UN CLARO NO BOSQUE

Teatro Municipal de Tui | Domingo 5 de maio 11:00h

“[…] E escríboche que son moi feliz e que me alegraría que estiveses aquí, porque hai cousas no bosque nas que un podería estar pensando durante anos, tombado no musgo”.

Franz Kafka escribiu estas liñas ao seu amigo Max Brod en 1908. Os bosques de Bohemia inspiraron ao autor praguense, proporcionándolle felicidade e un sentimento de proximidade á natureza. Porén, o bosque suxire en nós moitas outras asociacións: é místico, fabuloso, perigoso, salvaxe, poderoso, solitario, calmo, idílico, comunitario, político… Pode ser un remanso de paz e un lugar de retiro, pero tamén un lugar ameazado pola explotación e a destrución. Nos nosos días, relacionámonos co bosque dende a fascinación pola natureza e o reclamo do salvaxe, pero tamén como unha chamada de auxilio desde un punto de vista ecoloxista.

Os bosques vincúlannos con algo atávico como especie e con algo cultural como sociedade: son lugares acolledores e terroríficos á vez, e de aí vén a nosa fascinación por eles. De feito, na cultura popular galega son moitas as lendas e contos relacionados cos bosques e fragas: historias de trasnos, meigas, fadas, lobishomes, a Santa Compaña, o olláparo, o apalpador, os mouros e as mouras… Pero tamén supuxeron dende tempos antigos un modo de vida para os nosos devanceiros e devanceiras.

Descrición do obradoiro

Ao longo do mes de abril de 2024, os e as participantes realizarán unha pequena peza audiovisual de curta duración, na que, ao igual que Kafka, se adentrarán nos bosques para revelar os seus segredos e encantamentos, para experimentar a súa quietude e harmonía, ou para denunciar a súa destrución e reivindicar pola súa conservación. Contando a comarca do Baixo Miño cun referente tan maxestoso como o Monte Aloia, declarado primeiro Parque Natural de Galicia en 1978, convidamos aos nosos e nosas participantes a explorar os seus máis 10 km de sendas, e a súa natureza senlleira. Porén, considerando o Monte Aloia un excelente escenario para as súas pezas, cada autor e autora poderá por suposto elixir libremente cal é o bosque que queren filmar, existindo outros enclaves fantásticos na comarca.

Fagamos nosa a célebre cita de Henry David Thoreau: “din un paseo polo bosque e saín máis alto que as árbores”.

ENTRADAS