Play-Doc, que celebrará a súa 19ª edición do 26 de abril ao 1 de maio na cidade de Tui, presentará en estrea internacional catro curtametraxes que a recoñecida cineasta belga Chantal Akerman (1950-2015), filmou no verán de 1967, como parte das probas de acceso ao INSAS (Instituto Nacional Superior de Artes Escénicas), onde foi admitida e onde permaneceu apenas uns meses antes de decidir abandonar os seus estudos.
Nelas filma La Foire de Midi e unha pequena ficción en dous partes, protagonizada pola súa nai Natalia Akerman e a súa amiga de mocidade Marilyn Watelet, con quen máis tarde fundaría a produtora Paradise Films. A propia Marilyn Watelet, xunto a Céline Brouwez –responsable da Fondation Chantal Akerman–, estarán en Tui para presentalas, no marco dunha retrospectiva máis ampla que recolle a obra da súa primeira época (1967-1976), e onde se poderán ver algunhas das súas películas máis emblemáticas como News from Home (1976), ou Jeanne Dielman, 23 quai du Commerce, 1080 Bruxelles (1975) –icona do cinema feminista, considerada como a película máis influente de todos os tempos na última enquisa da prestixiosa revista Sight & Sound–, así como outras moi raramente vistas, como a inacabada Hanging Out Yonkers (1973).
Play-Doc reivindica a obra de cineastas esquecidos pola historia do cinema universal.
Así mesmo, o festival mostrará por primeira vez en España, a obra recentemente recuperada do cineasta indio Aravindan Govindan (1935-1991), que grazas ao excepcional traballo de restauración levado a cabo pola World Cinema Project –organización fundada por Martin Scorsese– e a Film Heritage Foundation, é posible admirar hoxe en día en todo o seu esplendor. A persoal linguaxe de Govindan, lonxe dos canons cinematográficos universais convérteno nun novo mestre do cinema para descubrir. Shivendra Singh Dungarpur, fundador da Film Heritage Foundation e responsable da preservación da obra fascinante de Aravindan Govindan, virá a Tui desde Bombai para presentala.
Tamén se reivindicará a obra do cineasta iraní Sohrab Shahid Saless, coa presentación dunha pequena obra mestra en premiere española. Do mesmo xeito que con Govindan, a obra de Saless é accesible hoxe en día grazas aos esforzos de preservación de archivistas e historiadores, como os da alemá Vivien Buchhold, responsable do legado fílmico de Shahid Saless, que acudirá ao festival para presentala.
Play-Doc achegaranos tamén a un clásico do cinema finlandes: Oito disparos mortais do realizador Mikko Niskanen (1929-1990), esta película de 1972, concibida como mini serie para a televisión, converteuse inmediatemente nun acontecemento nacional, considerándose como a mellor película da historia do cinema en Finlandia e elevada obra de culto por cineastas e historiadores como Aki Kaurismaki ou Peter von Bagh, a pedimento de quen foi restaurada grazas a The Film Foundation (World Cinema Project) en 2022.
No festival poderanse gozar outras dúas recentes restauracións, esta vez a cargo da Cinemateca Portuguesa, Museu do Cinema, que recupera dúas obras crave do documental portugués, a emblemática Belarmino (1964) de Fernando Lopes, e Máscaras de Noémia Delgado (1976).
Por último, Play-Doc presentará a primeira retrospectiva española dedicada ao mestre do cinema etnográfico italiano Luigi Di Gianni (1926-2019), un obxecto escuro, misterioso e completamente illado da historia do cinema universal.
Con esta edición Play-Doc continua unha traxectoria que destaca pola presentación inédita no noso país da obra de moitos cineastas lendarios, e un particular interese polo redescubrimiento e reivindicación de filmografías esquecidas, ignoradas ou que ata o de agora permaneceron descoñecidas na historia do cinema universal.
Cuttlas Microfilms: Tributo ao xenio incomparable de Calpurnio
Play-Doc renderá tributo a Calpurnio Pisón (1959-2022) presentando Cuttlas Microfilms, a serie de animación baseada en as andanzas de o lendario personaxe de cómic El bueno de Cuttlas. Premiada cunha mención especial en FIPA, o mercado do Festival de Cannes, Cuttlas Microfilms foi unha das propostas animadas máis interesantes, e unha das primeiras animacións para adultos xurdidas en España a comezos dos anos noventa. Calpurnio foi o responsable da imaxe de Play-Doc ao longo das súas dezanove edicións, imaxe indisociable do espírito deste certame.