A vixésima edición de Play-Doc, Festival Internacional de Cinema, que terá lugar do 1 ao 5 de maio na cidade de Tui, Galicia, contará cunha serie de retrospectivas, focos, restauracións e sesións especiais que se complementarán con programas competitivos e outras actividades. Nesta ocasión, ademais da anunciada homenaxe dedicada a William Friedkin, Play-Doc presentará unha ampla retrospectiva do realizador brasileiro Leon Hirszman –a primeira fóra de América Latina–, a presentación internacional das primeiras curtametraxes do británico David Gladwelle a estrea mundial da restauración de Kriegsende, da cineasta alemá Viola Stephan. Ademais, con motivo do 50 aniversario da Revolución dos Caraveis, o festival presentará unha proxección especial da emblemática As armas e o povo.
Leon Hirszman
Tras a súa prematura morte, aos 49 anos, o nome de Leon Hirszman foi crecendo en recoñecemento no cinema brasileiro. Parte inicial do grupo fundador do Cinema Novo –a súa primeira curtametraxe, Pedreira de São Diogo, formou parte de Cinco vezes favela, película fundacional dese movemento–, Hirszman dirixiu películas que puxeron ao descuberto, entre os anos 1960 e 1980, as profundas contradicións arraigadas na formación social de Brasil. Herdeiro do realismo e cun forte compromiso político, Hirszman foi así mesmo particularmente sensible á música popular, que consideraba unha manifestación social e a auténtica representación colectiva da tradición cultural brasileira, producindo algúns dos documentos máis valiosos da historia do samba.
Na súa primeira retrospectiva europea, Play-Doc recupera as súas catro longametraxes máis importantes: A falecida (1965), São Bernardo (1972), Eles não usam black-tie (1979) e o seu filme póstumo ABC da greve (1990), ademais de catro curtametraxes que mostran as súas distintas facetas artísticas e temáticas: Pedreira de São Diogo (1962), Maioria absoluta (1964), Nelson Cavaquinho (1969) e Partido alto (1982). Maria Hirszman, a súa filla, acudirá a Tui para falar do legado do seu pai.
Viola Stephan
A realizadora e produtora alemá Viola Stephan comezou traballando a finais dos anos 70 como directora de teatro en Nova York, onde tamén estudou dirección de cinema. Realizou documentais desde 1979, a maioría deles ambientados en Estados Unidos ou Rusia, producindo así mesmo algunhas das obras máis notables de Victor Kossakovsky. As súas películas retratan a vida diaria nas cidades cunha abordaxe documental e un estilo único. Play-Doc terá o privilexio de exhibir a estrea mundial da restauración de Kriegsende (1993). Stephan, así como as responsables da restauración, Vivien Buchhorn e Jana Cisar, estarán en Tui presentando esta xoia dos anos 90.
David Gladwell
Renombrado montador de grandes cineastas británicos como Lindsay Anderson, James Ivory e Hugh Hudson, entre outros, David Gladwell dirixiu varias películas de ficción, documentais e curtas experimentais que non tiveron a súa merecida difusión. En Play-Doc mostraremos en primeira presentación internacional as extraordinarias e visualmente orixinais catro curtametraxes que realizou ao principio da súa longa carreira: A Summer Discord (1955), Miss Thompson Goes Shopping(1958), The Great Steam Fair (1964) e An Untitled Film (1964).
50 anos da Revolución dos Caraveis
Con motivo do 50 aniversario da Revolución dos Caraveis, que tivo lugar entre o 25 de abril e o 1 de maio de 1974, proxectarase As armas e o povo (1975), película colectiva que ilustra o primeiros seis días desa revolución que acabou coa ditadura en Portugal. A rodaxe estivo a cargo de varios directores portugueses –entre eles, António da Cunha Telles e Fernando Lopes– aos que se uniu o brasileiro Glauber Rocha, exiliado en Portugal. Obra ineludible do cinema militante europeo, As armas e o povo é tamén un manifesto sobre a relación entre cinema e política, non só como mero difusor dos acontecementos, senón como participante activo no acto revolucionario. A restauración desta película emblemática presentarase no festival en estrea española. Play-Doc agradece a colaboración de Cinemateca Portuguesa, Museu do Cinema.