Film Heritage Foundation

Estrea española dos filmes restaurados

Rescatando o legado do cinema indio
Por Shivendra Singh Dungarpour

Para a décimo novena edición do Festival Internacional de Cinema Play-Doc, que tivo lugar no ano 2023, fun convidado a participar presentando dúas das restauracións da Film Heritage Foundation: Thamp̄ e Kummatty,dirixidas por Aravindan Govindan, poeta do cinema, cuxo traballo, igual que os negativos de cámara orixinais dos seus filmes, corría o risco de desaparecer. Foi un pracer presentarlles a Govindan aos cinéfilos de Tui, empoleirada nun outeiro da fronteira entre España e Portugal, que vían películas indias por vez primeira; con isto reafirmabamos o noso propósito de restaurar clásicos para lles dar unha nova vida. Este ano, no Play-Doc, a Film Heritage Foundation vai exhibir películas en catro idiomas: hindi, canarés, manipurí e oriá, de diversas rexións da India.

O meu primeiro contacto coa restauración cinematográfica produciuse cando en 2012 traballei con The Film Foundation, de Martin Scorsese, na restauración do filme hindi Kalpana (1948), de Uday Shankar. Aí aprendín con que beleza e respecto era posible restaurar as cintas e darlles unha segunda existencia. Iso fíxome pensar na miña época de estudante no Film and Television Institute of India, en Pune, e pregunteime polo destino de todos eses preciosos filmes en celuloide proxectado sobre película que vimos, que nos encantaron e dos que aprendemos, e confiei en que estivesen a salvo.

Coa esperanza de achar respostas, fun reunirme con P. K. Nair, antigo director do National Film Archive of India (NFAI). Leveino visitar a cámara do arquivo e decateime de que, tras a súa xubilación, ese arquivo quedara orfo: vin latas enferruxadas no céspede, grosas arañeiras a colgar dos andeis, cámaras onde as temperaturas se desaxustaran. Partía a alma contemplar o traballo dunha vida reducido a isto, un legado esquecido. Ese foi o comezo da miña película Celluloid Man, unha homenaxe ao labor que fixera Nair ao longo da súa traxectoria, así como unha crónica dos primeiros tempos do cinema indio e a súa tráxica perda. Facela constituíu para min unha viaxe de descuberta. Durante esas horas e días de conversas con Nair e nos meus desprazamentos por todo o país, pouco a pouco se foi revelando a desoladora perda do noso patrimonio fílmico.

No ano 2014, Celluloid Man deu lugar á Film Heritage Foundation. Nese momento non dispoñiamos de arquivistas cinematográficos que tivesen formación e a nosa traxectoria en materia de conservación de películas era tan desastrosa que a restauración parecía un soño distante. Decateime de que, se un non conserva, non vai ter nada que restaurar.

Empezamos a recompilar calquera elemento pertencente ao patrimonio cinematográfico ao que puidésemos botarlle man. Atopamos películas nos mercados de rúa; debaixo das camas e metidos en armarios; abandonadas en laboratorios, estudios e almacéns. Non nos limitamos simplemente aos filmes. Nunha conxuntura en que as películas en si desapareceron, a miúdo o único que queda son obxectos como carteis, fotografías, fotocromos, guións etc. que constitúen unha parte integral do tecido do noso patrimonio cinematográfico. Na actualidade, a Film Heritage Foundation dispón dunha colección de aproximadamente 700 películas en celuloide e arredor de 200 000 obxectos, que abranguen máis de 70 000 documentos, 2200 libros, 62 000 fotografías, 21 000 negativos fotográficos, 21 600 carteis, 10 200 fotocromos, 37 000 artigos de periódico, 6600 folletos de cancións e 340 obxectos tridimensionais como cámaras, proxectores, accesorios de atrezzo e traxes. En resposta ao feito de que A India conte con escasos arquivistas e non exista ningunha titulación superior ou de grao medio nesta disciplina, a Film Heritage Foundation leva desde o ano 2015 a realizar, en distintas cidades do país e en colaboración coa Federación Internacional de Arquivos Fílmicos (FIAF), obradoiros anuais intensivos de conservación e restauración de películas, dunha semana de duración, nos cales se formaron preto de 500 persoas ao longo dunha década.

