Setembro 27, 2021

Esquirlas, de Natalia Garayalde, gaña o Premio Play-Doc 2021

As pezas Froito  do  vosso  ventre, de Fábio Silva, e Os corpos, de Eloy Domínguez  Serén, triunfan na  competición internacional de curtametraxe e Galicia, respectivamente.

A 17ª edición do Festival Internacional de Cinema de Tui, Play-Doc, xa ten  palmarés oficial. Esquirlas, da directora e guionista arxentina Natalia Garayalde, proclámase triunfadora do certame logo de obter o Premio Play-Doc 2021.

O xurado do concurso internacional, conformado polo crítico cinematográfico Ariel Schweitzer (Cahiers du  Cinéma), a programadora norteamericana Nellie Killianc (Metrograph) e o produtor galego Felipe Lage (Zeitum Films), decidiu outorgar, por unanimidade, o premio a Garayalde “pola perspectiva íntima que ofrece sobre a traxedia dun país e dunha familia, usando imaxes de películas domésticas familiares para dar un contexto único aos acontecementos que viviu na súa infancia”.

Esquirlas parte da destrución da industria emblema da cidade da autora, a Fábrica Militar de Río Terceiro, en Córdoba. Miles de proxectís disparáronse contra o pobo que os producía. Con 12 anos, mentres tentaba escapar das explosións,  Garayalde rexistrou a destrución da súa cidade cunha cámara de vídeo. Vinte anos despois atópase novamente con eses arquivos, nun momento no que a ameaza do polo industrial e militar aínda persiste no presente.

O palmarés oficial de Play-Doc complétase cos galardóns do concurso internacional de curtametraxes e Galicia. O xurado de ambas seccións, composto polo cineasta brasileiro Helvécio Marins Jr., o produtor e director de cinema Miguel Clara Vasconcelos, e a ourensá Elisa Pereira, fundadora do espazo de creación artística La Plantación, decidiu premiar, no caso do concurso internacional, o curtametraxe Froito do vosso ventre, de Fábio Silva “pola simplicidade, honestidade e orixinalidade coa que aborda un tema profundo, cunha pouco común intimidade”, ademais de por ser unha película “con coraxe que explora unha linguaxe visual propia”.

FRUTO-DO-VOSSO-VENTRE

Na competición Galicia, o xurado destacou “a variedade temática”, así como “a creatividade e madurez” das obras seleccionadas, “sendo unha competición de gran calidade”. Á hora de nomear unha gañadora, a escollida foi Os corpos, de Eloy Domínguez Serén, “unha inmersión nunha realidade intensa, violenta, primitiva, poética, filmada e editada con gran mestría que nos mergulla nun ambiente de hipnosis local, popular,  arquetípico e misterioso”.

OS-CORPOS