A plataforma de desenvolvemento, formación e coprodución internacional vinculada ao festival galego consolida en catro anos unha traxectoria con resultados en circuítos como Locarno ou Rotterdam, nun contexto de incerteza sobre a súa continuidade
A cuarta edición de VENTURA, a plataforma de formación profesional, desenvolvemento de proxectos e mercado de coprodución internacional do festival Play-Doc, celebrada no marco da 22ª edición do festival, reuniu sete proxectos galegos en desenvolvemento: Alivio, de Lucía Estévez; Auras. Visións de cegueira, de Nela Fraga; Lebrescura, de Xacio Baño; Leandro Flores (Canto a Leo), de Mateo Kesselman; Praza do Punto, de Aira Portos; Unha película de películas de barcos, de César Souto; e Xente planta, de Xiana do Teixeiro.
O programa contou ademais coa participación de máis de vinte profesionais da industria —produtoras, axentes e expertos en ámbitos como financiamento, coprodución, distribución, marketing ou deseño de audiencias— e conclúe co seguinte palmarés: o Premio VENTURA 2026, dotado con 2.000 euros, foi outorgado a Lebrescura, de Xacio Baño; o Premio NUMAX / DCP Deliveries, consistente na produción dun DCP, recaeu en Praza do Punto, de Aira Portos; o Premio VFX CORMORAN, de servizos de efectos visuais, foi para Xente planta, de Xiana do Teixeiro; e o Premio Industry Screenings Porto/Post/Doc, que facilita a participación no seu mercado profesional, foi concedido a Auras, de Nela Fraga.
Un modelo de desenvolvemento con proxección internacional
VENTURA celebrou a súa cuarta edición consolidándose como un espazo distintivo dentro do ecosistema audiovisual europeo. Concibido para acompañar cineastas e produtores independentes, o programa integra desenvolvemento creativo, formación especializada e acceso directo á industria nun único proceso orientado á creación e á circulación internacional dos proxectos.
Desde a súa posta en marcha, a iniciativa desenvolveuse como unha proposta orixinal dentro do ámbito europeo de desenvolvemento e coprodución, definindo progresivamente o seu posicionamento e reforzando a súa identidade desde as primeiras edicións.
Inicialmente apoiado por fondos europeos, o programa articulouse nun contexto de impulso a este tipo de iniciativas a escala internacional; posteriormente, coa transferencia destas liñas de apoio ás comunidades autónomas, VENTURA adaptou o seu marco de financiamento, reforzando a súa implantación territorial sen renunciar á súa vocación e proxección internacional. Na actualidade, a continuidade destas liñas de apoio atópase en revisión.

Apoio ao tecido audiovisual galego e resultados cuantificables
Nestes anos, o programa desempeñou tamén un papel relevante no apoio ao tecido audiovisual galego, acompañando cineastas e produtoras en distintas fases de desenvolvemento e facilitando a súa proxección en contextos profesionais internacionais. Entre outros, participaron autores como Eloy Enciso, Diana Toucedo, Carla Andrade, Pela del Álamo, Inés Pintor ou Fran Rodríguez Casal e Coral Piñeiro, entre moitos outros.
Ao longo das súas edicións, VENTURA demostrou a súa eficacia como ponte entre o desenvolvemento e o mercado, con proxectos que accederon a algúns dos principais espazos internacionais: As Estações, de Maureen Fazendeiro —coprodución con participación galega (Filmika Galaika)—, tivo a súa estrea mundial na Competición Internacional do Festival de Locarno; El alumbre, de Alejandro Tarraf, producido pola galega Zeitun Films, foi seleccionado en Cinemart, o mercado de coprodución do International Film Festival Rotterdam, onde recibiu o premio VIPO; e Todo es cárcel, de Eloy Enciso, prepara a súa estrea mundial nun festival internacional de referencia.
Estes casos forman parte dun conxunto máis amplo de proxectos que, tras o seu paso por VENTURA —moitos deles en fases iniciais ou inéditos—, accederon a financiamento, continuaron o seu desenvolvemento en laboratorios internacionais e foron seleccionados en mercados e plataformas como TorinoFilmLab, Cannes Critics’ Week ou Visions du Réel, consolidando o seu percorrido no circuíto profesional europeo.
O programa acolleu proxectos inéditos de cineastas internacionais como
Athina Rachel Tsangari, Alessandro Comodin ou Mitra Farahani, xunto a unha ampla xeración de autores procedentes de distintos contextos europeos e internacionais. Así mesmo, conta coa participación de titores de referencia como João Pedro Rodrigues ou Mariano Llinás, e cunha rede de profesionais vinculados a algunhas das principais institucións e plataformas do sector, como o Marché du Film de Cannes, Berlinale Co-Production Market, Locarno Pro, TorinoFilmLab, IFFR Pro, EURODOC, ACE Producers ou Eurimages, entre outras.
Implantación territorial e continuidade
Desde a súa base en Tui, nun territorio fronteirizo entre España e Portugal, VENTURA contribúe a descentralizar o acceso á industria audiovisual e a reforzar a circulación internacional de proxectos desenvolvidos fóra dos grandes centros de produción.
O seu impacto, máis alá dos resultados individuais, tradúcese na consolidación de redes profesionais e dinámicas de coprodución a escala internacional, en diálogo cun tecido local de empresas —incluídas distribuidoras e servizos técnicos— que participan no programa mediante premios en forma de apoios e prestacións profesionais.
Tras catro edicións, os resultados acadados —estreas en festivais internacionais, presenza en mercados de referencia e acordos de coprodución e distribución— sitúan a VENTURA como unha plataforma eficaz de inserción no ecosistema audiovisual europeo.
Nun contexto no que a continuidade das liñas de apoio que o fixeron posible se atopa en revisión, estes resultados poñen de relevo a importancia do programa ante a incerteza sobre a súa continuidade.