Charles Burnett

Primeira retrospectiva española

Cunha forma de falar pausada e tranquila, Burnett proxecta a imaxe, xa a primeira vista, de home sereno, que transmite calma. É un grande conversador, moi bo contando historias cando ten a palabra, mais interlocutor atento e curioso á hora de escoitar. Vendo as súas películas pódese intuír que é un hábil cronista na súa vida diaria, e falando con el confírmase. (…) A súa primeira longametraxe, Killer of Sheep (1977), non é unha película calquera. Realizada como proxecto de fin de carreira, non o é nin por como está feita nin polo que representa na historiografía do cinema estadounidense. Alongando a súa matrícula para ter acceso aos materiais da universidade, Burnett filmou esta cinta durante varios meses a mediados dos setenta nas fins de semana. Os actores non son profesionais, senón persoas do seu barrio que deciden interpretar un alter ego de si propios. Cun estilo similar ao de Several Friends (1969), Burnett sérvese de historias persoais que viviu e escoitou en Watts para compor un retrato de grande sinxeleza e beleza.

A fotografía en branco e negro, coa cámara operada por el propio, transmite unha pretendida aridez, cun racho ao que contribúen os temas de blues e jazz que elixe para a súa banda sonora, sobre todo nesa abafadora escena na que os protagonistas bailan ao ritmo de “The Bitter Earth”, de Dinah Washington. (…) “Non te aproveites dos teus personaxes”, adoitaba repetirlle o seu profesor Basil Wright, e esta é unha máxima que dende Killer of Sheep en adiante xa aplicou en todas as súas películas, sendo moi respectuoso cos seus retratados e actores, aos que sempre trata con dignidade. (…) [En My Brother’s Wedding (1983)] realiza unha lectura irónica de certas situacións nas que quedan ao descuberto as tensións de clases dentro da propia raza negra. Burnett critica os prexuízos de individuos vidos a máis en pouco tempo, enfrontados a quen, con similar lóxica (a desconfianza e a envexa), os desprezan por snobs. Mediante unha película moi distinta o realizador acaba trazando outro pertinente retrato de corte social, ao que volverá en parte cunha cinta de espírito semellante, When It Rains (1995). (…) [To Sleep With Anger (1990)], un drama familiar clásico con elementos folclóricos e fantásticos da tradición negra do Sur, será o seu primeiro gran éxito nos Estados Unidos. Obtén o Recoñecemento Especial do Xurado no Festival de Sundance, encabeza as listas do mellor do ano para moitas asociacións de críticos estadounidenses e leva catro premios principais Spirit, con estatuas como guionista e director para el, e galardóns para os actores Danny Glover e Sheryl Lee Ralph. (…) Aínda que heteroxéneo, o conxunto da obra de Burnett (…) pode lerse coma un percorrido pola historia da negritude en Estados Unidos.

Extracto de Charles Burnett. Un cineasta incómodo . Play-Doc Books 2016