Rafael Luca de Tena

Sombras 03. Rafael Luca de Tena

Por Pepe Coira

“Onte estiven no reino das sombras”. Máximo Gorki

Imaxes en branco e negro dun evento inzado de sotanas e uniformes militares, coma corresponde ao tempo e lugar filmados. A Galicia de 1954. É un documental da inauguración do aeroporto de Peinador. Quédanse gravadas na memoria, e desde entón pasaron máis de trinta anos, as escenas cara ao final en que se ve a xente común que asistiu ao acto comendo bocadillos. Algún faino con voracidade, despreocupado da cámara. A película multiplica entón de súpeto o seu impacto documental e axéitase aínda máis ao tempo e lugar filmados. Estanos amosando, entre outros, aos presos políticos que traballaron na construción do aeródromo. Rafael Luca de Tena, o autor do documental, dirixe a cámara onde moitos outros non o facían. 

Daquela primeira impresión causada polo cine de Rafael Luca de Tena xurde a idea de dedicarlle a nova entrega de Sombras, o espazo que Play Doc abre á memoria do cine galego, un cine que por veces semella que empezou onte, pero que percorreu o século XX enteiro, as máis das veces por cursos subterráneos, por estradas secundarias, polas marxes. De aí, ou de telo próximo de máis, que non lle adoitemos prestar a atención que merece ese conxunto de películas e cineastas que falan de nós, e que o fan a través de traballos estimulantes, imprevistos, singulares. 

Luca de Tena, a principal figura do cine amateur en Galicia xunto con José Ernesto Díaz Noriega, aínda non foi obxecto dun estudo en profundidade. Si mereceu atención en obras máis amplas coma O cine en Galicia, de Xosé Nogueira (A nosa terra, 1997), ou na tese de doutouramento de Xan Gómez Viñas, Do amateur ao militante, dispoñible na web da USC, pero aínda non hai unha monografía ou un documental que debulle o papel que o noso cineasta xogou. De maneira que o que aquí vos propoñemos é un pequeno achegamento, a penas unha introdución, un convite a asomarse a unha filmografía ampla, heteroxénea… e que se estende ao longo de seis décadas (!). Oxalá esperte a curiosidade por saber máis, por pescudar nunha obra que, afortunadamente, está depositada e dispoñible para consulta na Filmoteca de Galicia. 

Rafael Luca de Tena naceu en Sevilla, en 1908, no seo dunha familia da alta sociedade e con inquietudes artísticas. Á afección pola pintura e o teatro cultivada desde cativo, axiña se engadiu o cine. Aínda facía o bacharelato cando tivo a súa primeira cámara nas mans. Entre a década dos 20 e a dos 70 Luca de Tena non deixou de filmar. Sempre o fixo en formatos subestándar. Primeiro, co Pathé-Baby; logo, co 16 mm; o 8 e o Super 8; e finalmente coas primeiras cámaras de vídeo chegadas de Xapón. É dicir, cine amateur. É dicir, traballou incansablemente no cine sen converter a súa paixón en oficio -el era boticario-, co que isto ten de relativamente precario respecto do cine profesional, pero tamén de relativamente libre. 

O cine amateur era o cine posible. Na Galicia das décadas centrais do século XX -onde transcorreu a vida de Luca de Tena desde que se instala en Vigo trala guerra e abre botica na praza da Constitución- era impensable a existencia dun cine galego que non fose o que un dera feito na casa. Mesmo literalmente no caso de alguén tan autosuficiente e inventivo coma Luca de Tena, que xa ideara sistemas de truca e coloreado na súa etapa sevillana e acabaría por armar na súa rebotica, con pezas de Meccano e cincuenta anos despois, un sistema de sonorización de Super 8 ao que acudían amateuristas de toda España, coma Franco ou Almodóvar. Esa autonomía técnica, filtrada polo fino sentido do humor que tingue moito do cine de Luca de Tena e polo seu talento coma deseñador,  fai que moitas das súas películas se encabecen con vistosos logotipos -Tena Films, RL Films, …- que ían mudando o seu estilo conforme á evolución do deseño gráfico do seu tempo.

