O festival de Tui impulsa o talento galego con iniciativas como VENTURA e abre espazos de formación e encontro arredor da coprodución, a intelixencia artificial e o son no cinema
Do 29 de abril ao 3 de maio, a localidade de Tui acollerá a vixésimo segunda edición de Play-Doc, Festival Internacional de Cinema. Durante cinco días, o certame reunirá cineastas, profesionais e público nun programa que combina proxeccións, concertos, cinema expandido, clases maxistrais e diversas actividades centradas no desenvolvemento e na reflexión arredor do sector audiovisual.
VENTURA impulsa sete proxectos galegos
VENTURA é a plataforma impulsada por Play-Doc orientada á formación e ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais, que culmina nun espazo de encontro con profesionais do sector. No marco do festival celébrase a fase final da súa cuarta edición, na que participan sete cineastas galegos: Lucía Estévez, Nela Fraga, Xacio Baño, Mateo Kesselman, Aira Portos, César Souto e Xiana do Teixeiro, cuxas propostas reflicten a diversidade e a vitalidade do cinema contemporáneo en Galicia.
Tras un proceso de formación e acompañamento con profesionais internacionais, os equipos presentarán os seus proxectos ante produtoras, distribuidoras, festivais e axentes de vendas en sesións de pitching e encontros individuais, co obxectivo de xerar oportunidades de financiamento, coprodución e circulación internacional.
Coprodución internacional: diálogo entre institucións
O festival acollerá un encontro con representantes de organismos públicos de Galicia, España e Portugal, entre eles a AGADIC (Xunta de Galicia), o ICAA (Ministerio de Cultura de España) e o ICA (Ministerio de Cultura de Portugal), para abordar como as administracións impulsan a colaboración audiovisual entre territorios. A sesión porá o foco nos instrumentos e marcos de apoio existentes, así como nas formas en que estes favorecen a conexión entre profesionais. Concibido como un espazo aberto, o encontro busca reforzar vínculos, compartir experiencias e abrir novas vías de colaboración.

Intelixencia artificial e cinema: oportunidades e retos
No marco do festival celebrarase unha masterclass sobre intelixencia artificial no cinema contemporáneo impartida por Jorge Caballero, cineasta, investigador e docente especializado na relación entre cinema e intelixencia artificial, e cofundador do laboratorio audiovisual Artefacto. A partir de exemplos concretos, abordarase como estas tecnoloxías comezan a intervir en distintas fases do proceso audiovisual, desde o desenvolvemento de proxectos ata a montaxe ou o traballo con arquivos. A sesión tamén abrirá unha reflexión sobre cuestións como a autoría, a construción das imaxes ou os cambios nos procesos creativos.

O son no cinema: un elemento clave
En relación coa presentación en directo do proxecto Krakatoa, o festival organizará un encontro aberto ao público sobre o papel do son no cinema, no que participarán o cineasta Carlos Casas e o compositor e enxeñeiro de son Nicolas Becker, gañador dun Premio Oscar por Sound of Metal. A través da súa experiencia, abordarán como se constrúe o son nunha película e a súa importancia na creación de atmosferas e emocións.

Cartografía sonora: obradoiro de cinema comunitario
Tamén centrado no son, Play-Doc desenvolve unha nova edición do seu obradoiro de cinema comunitario, dirixido á veciñanza de Tui e da súa contorna. Nesta ocasión, a proposta convida a explorar a paisaxe sonora. Impartido polo recoñecido cineasta galego Eloy Domínguez Serén, o obradoiro invita a utilizar o cinema como ferramenta de expresión a partir da escoita. A través da creación de pequenas pezas audiovisuais, as persoas participantes descubrirán novas formas de mirar, escoitar e capturar a súa contorna. As obras resultantes presentaranse durante o festival.

O festival continuará desvelando nas próximas semanas o resto da programación desta nova edición, que volverá situar Tui como un espazo de referencia para o cinema contemporáneo e a creación audiovisual. Toda a información sobre horarios, datas e inscrición ou acceso a estas actividades anunciarase proximamente na páxina web do festival.