O obradoiro, impartido polo recoñecido cineasta Eloy Domínguez Serén, convida os veciños de Tui e da comarca a que expoñan a través de pequenas pezas audiovisuales a súa propia visión deste momento histórico provocado pola pandemia.
A crise provocada polo coronavirus está a transformar a vida cotiá, as pautas de comportamento e o modo en que nos relacionamos os uns cos outros. Play-Doc quere contribuír ao rexistro deste momento histórico a través deste obradoiro audiovisual, valéndose da extraordinaria capacidade que ten o cinema para capturar o momento presente, retratar e construír unha memoria colectiva na que se poden compartir vivencias a través de imaxes e sons.
Baixo o título En primeira Persoa: Un Retrato Colectivo, este obradoiro audiovisual convida os veciños de Tui e da comarca para explorar a súa propia visión deste tempo que nos tocou vivir, animando a cada participante a realizar unha breve peza audiovisual na que retrate, expoña ou reflexione sobre o modo en que toda esta situación está a cambiar o xeito en que nos relacionamos coa nosa contorna, os nosos veciños e a nosa comunidade.
Ao longo dos meses de agosto e setembro de 2020, os participantes traballarán nesta obra coral, na que reflexionarán acerca da súa propia experiencia, tecendo xuntos un valioso entrelazado de pequenas historias persoais e colectivas. Durante todo o proceso de creación, os participantes contarán co seguimento, asesoramento, colaboración e apoio do cineasta Eloy Domínguez Serén, recoñecido e multipremiado realizador galego que conta cunha notable traxectoria internacional, na que destacan títulos como Hamada ou Non Cow on the Ice.
O obradoiro dará comezo cunha xornada de visionado en grupo durante a última semana de agosto, na que os participantes poderán descubrir a obra de distintos cineastas, coñecer os diversos modos nos que se expresan, e contar así con referentes que poidan resultar útiles para a realización das súas propias pezas.
Os filmes resultantes non superarán os 3 minutos de duración e poderán elaborarse utilizando calquera formato de gravación, desde teléfonos móbiles ata cámaras profesionais. As obras finalizadas presentaranse dentro do marco da celebración da décimo sexta edición de Play-Doc que terá lugar en Tui do 23 ao 27 de setembro.
Inscrición. Este obradoiro é gratuíto e está aberto a todo tipo de participantes de todas as idades. Non é necesaria experiencia previa nin tampouco formación audiovisual. Os que desexen participar deberán enviar un e-mail a produccion@play-doc.com co ‘asunto’: OBRADOIRO PLAY-DOC, e indicando nome completo e teléfono de contacto.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o día 20 de agosto. Establécese un máximo de 10 prazas. A organización do festival poñerase en contacto con todos os rexistrados e unha vez finalizado o prazo anunciara os participantes seleccionados.
BIOGRAFÍA ELOY DOMÍNGUEZ SERÉN
Eloy Domínguez Serén naceu en 1985 en Simes (Galicia). Graduouse en 2010 na Universitat Autònoma de Barcelona. Antes de comezar a súa carreira como cineasta, traballou como crítico de cinema en radio e prensa escrita, e foi cofundador e codirector da revista A Cuarta Parede. En 2010 foi membro do Xurado Novo na 67ª Mostra de Venecia. En 2012 trasladouse a Suecia, onde realizou a súa primeira curtametraxe, PETTRING. En 2014, lanzou dous novos proxectos, a curtametraxe NON NOVO CÉIO e a mediometraxe JET LAG (programado en FIDMarseilla, Doc’ s Kingdom, Museum of the Moving Images de Nova York ou Etats Généraux de Lussas, entre outros). A súa película NON COW ON THE ICE estreouse en 2015 en Visions du Réel e foi premiada en Toulouse, Filmadrid, Play-Doc, L’Alternativa ou Marxes, mentres que os seus curtos YELLOW BRICK ROAD e RUST estreáronse en Jihlava IDFF 2015 e FID Marsella 2016, respectivamente. En 2017, o seu novo proxecto HAMADA gañou dous premios no Doc Outlook de Visions du Réel, o premio de postproducción nas Palmas e foi seleccionado na Doc Station en Berlinale. Esta película tivo a súa estrea mundial en IDFA 2018 e foi premiada en festivais como Cinéma du Réel, Xixón, Porto/Post/Doc ou Tempo.