Os premios de distribución Play-Doc TV foron para as películas ‘In Memoriam’ de Marcos Merino e ‘La Estrella Errante’ de Alberto Gracia
O xurado da décimo quinta edición do Festival de Cinema Play-Doc, composto por Garbiñe Ortega, Derwin Tamsa e Olaf Möller, decidiu outorgar o Premio Play-Doc á película brasileira Humberto Mauro dirixida por André dei Mauro por “ser unha película que non só honra a un gran director, senón que ofrece unha visión lírica das paradoxais promesas do progreso no século XXI e do país do que provén”
O xurado quixo destacar a calidade de todas as películas a competición desta edición e quixo resaltar que todas elas merecían ser gañadoras. Decidiron outorgar este premio “tomando como inspiración a comida galega, queremos dar o premio á película que usa un material puro e esencial de alta calidade para compoñer un prato que se converte nunha sinfonía vivaz a través da súa montaxe, a súa elección musical e a súa rica paisaxe sonora”.
Humberto Mauro (2018), estreada tamén na pasada edición do festival de Venecia. Con máis de trescentas películas Humberto Mauro (1897-1983) non só foi o pai do cinema brasileiro, senón tamén o primeiro cineasta de toda América Latina. Neste tributo ao lendario realizador, o seu sobriño neto André dei Mauro fai un repaso pola súa monumental cinematografía a través de imaxes das súas películas e o rexistro sonoro dunha entrevista radiofónica gravada nos anos sesenta. O resultado é unha obra enormemente poética e unha viaxe no tempo no que o propio Humberto Mauro fálanos da súa vida, da súa visión do cinema e das súas experiencias e retos como a primeira persoa que a principios do s. XX comeza a facer películas nunha pequena cidade do interior do Brasil.
Doutra banda, Os premios de distribución Play-Doc TV foron para as películas ‘In memoriam’ dos asturiano Marcos Merino, e ‘La Estrella Errante’ do director galego Alberto Gracia. Estes galardóns consisten na compra de dereitos non exclusivos para a súa exhibición temporal na plataforma de vod Play-Doc TV que opera a través do operador de cable do Grupo Euskaltel nos territorios de Galicia (con R televisión), Euskadi con Euskaltel e Asturias con Telecable.