26 Marzo, 2026

Viola Stephan e Eduardo Coutinho, protagonistas das retrospectivas de Play-Doc 2026


Dous cineastas singulares para quen facer cinema non consiste en explicar a realidade, senón en observala e escoitar a quen a vive.

Do 29 de abril ao 3 de maio, Play-Doc celebrará a súa 22ª edición en Tui. Nesta ocasión, o festival dedicará as súas dúas principais retrospectivas á cineasta alemá Viola Stephan e ao realizador brasileiro Eduardo Coutinho, dous autores que, desde contextos e métodos de traballo moi distintos, comparten unha maneira semellante de achegarse ás persoas que filman: no seu cinema, os individuos non se reducen a categorías sociais nin responden a discursos preestablecidos, senón que aparecen como persoas concretas, coas súas propias vidas e experiencias, e as películas nacen do encontro con elas, da mirada e da conversa.

Viola Stephan: filmar un mundo en transformación

A retrospectiva dedicada a Viola Stephan reúne os filmes realizados pola cineasta durante a década dos noventa, agrupados baixo o nome de Interim, termo que alude ao período posterior á caída do Muro de Berlín e ao colapso do bloque soviético, un momento no que a vella orde desaparecera e a nova aínda non tomara forma. Rodadas entre Alemaña, Polonia e Rusia, en 35mm —presentadas no festival en copias restauradas con carácter de estrea internacional—, estas películas rexistran ese proceso de transformación política e social a través da vida cotiá, das conversas, dos xestos e dos espazos nos que eses cambios históricos se fan visibles.

Eduardo Coutinho: o cinema da palabra

A segunda gran retrospectiva desta edición estará dedicada a Eduardo Coutinho(1933–2014), figura fundamental do cinema documental brasileiro. A retrospectiva centrarase nas películas producidas por VideoFilmes, correspondentes á etapa de madurez do cineasta, na que desenvolveu o método de traballo que define o seu cinema, coa excepción de Cabra marcado para morrer, obra anterior a este período e decisiva na súa traxectoria. Nelas, Coutinho reduce o cinema a un dispositivo mínimo —unha cámara, un espazo e unha conversa— e constrúe os seus filmes a partir da palabra das persoas filmadas e da relación que se establece con elas no momento da gravación.

Se as películas de Viola Stephan filman a historia a través dos espazos, da vida cotiá, das persoas e das comunidades que habitan un mundo en transformación, o cinema de Eduardo Coutinho faino a través da palabra, do relato e da memoria de quen a conta. En ambos os casos, cada filme nace dun encontro concreto —con persoas, con lugares, con situacións— e evita reducir esas vidas a categorías ou a ideas preconcibidas.

A cineasta Viola Stephan acudirá a Play-Doc para acompañar a retrospectiva e presentar os seus filmes en persoa. Así mesmo, João Moreira Salles, cineasta e produtor, colaborador fundamental na etapa final da súa obra, será o encargado de introducir a retrospectiva dedicada a Eduardo Coutinho.

Fiel á súa traxectoria como festival independente, Play-Doc combinou ao longo dos anos o descubrimento e redescubrimento de cineastas singulares coa reivindicación de figuras fundamentais da historia do cinema. As retrospectivas dedicadas a Viola Stephan e a Eduardo Coutinho inscríbense nesa dobre liña que define o festival e supoñen tamén un regreso ao cinema documental, que está na orixe e no corazón de Play-Doc.

Nas próximas semanas darase a coñecer o resto da programación desta 22ª edición, que incluirá as seccións competitivas, seminarios, clases maxistrais, concertos, sesións de cinema expandido e actividades profesionais como VENTURA, plataforma de formación, desenvolvemento de proxectos e foro de coprodución internacional, entre outras actividades.