Cando Claire Simon veu ao Bafici como xurado, en 2007, incluímola como integrante dunha mesa redonda sobre o documental e a ficción. Mentres avanzaba o encontro, Simon ocupábase de indicar que non era “documentalista”, deixando entrever que as súas películas se situaban nese punto de intersección entre ambos os dous territorios. E ese modo de pensar a súa propia obra daba mil veces no branco.
Sempre hai, no cinema de Claire Simon, un material que dun xeito ou outro provén do campo do real. Pode tratarse dun espazo excluínte que define o campo do fóra de campo (o patio de recreos en Récréations, a estación vista dende as dúas perspectivas en Gare du Nord e Géographie humaine), xa dun personaxe arrasador (Mimi Chiola, en Mimi), xa persoas que volven narrar as súas vivencias (Les bureaux de dieu). Pero esa materialidade real é só o inicio, o punto que dispara a curiosidade de Simon non é un fin en si mesmo senón a arxila para modelar unha ollada que procura as puntas dun ovillo que é ficcional, a través de historias de mulleres apaixonadas ou de personaxes cuxa fraxilidade é só aparente –sexan nenos, inmigrantes, desposuídos- porque o seu impulso consiste en sobrevivir, ante a lóxica desapiadada do capitalismo ou os límites e limitacións das así chamadas institucións.
Pódese pensar, entón, que o propio título Ça brûle é unha crave da paixón aínda que entendamos que iso que queima é o amor que sente a quinceaneira de nome viscontiano, Livia, polo bombeiro Jean, que a axudou despois de caerse mentres cabalgaba o seu fermoso cabalo, nunhas vacacións no sur de Francia. E que iso que queima vaina incendiando de modo lento e permanente, aumentando a súa temperatura ata facela facer o máis incrible e irremediable, con tal de estar xunto a el. Pero iso que queima é a vontade de Claire Simon de facerse carne na súa intensa protagonista e non é para menos ao ver que Livia é –como adoita acontecer coas mulleres de Claire Simon, incluídas as niñas simulando actitudes adultas de Récréations- máis que unha protagonista unha forza da natureza. Mais ese potencial aluvional inscrito nas súas mulleres está feito de impulsos e desexos e é a que adoita delimitar os territorios narrativos que elixe Simon. Aínda que as aparencias suxiran que Simon se desprazou do documental ao filme de ficción como se foran as etapas da súa filmografía ese camiño foi dinamitando esas fronteiras, como se a súa obra fora o resultado da incomodidade de pararse nun lado ou noutro.
O real prove unha materia que a ficción expande e libera. Non só porque, en Mimi, a propia Mimi Chiola é unha narradora que ningún guionista tivera podido imaxinar senón porque a espera das situacións que protagonizan os nenos de Récréations revelan o potencial ficcional que eles mesmos escenifican en cada un dos recreos estruturantes dun dispositivo rigoroso. Pode tratarse de sistemas coma os de Ça brûle, que fragmentan información pero saben chegar a cumios dramáticas que amaría a Adele H. de Truffaut. Ou ben pode adoptar a lóxica do desdobramento, contemplando esa relación entre real-ficción case como se fora o tema mesmo das súas películas, como se Simon tivera logrado non xa ilustrar un problema teórico do cinema contemporáneo senón converter ese problema teórico no punto de vista que selecciona as súas historias e define o seu xeito de poñelas en escena. Non é casual que teña recorrido varias veces ao ensamble ou o desdobramento como procedementos para moverse dun campo ao outro. Ese desdobramento volveuse literal cando Simon elixiu unha diversidade de casos reais vinculados coa anti-concepción enunciados ante as actrices máis recoñecidas de Francia –Nathalie Baye, Nicole Garcia- facendo de traballadoras sociais, cumprindo o seu rol como actrices mais tamén como colaboradoras para problemas sociais, en Les bureaux de dieu. Mais ese desdobramento tamén se volveu literal noutro sentido, cando fixo dúas películas xemelgas e opostas como Gare du Nord e Géographie humaine, presentadas conxuntamente, como se o real da estación, que Gare… é o transfundo ou o “escenario” que permite atopar a historia principal de Ismael e Mathilde, en Géographie… tornou eixo central, despregando todos os relatos que a primeira só deixaba asomar, como se esa ebulición narrativa que nunha era máis un murmurio, un son ambiente ou un mero potencial na outra se volvera central, son en primeiro plano, multiplicidade. Se en Gare du Nord de todas as posibles historias dese enxame elexía unha principal e a volvía representar, a “actuaba”, xa en Géographie humaine esa diversidade era incluída como tal pero incluíndo a Simon Merabet, inxectándolle ficción no acto mesmo de incorporalo, reencontrándoo trinta anos logo de Mon cher Simon, unha das súas primeiras curtametraxes documentais.
Que a Claire Simon a definición de “documentalista” lle resultara incómoda non debera sorprender porque a soa idea de “incomodidade” é o resultado de non estar a gusto nun só dos campos. O seu cinema é o que se volve incómodo cando é forzado a inscribirse nun único territorio sendo o seu impulso natural o movemento, palabra crucial que explica a predilección da directora por espazos coma o recreo de tensión multicultural de Récréations, a populosa estación de tren nos dous films jumeaux, a vertixinosa oficina de Les bureaux de dieu. Moverse entre mundos e espazos –físicos ou teóricos- parece o antídoto máis provocador que a arte pode inventar para contrarrestar a catástrofe das clasificacións e os ghettos culturais e políticos.