O Festival Internacional de Cine Play-Doc abre o prazo de inscrición para as súas competicións Internacional e Galicia. A 23ª edición celebrarase do 28 de abril ao 2 de maio de 2027 en Tui. A convocatoria permanecerá aberta ata o 15 de marzo.
Ao longo de máis de dúas décadas, Play-Doc consolidouse como un festival de referencia polo seu carácter independente, o rigor da súa programación e a súa vocación de descubrimento e reivindicación cinematográfica. A súa proposta combina retrospectivas, moitas delas inéditas, dedicadas tanto a grandes figuras da historia do cine como ao descubrimento e á recuperación de cineastas esquecidos, censurados ou descoñecidos, con cine contemporáneo de todo o mundo e unha especial atención ao cine galego.
Xunto ás proxeccións, o festival desenvolve cada ano un amplo programa de actividades paralelas, con obradoiros, clases maxistrais, cine expandido, música en directo e exposicións, ademais de VENTURA, o seu espazo profesional dedicado aos encontros de industria, o desenvolvemento de proxectos e a formación de cineastas e produtores.
A convocatoria está aberta para as seccións competitivas Internacional e Galicia, sen restricións de xénero, duración, temática ou nacionalidade. As películas seleccionadas para ambas as competicións optarán a premios en metálico e trofeo, concedidos por xurados internacionais.
As inscricións poderán realizarse ata o 15 de marzo de 2027 a través do formulario dispoñible en www.play-doc.com.