Memoria cinematográfica, creación contemporánea e impulso á industria articulan a programación do festival
Un foco dedicado a Maureen Fazendeiro e o reforzo de VENTURA como espazo de desenvolvemento e coprodución internacional
Play-Doc alcanza a súa 22ª edición consolidando un modelo singular: un festival a escala humana, integrado no seu contorno e cunha programación de rigor cinéfilo e proxección internacional desde a cidade histórica de Tui, na fronteira con Portugal, onde conflúen vangarda e tradición, voces emerxentes e consolidadas, o local e o internacional nun diálogo continuo. A programación, xa anunciada, inclúe retrospectivas dedicadas a Viola Stephan, primeira retrospectiva internacional da súa obra, e a Eduardo Coutinho, figura clave do cinema documental, xunto á sección Sombras, dedicada nesta edición a Rafael Luca de Tena e centrada na recuperación e posta en valor da historia do cinema galego.
O programa complétase coa Competición Galicia, espazo clave para a vitalidade e diversidade do cinema galego actual, e a Competición Internacional, con películas de Europa, América, África e Asia, así como con propostas que expanden o cinema máis alá da sala. Neste sentido, o festival converte o patrimonio en parte activa da experiencia, con iniciativas como Cine Recorridos e as proxeccións de cinema mudo con música en directo na Igrexa de San Domingos. A isto súmase unha programación de formación, encontros profesionais e actividades online.
Play-Doc dedica un foco dedicado á cineasta franco-portuguesa Maureen Fazendeiro
Nesta edición, Play-Doc inaugura Cineasta en foco, unha nova sección dedicada ao cinema contemporáneo que comeza coa obra de Maureen Fazendeiro. Con ela, o festival incorpora unha liña orientada a visibilizar traxectorias relevantes do cinema actual.
A traxectoria de Fazendeiro mantén un vínculo sostido co propio festival. O seu primeiro traballo, Motu Maeva, foi recoñecido en Play-Doc en 2014, e o seu proxecto máis recente, As Estações, foi o gañador da primeira edición de VENTURA, a plataforma de desenvolvemento, formación e industria impulsada polo festival. O proxecto continuou o seu camiño ata a súa estrea no Festival Internacional de Cinema de Locarno.
Este percorrido establece unha relación directa entre a programación do festival e a súa liña de industria, situando a obra de Fazendeiro nun punto de conexión entre creación e circulación internacional, en continuidade co traballo que Play-Doc leva a cabo a través de VENTURA.
Ao longo da súa filmografía, Maureen Fazendeiro desenvolveu unha obra coherente, caracterizada polo uso de soportes analóxicos, a presenza de materiais de arquivo e unha atención constante á escrita, a través de cartas, textos e correspondencias. As súas películas constrúense a partir da relación entre imaxe e son, que non sempre coinciden, e dunha posta en escena baseada na depuración formal, construída a partir de baleiros e silencios.
Na súa cuarta edición, VENTURA consolídase como unha das principais liñas de industria do festival, estruturada en tres fases: unha residencia intensiva de escritura; unha etapa de formación profesional online impartida por expertos internacionais; e unha terceira fase de encontros profesionais —con produtores, distribuidores, fondos e axentes do sector— que culmina en sesións de presentación e pitching. Esta última fase celebrarase durante o propio festival, reforzando a súa integración nun contexto activo de intercambio e coprodución internacional.