Novembro 24, 2025

Play-Doc abre a convocatoria para a súa 22ª edición

O Festival Internacional de Cinema Play-Doc abre a convocatoria para participar na súa 22ª edición, que terá lugar do 29 de abril ao 3 de maio de 2026 na cidade de Tui. 

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 20 de marzo de 2026

Ao longo de máis de dúas décadas, Play-Doc consolidouse como un festival de referencia polo seu carácter independente, a súa programación rigorosa e a súa vocación de descubrimento e reivindicación, combinando retrospectivas de grandes cineastas, clásicos redescubertos e cinema contemporáneo de todo o mundo, con especial atención ao cinema galego.

Como cada ano, o festival ofrecerá ademais un amplo programa de actividades paralelas, que incluirá obradoiros, clases maxistrais, cinema expandido, música en directo e exposicións, ademais do seu espazo profesional VENTURA, dedicado aos encontros de industria, o desenvolvemento de proxectos e a formación de cineastas e produtores.

A convocatoria está aberta a películas de todas as duracións, xéneros e temáticas, tanto de ficción como de non ficción, e sen restricións de nacionalidade. Todas as películas seleccionadas para as seccións competitivas optarán a premios en metálico e trofeo, outorgados por un xurado internacional de prestixio.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 20 de marzo de 2026. Todas as inscricións deberán realizarse a través do formulario dispoñible en www.play-doc.com.