Ozualdo Candeias foi un dos cineastas máis creativos que deu Brasil. Precursor do cinema de au-tor e do chamado Cinema Marxinal –un dos movementos máis fecundos do cinema brasileiro–, Candeias viaxou polo interior do estado de São Paulo como camioneiro, e a comezos dos anos 50 mercou unha cámara Keystone de 16mm para rexistralos. Foi así como pasou a realizar filmes amateur.
Falar da traxectoria de Candeias é contar tamén a historia de Boca do Lixo, que a partir dos anos 20 acolle a diversas distribuidoras de cinema atraídas pola facilidade loxística que supón a proxi-midade das estacións de tren. Para a distribución da súa primeira longametraxe, A Margem (1967), Candeias comeza a frecuentar este reduto do centro de São Paulo, acuñado polos xornais da época con ese nome debido ao grande número de figuras marxinais que frecuentan o lugar, como prostitutas, ladróns e traficantes.
Candeias foi un dos primeiros en filmar en Boca do Lixo, que a finais do sesenta atraeu a cineas-tas como Rogério Sganzerla, Carlos Reichenbach, Jean Garrett, Ody Fraga e José Mojica Marins. As películas dirixidas por este grupo foron medrando en popularidade e comezaron a encher as salas de cinema. Como resultado, a Boca transformouse nun centro de produción cinematográfica que na década do setenta foi responsable de preto do 50% da produción total de filmes en Brasil.
A creatividade e a orixinalidade na composición da narrativa cinematográfica son aspectos chave na vida e na obra de Ozualdo Candeias. O uso e dominio da cámara en man, encadres inusitados e de peculiar forza e beleza, a síntese a través da montaxe, a fuxida da redundancia e dos camiños fáciles, son características das súas opcións estéticas. En case toda a súa filmografía, Candeias desempeñou as funcións de director, guionista, cámara e montador.
En A Margem (1967), considerada unha das películas máis importantes do cinema brasileiro, ato-pamos unha serie de personaxes marxinais, marcadas por un vagar incesante que expresa a in-constancia das súas propias vidas. Con Aopção (1981), premiada co Leopardo de Bronce no Festi-val de Cinema de Locarno, Candeias opta por filmar en diversas rexións de Brasil. Por momentos parece un documental e non unha sofisticadísima ficción. O crítico João Carlos Rodrigues observa que «como nos mellores momentos da súa obra, tamén aquí o cineasta dá pouca importancia aos diálogos que, aínda que existen, son meramente coloquiais. Hai momentos que lembran á poesía de Dovzhenko; outros ao humor de Buñuel; outros mesmo á aspereza contundente de Kaneto Shindo, pero é sempre Ozualdo Candeias, un dos poucos directores brasileiros que, a pesar de artista e intelectual, non provén das clases dominantes do seu país».
A Herança (1971) marca a carreira de Candeias como a única adaptación de Hamlet, de William Shakespeare, feita no cinema brasileiro. A película foi aclamada pola crítica como unha das adap-tacións máis orixinais xamais realizadas. A contribución cultural da súa obra verase tamén re-coñecida en Meu Nome é…Tonho! (1969), Manelão, O Caçador de Orelhas (1982), As Belas da Billings (1987) e O Vigilante (1992).
Considerado como un dos cineastas máis auténticos e irreverentes do cinema brasileiro, Ozualdo Candeias faleceu en 2007, aos 89 anos, deixando unha obra composta por 33 películas, ademais dun amplo acervo fotográfico. Tan importante como coñecer a súa obra é mantela viva. Temos a grande esperanza de que compartindo unha parte da súa obra co público de Play-Doc, estaremos a contribuír a que as novas xeracións crean no valor do cinema de autor.