Play-Doc mergúllase na antiga Iugoslavia e na comunidade afroamericana

30 Mar 2016
Akosua Adoma Owusu

Play-Doc Festival Internacional de Documentais dá comezo xa en dúas semanas, do 13 ao 17 de abril, cunha das súas programacións máis diversas en anos. Para acompañar a retrospectiva dedicada ao cineasta afroamericano Charles Burnett, o certame contará nesta edición cun programa paralelo que, baixo o título de ‘Avant-Gutter’, repasará a obra doutros realizadores de cor influenciados pola figura deste autor, referencial no cinema independente de Estados Unidos.

Programado pola cineasta estadounidense Akosua Adoma Owusu, o ciclo céntrase sobre todo na construción da identidade afroamericana no que se deu en denominar a negritude. Cineastas contemporáneos, influenciados pola obra de Burnett, retratan as súas comunidades con estilos diversos, co que o programa realiza un retrato amplo e diverso da mesma realidade. Cintas de varios dos cineastas de cor máis destacados do último par de décadas inclúense nel, como Arthur Jafa, Cauleen Smith ou Kevin Jerome Everson.

O ciclo inclúe ademais a estrea española da última película de Billy Woodberry, compañeiro de xeración de Burnett, ao que considera o seu mestre, e co que colaborou en varios dos seus filmes. And When I Die, I Won’t Stay Dead (2015) realiza o apaixonante retrato do poeta Bob Kaufman, singular voz do movemento ‘beat’.

Xoias de Jugoslavija

O segundo programa temático que Play-Doc ofrece este ano é ‘O vello-novo experimento ou sobre a vangarda iugoslava’, programado por Kumjana Novakova, do Pravo Ljuski Film Festival de Saraxevo. O ciclo céntrase en varios cineastas de vangarda dos anos sesenta e setenta, que, como di a programadora, crearon obras fóra da norma, nunha ideal “Jugoslavija”, nome que inicialmente se lle atribuíu á desaparecida república.

Nados ao abeiro dos cine-clubs estatais, curiosamente en moitas ocasións dende unha militancia política contraria ao réxime de Tito, estes realizadores crearon obras que teñen en común certa abstracción e de grande beleza plástica. Artistas como Karpo Godina ou Zelimir Zilnik, hoxe moi ben considerados pola crítica, que daquela daban os seus primeiros pasos.

O ciclo recolle algunhas das súas obras iniciáticas, moi difíciles de ver, e outras de compañeiros como Lordan Zafranovic ou Mirza Idrizovic, que son verdaderaimente unha rareza. Un programa para os espectadores máis esixentes, con ganas de descubrir estas xoias ocultas e deixarse asombrar por unha xeración que entusiasmou a toda Europa.

, , , ,

Share

Google Plus Facebook Twitter Pinterest