Setembro 2, 2021

O músico brasileiro Domenico Lancellotti e os norteamericanos Blurry the Explorer actuarán no festival Play-Doc

SÁBADO 25 DE SETEMBRO   –  00:00h   –  TEATRO MUNICIPAL DE TUI

ENTRADAS

O Festival Internacional de Cine Play-Doc, que terá lugar na cidade de Tui do 22 ao 26 de setembro, presenta unha atractiva programación musical para a súa 17ª edición. Desde Río de Janeiro e Nova York, e da man de Domenico Lancellotti e Blurry the Explorer, chegan as propostas en directo que farán vibrar ao público de Play-Doc, no Teatro Municipal de Tui, o 25 de setembro. Os concertos, organizados en colaboración con SON Estrella Galicia, contribuirán a afianzar o festival como un punto de encontro artístico interdisciplinar.

Multinstrumentista, cantante, compositor, produtor e artista visual, Domenico Lancellotti é un dos grandes nomes da música popular brasileira contemporánea. Nado en Río de Janeiro, de ascendencia italiana, na década dos 90 formou a banda de rock experimental ‘Mulheres Que  Dizem’ á vez que comezou traballar con Moreno Veloso e Alexandre Kassin no proxecto ‘+ 2’. Foi un dos fundadores de ‘Orquestra Imperial’ e como músico, compositor e produtor, traballou con artistas da talla de Adriana Calcanhotto, Caetano Veloso, Arto Lindsay, Gilberto Gil, Moreno Veloso, Gal Costa e Chrissie Hynde, entre outros.

Lancellotti viaxará a Tui coa súa banda para presentar en directo Raio, o seu último álbum, no que explora as raíces da música popular brasileira e o ritmo da electrónica, cun “sentimento de reconstrución e renacemento”.

Completan o cartel musical desta edición de Play-Doc os norteamericanos Blurry the Explorer. Trátase da nova aventura musical do baterista Jeremy Gustin (Albert Hammond Jr), unha banda xurdida do encontro co baixista e compositor Ricardo Dias Gomes (Caetano Veloso), o guitarrista  Ryan Dugre (Rubblebucket, Joan As Police Woman), e o guitarrista e produtor Leo Abrahams (Brian Eno, Paul Simon). O grupo de Nova York presentará o seu álbum de debut, que vén cargado de pura experimentación e poesía sonora.

The Blurry Explorer

Blurry The Explorer

Ambas actuacións, ademais, estarán acompañadas polas creacións audiovisuais de Sr Pause, o  alter ego do artista Roi Fernández, un dos expoñentes da videocreación en Galicia, experto na  performance cinematográfica, Live Cinema, videomapping, animación e outras formas polipoéticas visuais.

As entradas para o concerto do 25 de setembro xa están dispoñibles a través da plataforma de venda en liña Enterticket.

Play-Doc é moito máis que un festival de cinema. Os concertos da 17ª edición súmanse a unha longa lista de recoñecidos artistas nacionais e internacionais que, en anteriores edicións, formaron parte da programación musical do festival. É o caso de Joan as Police Woman, Mad Professor, Morphine, The Rosenberg Trio, Dead Combo, Les Deuxluxes, Baiuca ou Rubblebuckets. Pero Play-Doc tamén foi un punto de exhibición para bandas menos coñecidas para o gran público, ateigadas de músicos con moito talento, polas que o festival apostou e que resultaron ser marabillosos descubrimentos.