20 Abril, 2026

Play-Doc 2026 presenta a súa competición internacional


Do 29 de abril ao 3 de maio, a localidade de Tui acollerá a 22ª edición do Play-Doc Festival Internacional de Cine, que presenta a súa Competición Internacional, unha selección de obras recentes do cinema contemporáneo internacional con películas procedentes de distintos contextos e xeografías.

A sección reúne títulos de diversas procedencias, con obras de Europa, América, África e Asia, en formatos que van da curtametraxe á longametraxe. A programación combina cineastas con traxectorias consolidadas e novos realizadores, con propostas que traballan tanto a partir de materiais de arquivo como desde o ensaio, o retrato ou a observación directa.

Entre os cineastas con traxectoria consolidada, o estadounidense Ross McElwee presenta Remake, construída a partir de material filmado durante décadas xunto ao seu fillo. Desde Francia, Jean-Claude Rousseau participa con Requiem, mentres que o brasileiro Júlio Bressane, xunto a Rodrigo Lima, presenta O fantasma da ópera, unha peza centrada na propia materialidade do cinema.

A selección inclúe tamén 9/05/1982, de Jorge Caballero e Camilo Restrepo(México–España), que parte dunha película rodada en 1982 para reconstruír uns acontecementos a partir de imaxes deterioradas e un relato en off; Amílcar, de Miguel Eek (Cabo Verde–España–Francia–Portugal–Suecia), que combina material de arquivo e imaxes en 16 mm arredor da figura de Amílcar Cabral, agrónomo, poeta e líder da loita pola independencia de Guinea-Bissau e Cabo Verde; A Little Regret in Helsinki (Un pequeno arrepentimento en Helsinqui), de Haohao Qiaoshi Liu (Finlandia), centrada no diálogo entre unha filla e o seu pai; Fantaisie, de Isabel Pagliai (Francia), que segue dous personaxes a partir dun caderno nun contexto nocturno; e Tóc, Giấy và Nước… (Pelo, papel e auga…), de Nicolas Graux e Trương Minh Quý (Bélxica–Francia–Vietnam), que recolle fragmentos da vida cotiá dunha muller da etnia ruc.

A Competición Internacional contará cun xurado integrado pola produtora Raquel Freire Zangrandi (Brasil), o crítico e programador Jay Weissberg (Estados Unidos) e a asesora de industria Hayet Benkara (Francia/Canadá).

Este programa súmase ás retrospectivas xa anunciadas, dedicadas a Viola StephanEduardo Coutinho e Rafael Luca de Tena, así como á Competición Galicia e ás actividades de formación e industria do festival, que inclúen unha nova edición de VENTURA e de Coming Soon; encontros profesionais arredor da coprodución internacional, a intelixencia artificial e o son no cinema, ademais dunha nova edición do obradoiro de cinema comunitario. A isto engádense tamén propostas como Cinema Percorridos e as proxeccións na igrexa.

Nos vindeiros días, o festival desvelará o resto da programación desta nova edición.