Mediante estes obradoiros anuais, constituímos desde cero o noso propio equipo de conservadores e tamén adquirimos coñecementos sobre todo o espectro de actividades de conservación, que van da colección, conservación e restauración de material e artigos efémeros en formato analóxico e dixital ao comisariado, exposición e acceso público, os cales se poñen en práctica baixo os auspicios da Film Heritage Foundation. Grazas aos festivais que organizamos, nos que se proxectan clásicos e cos que se celebra o traballo de personalidades destacadas do ámbito cinematográfico, tanto do indio como do internacional, a enorme escala e por todo o país, reunimos un público espectador dun cinema clásico que estaba totalmente ausente da gran pantalla. Así mesmo, asociámonos coa Academia de Artes e Ciencias Cinematográficas (AMPAS) para levar a cabo un programa pioneiro en historia visual co cal se pretende rexistrar, coleccionar e conservar entrevistas en audio e vídeo co obxecto de crear un arquivo dixital de acceso público que no futuro terá un valor inestimable para estudantes de cinematografía, investigadores, membros do mundo académico e amantes do cinema. Publicamos dous libros: From Darkness Into Light: Perspectives on Film Preservation and Restoration, a primeira obra dedicada ao tema da conservación e restauración de películas que ve a luz na India, e Yesterday’s Films For Tomorrow, de P. K. Nair, que constitúe unha recompilación dos escritos do máis importante arquivista do país. Tamén elaboramos un módulo de cinco capítulos titulado Do You Speak Cinema [«Falas o idioma do cinema?»], concibido para presentar aos nenos diversas facetas do cinema, desde a súa evolución en formato celuloide á súa historia, pasando pola valoración da súa linguaxe visual. Ao longo dos anos organizamos retrospectivas, clases maxistrais e actos especiais con destacados cineastas internacionais, como Christopher Nolan, Wim Wenders e Giuseppe Tornatore, e a nosa liña de actuación foi sempre a de abrir ao público estes actos, sen custo ningún, para que o prezo non se converta nun factor de exclusión e poidamos chegar á maior cantidade posible de persoas. Por outra banda, a Film Heritage Foundation concede premios a heroes esquecidos do cinema indio, como proxeccionistas, historiadores e defensores do patrimonio fílmico.

No ano 2024, o do noso décimo aniversario, empezamos a traballar na fase inicial da nosa idea de construír o primeiro Centro da Imaxe en Movemento (Centre of the Moving Image) da India, que será un núcleo cinematográfico que abranga todos os aspectos da imaxe en movemento e vai constar dun centro de formación e investigación, unha biblioteca, arquivos fílmicos, un laboratorio de conservación e restauración, instalacións de proxección e galerías de exposición.

Non obstante, levounos seis anos sentirnos preparados para afrontar o reto das nosas primeiras restauracións: as películas Thamp̄ e Kummatty, de Aravindan Govindan, do estado de Kerala, no sur da India. Non tiñamos negativos de cámara orixinais con que traballar; os elementos de película existentes atopábanse en mal estado; os escaneados tiñan un aspecto desalentador; e comezamos o proceso no medio dunha pandemia. Mais, cando a restauración de Thamp̄ foi seleccionada para unha estrea mundial, con alfombra vermella, no Festival de Cinema de Cannes e vimos a resposta do público, iso incitounos a asumir máis proxectos de restauración. Desde aquela traballamos en varios, seleccionando alfaias ocultas que se achaban en perigo de quedar esquecidas ou perderse. Como A India fai máis de 2000 películas ao ano, en 55 idiomas, tamén amosamos moito interese en restaurar filmes que desen a coñecer a incrible diversidade lingüística, xeográfica e cultural do país.

Decidimos restaurar Ishanou non só pola beleza da cinta, obra dun aclamado realizador que documentou a singular cultura das Maibi, a cal constitúe o pano de fondo ante o que se desenvolve un tráxico relato humano, senón tamén porque se trataba dunha película orixinaria de Manipur, estado do nordeste da India cuxos filmes non eran moi coñecidos, nin sequera no país.

