Play-Doc Festival Internacional de Cinema Documental acollerá entre os próximos 13 e 17 de abril unha retrospectiva do realizador afroamericano Charles Burnett. Ademais, o certame contará por primeira vez cunha publicación titulada Charles Burnett: un cineasta incómodo. Trátase do primeiro volume monográfico dedicado a este autor, tanto en lingua inglesa como española, os dous idiomas nos que se publicará o libro.
Charles Burnett está considerado por moitos o mellor director negro da historia de Estados Unidos, como apuntou en varias ocasións o seu principal defensor na crítica, o laureado Jonathan Rosenbaum. Principal cabeza visible da L.A. Rebellion, movemento de cineastas de cor dos anos 70-80, que intentou realizar retratos fidedignos da súa comunidade, lonxe dos estereotipos de Hollywood; Burnett conta cunha obra mestra incontestable, a súa ópera prima Killer of Sheep (1977). Incluida pola Biblioteca Nacional do Congreso entre as poucas dignas de preservación polos seus valores artísticos e históricos, esta obra definiuse moitas veces coma puro neorrealismo á americana. A película é un honesto retrato da clase obreira do barrio de Watts, onde o seu realizador se criou.
Ao longo da súa dilatada carreira, Burnett caracterizouse por realizar retratos da súa comunidade que se mostran ao espectador cunha naturalidade e cercanía pasmosas. Hábil e irónico cronista do seu tiempo, definiu con intelixencia os choques de clase en My Brother’s Wedding (1983); ou a tradición do folclore dos estados do Sur en To Sleep With Anger (1990), premiada en Sundance e con catro galardóns Spirit do cinema independente, película na que destaca unha espectacular interpretación do seu protagonista Danny Glover.
Tamén interesado na historia da negritude, contou con solvencia historias de escravismo en Nightjohn (1996), a loita polos dereitos civís de Martin Luther King en Selma, Lord, Selma (1999) ou o levantamento do escravo Nat Turner contra os seus propietarios brancos en Nat Turner: A Troublesome Property (2003), película da que o libro toma o seu título. Outra das súas características é o importante papel que xoga a música no seu cinema, con temas de jazz e blues moi presentes. Por esta razón, o famoso director Martin Scorsese encargoulle dirixir un capítulo sobre a súa serie The Blues, centrado na variante do delta do Mississippi, de onde a familia de Burnett é orixinaria, a pesares de terse criado e levado a cabo toda a súa carrera en Los Angeles.
O libro que o festival lle dedica constará dunha longa entrevista de ao redor de 70 páxinas que os xornalistas e editores María Míguez e Víctor Paz lle realizaron durante varios días ao realizador, visitando con el os lugares de rodaxe dos seus filmes; e dunha serie de artigos escritos por expertos no seu cinema, coma os académicos estadounidenses James O. Naremore e Mark A. Reid, ou o reputado crítico e director Gabe Klinger; ademais de contar cun prólogo da cineasta Alile Sharon Larkin, discípula de Burnett nos seus primeiros anos de carreira.
Cofinanciado cos seus socios Tabakalera Centro Internacional de Cultura Contemporánea e a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Play-Doc lanza hoxe unha campaña de micromecenado na plataforma Verkami durante os próximos 40 días, para lograr o apoio económico necesario para terminar o proxecto.