre as convocatorias para os obradoiros e seminarios que formarán parte da súa programación. Crítica feminista e cinema artesanal son os eixos sobre os que xira a oferta formativa en colaboración con A Cuarta Parede e Agrupación Cinematográfica Galega. Play-Doc 2018, que se celebra do 26 de abril ao 1 de maio e que pasada edición recibiu a oito mil espectadores, anunciará proximamente a súa programación.

De como se constrúen as representacións femininas no cinema versa o seminario de crítica feminista en colaboración coa Asociación Cultural A Cuarta Parede, que participa no festival por quinto ano consecutivo. O seminario desenvolverase os días 28 e 29 de abril e contará coa presenza das investigadoras Elena Oroz (Universidade Carlos III de Madrid), Marta Pérez Pereiro (Universidade de Santiago de Compostela) e Marga Carnicé Mur (Escola Superior de Cinema i Audiovisuals de Catalunya).

Ademais das reflexións teóricas ao redor das correntes feministas e o cinema desde os anos setenta, o seminario contará tamén cun obradoiro práctico no que as persoas participantes poderán facer as súas propias críticas –escritas ou en vídeo– sobre os filmes programados no festival, que logo serán publicadas na revista dixital A Cuarta Parede. A inscrición pode facerse enviando unha mensaxe a info@acuartaparede.com até o venres 20 de abril. O prezo da matrícula será de 30€, e inclúe unha acreditación que dá acceso a todas as sesións e actividades do festival.

Tui en 16 mm
O Play-Doc en colaboración coa Agrupación Cinematográfica Galega abre tamén inscricións para dous obradoiros centrados na artesanía do cinema e dirixidos a público infantil e adulto.”Filma, revela, edita e proxecta” é o título do obradoiro que se celebrará en dúas quendas, a primeira os días 27 e 28 de abril e a segunda os días 29 e 30. Un obradoiro práctico con prazas moi limitadas que, partindo das paisaxes filmadas nos anos sesenta e setenta en Tui polos seus habitantes en formato Súper 8 procedentes do Arquivo Galego de Cinema Doméstico, propón aos participantes filmar os mesmos planos en 16mm. Un obradoiro que, ademais de afondar na creación da imaxe cinematográfica analóxica, servirá para mostrar as transformacións da paisaxe nos últimos corenta anos. Impartido polo director de fotografía e da Agrupación Cinematográfica Galega, Pablo Gómez Salga, para poder inscribirse no obradoiro, que ten un prezo de 95 euros, hai que enviar un mail a: lacinematografica@gmail.com , co asunto ‘Taller 16mm. Play- Doc 2018’, indicando un nome e persoa de contacto. Cada quenda do obradoiro admitirá un máximo de seis persoas.

Fiel ao obxectivo de introducir no cine aos novos públicos, o Play-Doc 2018 tamén reserva un taller para o publico infantil, entre 8 e 12 anos. CinemaEscola, a primeira escola de cinema e artes visuais para xente noviña en Galicia, imparte o obradoiro “Descubrindo as imaxes”, o sábado 28 de abril de 16 a 20h, con prazas limitadas. Os participantes gravarán pequenas películas ao estilo dos irmáns Lumiere: películas que duran só un minuto, nunha toma única e sen mover nin cambiar nada en cámara, que retratan accións de principio a fin. Como inscribirse neste obradoiro impartido por Pablo Gómez Salga e Alfonso Durán? Escribir a lacinematografica@gmail.com , co asunto ‘Obradoiro de cinema público infantil. Play- Doc 2018’, indicando un nome e persoa de contacto.

Toda a información sobre as actividades formativas en Play-Doc 2018 na web: http://www.play-doc.com