Entre a abundante filmografía de Luca de Tena cabe distinguir as películas feitas co sinxelo obxecto de rexistrar momentos e situacións da contorna privada daquelas outras que teñen unha maior cobiza creativa, pensadas para un público más amplo, que van á procura de facer cine. É unha diferenza, claro, que está máis no terreo dos obxectivos ca dos resultados. Pode haber tanto esmero e tanta graza na filmación dunha festa familiar ou dunha excursión con amigos coma nos documentais, abstraccións ou ficcións que tamén fixo. A ollada é a mesma. Unha ollada curiosa, frecuentemente irónica, sempre empática. Formalmente, o traballo de Rafael Luca de Tena é impecable, pero onde acada o seu máximo nivel é na captura do humano.

Rafael Luca de Tena non conducía. E adoraba viaxar. Adoitaba botarse á estrada armado da súa cámara en compañía de dous colegas do cine amateur vigués, Mario Llorente e o seu gran amigo Amador Montenegro, propietario do coche azul que por veces chega a protagonista mudo das películas-crónica que facía canda eles. Do goce de viaxar e mirar hai múltiples mostras, pero na escolla feita para esta sesión quedámonos cunha das primeiras, unha delicia chamada Excursión a Villaviciosa de Odón (1925).

Outra gran pulsión de Luca de Tena é, obviamente, o cine. Cando o movemento amateurista se empeza a articular en Galicia en sociedades coma a Agrupación Fotográfica Gallega ou en certames coma o de Vigo, Coruña ou Lugo, Luca de Tena non só é un activo participante, senón testemuña e cronista. Reunión de cinéfilos en Compostela (1964) e, sobre todo, Misterio en la rúa. 1º Congreso Fotográfico (1962) retratan dun xeito moi expresivo o pouco coñecido ambiente daqueles encontros, cando aínda o cine amateur era cousa de señores -sempre homes- burgueses, de profesións liberais. O pequeno mundo do cine amateur é o foro, o motor e mesmo o obxecto de varias das películas de Luca de Tena. 

Algunhas delas falan dese universo con ironía, coma Petardos (1967) ou a desconcertante Lo que cuesta hacer una película (1970), ironía que acada o seu cumio nunha xoia codirixida co seu amigo José Ernesto Díaz Noriega na que parodian mordaces o cine máis pedante e críptico que naquela época copaba os concursos. Leva por título Sever Odnum (1964), e ímola ver nesta sesión. 

Outras, en cambio, eran películas tomadas moi en serio. Películas que propuñan un cine poético, cun acabado moi formal, coma Tres cartas para Alberto (1962), Mar (tamén en colaboración con Díaz Noriega, 1968), Rapsodia Galaica(1968)… Nesta liña de traballos imos incluír na sesión un dos que nos parecen máis logrados, Impromptu (1960), así coma un filme bastante singular na obra de Luca de Tena: Miña aldea (1964). A película é o retrato da aldea desde os ollos dun cativo, nas antípodas da clásica sublimación do rural, coa particularidade de ser falada en galego -o que para a época resultaba toda unha rareza non sempre ben vista- e feita a partir do guión dun fillo de Rafael, o escritor e xornalista Gustavo Luca de Tena, que nos facilitou moita información sobre o pai e nos vai acompañar nesta retrospectiva. 

Para rematar, no cine de Rafael Luca de Tena temos a impresión de que sobresaen as películas en que o cineasta busca falarnos da vida que pasa, os traballos -moi particularmente o traballo do mar, pero tamén as feiras, uns homes loitando por mover unha enorme pedra..- e máis o ocio dunha maña de domingo con concerto da banda ou un partido do Celta, os recunchos, os rostros. A xa mencionada Inauguración del Aeropuerto de Peinador (1954) e dúas pezas filmadas a escasos metros da súa botica que nos fan pensar que vemos Vigo por primeira vez –Barrio do Berbés e Poboadores de Vigo (c.1948) e Barrio do Cura (c.1945)- pechan este mínimo repaso á obra dun cineasta de mirada limpa e fonda. 

A sesión inclúe, xunto coas películas mencionadas, un breve repaso polo conxunto da obra do cineasta, con fragmentos doutras das súas películas. Para acompañar a proxección das pezas que carecen de banda sonora contaremos coa música en vivo de profesores e alumnos do Conservatorio Profesional e Escola de Música de Tui.