Aloysio Raulino

Primeira retrospectiva internacional

Coñecín a Aloysio Raulino cando, a finais da década dos oitenta, ingresei como alumno no curso de comunicación social e cinema da ECA-USP (Escola de Comunicações e Artes / Universidade de São Paulo). Nese período a produción brasileira de longametraxes fora cortada por un decreto do entón presidente da República que, disolvendo a empresa estatal de cinema EMBRAFILME, reduciu practicamente a cero a cantidade de longametraxes producidas en Brasil. A pesar de non existir ningún horizonte concreto na continuación da produción cinematográfica do país, o curso proseguía de forma utópica. Viamos e debatiamos vorazmente centenares de películas, principalmente rarezas en 16mm e 35mm que pertencían á filmoteca do departamento.

De entre estas películas, lembro ter acceso a copias bastante precarias da singular produción dun dos profesores, Aloysio Raulino. Eran curtametraxes, documentais estraños, moi diferentes daqueles aos que eu e unha grande parte do alumnado identificabamos coa produción brasileira nos anos 60 e 70, marcada no noso imaxinario por unha narración comprometida, omnipresente e didáctica.

Hoxe en día cambiei de opinión respecto de diversas películas que rexeitei naquela época. Pero non cabe a menor dúbida de que aquelas curtas de Aloysio Raulino foron as que espertaron o meu interese polo cinema documental. Curiosamente as súas películas non me dicían cousas, provocábanme. Máis que ensinar, facíanme pensar, cuestionar, querer saber máis. E empurrábanme a discusións apaixonadas e extremadamente enriquecedoras. De maneira moi particular, eu sentía no misterio das curtas de Aloysio Raulino, que a realidade necesitaba ser buscada urxentemente. E non soamente cos ollos da razón, nin con armas ideolóxicas. A partir das súas curtametraxes comprendín que as películas non teñen que esgotar os seus temas coa claridade fría dos datos obxectivos ou coa precisión da súa retórica. Comprendín que o cinema que me interesaba debía abrir portas, convidando con xenerosidade ao espectador a participar dos seus cuestionamentos.

Recoñezo hoxe a mestría de Raulino para facer as películas aparentemente simples que tanto admirei, pois hai un rigoroso camiño ata esa simplicidade. Mirándoas de novo vexo moito máis nítidas as decisións e a precisión dun mestre. Mestre que, coma os grandes, entrelaza a vida e a obra, deixando as pegadas da súa intelixencia e sensibilidade para sinalar camiños cara á sensibilidade e a intelixencia dos seus espectadores.

Aloysio dirixiu ao longo da súa carreira decenas de películas e vídeos marcados indeleblemente pola súa personalidade de cineasta e artista. Se hai pobreza e carencias retratadas en practicamente todos os títulos, en ningún deles existe o menor sinal de miseria. Pois os seus ollos e a súa cámara só deixaban entrever a dignidade das persoas ás que filmou, mesmo naqueles contextos tan adversos, tan elocuentes e tan reveladores dun Brasil subdesenvolvido.

Ao longo de toda a súa obra Aloysio sempre tivo a grandeza de ver por dentro, de rexeitar o fácil, as obviedades ou calquera tipo de auto-indulxencia. Nunca utilizou o cinema para demostrar ideas preconcibidas. Ao contrario, lanzouse á confrontación co outro, manténdose aberto ao espanto. Empuñando a súa cámara, cantas veces retratou a aparición non da dor, senón do pracer, nos momentos máis inesperados… Outros cineastas, sorprendidos, apagarían a cámara onde el daba un paso á fronte con firmeza e convencemento, pois non concibía de ningunha maneira a vida sen a total liberdade do pracer.

Despois da miña formación, tiven a honra de compartir con el proxectos, así como unha amizade próxima. Naqueles anos de convivencia entendín aínda mellor o seu lugar no mundo, a contribución incalculable dunha mirada singular e precisa nun universo cargado de excesos. Aloysio xa non investía en proxectos propios como director, pero demostraba unha enorme alegría participando como director de fotografía en proxectos de directores novos ou debutantes. Foi deste xeito, co seu talento e humanismo, que Aloysio Raulino ensinounos diariamente e sen présas a afinar a mirada e a non disociar, baixo ningún concepto, a emoción do intelecto e da ética.

Paulo Sacramento é cineasta e socio de Aloysio Raulino nas películas O Prisioneiro da Grade de Ferro (auto-retratos) e Riocorrente.