A primeira vez que vin Ishanou foi en abril de 2021, cando visualicei unha proxección en 35 mm. Ao empezar a cinta, notei que a copia non estaba en moi boas condicións: había riscadas, titilacións e corres irregulares que molestaban á vista. Con todo, a fermosura da película, así como a súa narración, sinxela pero potente, transcendían as distorsións que estragaban as imaxes que se despregaban na gran pantalla. A restauración foi un proceso complicado que se alongou un ano, mais, con grande orgullo, volvemos a Cannes para a estrea de Ishanou en 2023, trinta e un anos despois da súa primeira proxección alí, en 1991.

A restauración dunha película de Shyam Benegal leva anos entre as aspiracións da Film Heritage Foundation, xa que Benegal é un dos cineastas máis venerados da India e as súas primeiras películas constituíron unha icona do movemento indio do cinema paralelo. Manthan non só é un dos seus filmes máis logrados daquela época, senón que ademais baixo del subxace un feito tan singular como que 500 000 agricultores achegasen dúas rupias cada un á realización desta cinta, que conta a historia de como naceu o movemento das cooperativas lácteas, ao tempo que toca moitos outros temas, como a casta, a clase, os sexos e a discriminación económica. A película resultou fundamental para divulgar a mensaxe dos beneficios do movemento cooperativo entre os agricultores do país e representou un elemento esencial para a construción do movemento e da histórica marca Amul. O proceso de restauración foi unha experiencia incrible, sobre todo porque puidésemos traballar tan estreitamente con Shyam Benegal e co experto en cinematografía Govind Nihalani co fin de traermos a película, sen escatimarmos esforzos, de volta á vida. Case medio século despois, a forza da narración e a convincente actuación dos actores, en especial a de Smita Patil, non se viron minguadas. Alegreime moito cando puidemos presentar a restauración no Festival de Cinema de Cannes e amosar esa Manthan restaurada en cincuenta cidades e máis de cen cinemas de toda a India.

O réquiem de Nirad Mohapatra pola familia nuclear Māyā Miriga adoita considerarse como a película máis celebrada da historia do cinema oriá e a que, na época da súa realización, impulsou un cinema rexional menos coñecido ata un nivel de recoñecemento internacional e internacional. Porén, desde aquela tanto a cinta como o cineasta se evaporaron do panorama das longametraxes da India. O prestixioso crítico de cinema Maithili Rao chamoulle a esa desaparición de Nirad Mohapatra da escena cinematográfica logo da súa «primeira película, un filme elexíaco de maneiras exquisitas e inmensamente conmovedor», unha das maiores preguntas sen responder do cinema indio.

Restaurar Māyā Miriga levounos tres anos, mais reportounos unha enorme satisfacción, xa que, literalmente, a sacamos da tumba, tras encontrarmos o negativo, en moi mal estado, abandonado nun almacén. A cinta restaurada estreouse no festival Il Cinema Ritrovato de Boloña en xuño de 2024 e chovéronlle eloxios; unha das persoas que a viron chegou a describir a Nirad Mohapatra como «un Ozu indio coa mirada de Visconti».

Girish Kasaravalli é un celebrado director e unha das figuras prominentes da nova onda india; orixinario do estado de Karnataka, no sur, realiza películas en idioma canarés. Ghatashraddha foi o filme con que fixo o seu debut. Con Girish manteño unha estreita relación desde que rodei con el para a miña cinta Celluloid Man,e el tamén doou o seu propio material á fundación, para a súa conservación.

Eu era consciente de que o negativo de Ghatashraddha non se atopaba en moi bo estado e preocupábame que se deteriorase máis se non restaurabamos pronto a película; xa me puxera co papelame e tiña o negativo no noso arquivo para empezarmos a traballar, cando lle mencionei a cuestión ao World Cinema Project de The Film Foundation e lles preguntei se quererían colaborar connosco para restaurar a cinta. Encheume de alegría que accedesen e que me informasen de que conseguiran financiamento para o labor, procedente da Hobson/Lucas Family Foundation. Foi marabilloso estrear a restauración e presentar o filme con Girish Kasaravalli no Festival de Cinema de Venecia de 2024, e que novos públicos descubrisen esta notable película corenta e sete anos despois da súa estrea.

Este ano temos planeados varios proxectos de restauración interesantes e confiamos en que esa senda restauradora nos leve de novo ao Play-Doc para, máis unha vez, podermos compartir estas alfaias do cinema indio co público de Tui.

Shivendra Singh Dungarpur é cineasta, arquivista cinematográfico e director fundador da Film Heritage Foundation.