Ademais de acoller as obras máis recentes nos seus programas competitivos, o festival continúa impulsando a recuperación de figuras do pasado e abre un espazo para acompañar proxectos en desenvolvemento, reforzando o seu papel como plataforma do cinema galego.
O Festival Internacional de Cinema de Tui celebrará a súa 22ª edición do 29 de abril ao 3 de maio, renovando a súa aposta polo cinema feito en Galicia. Un ano máis, Play-Doc consolídase como un espazo de referencia que reúne distintas xeracións de cineastas, articulando un diálogo entre memoria, creación actual e proxectos en desenvolvemento.
Competición Galicia
A Competición Galicia desta edición reúne unha selección de películas que dan conta da diversidade formal e temática do cinema galego contemporáneo. Entre o ensaio, a non ficción e as formas híbridas, as obras configuran un mapa no que conviven o íntimo e o colectivo, a memoria persoal e a historia, o territorio e os seus desprazamentos.
Neste contexto, Crías, de Xiana do Teixeiro, parte da apertura de diarios íntimos para explorar a escritura adolescente como espazo de construción do eu. Pola súa banda, Ursúas, de Roi Fernández, propón unha deriva contemporánea por Europa na que conflúen ficción, rexistro documental e ensaio visual, en diálogo con relatos históricos de exploración e fracaso.
A viaxe e a distancia aparecen tamén en Despois das cidades, de Xacio Baño, onde un desprazamento solitario se converte nun espazo de indagación íntima, mentres que Fomos ficando sós, de Adrián Canoura, traslada esa procura ao ámbito familiar, explorando a relación entre pai e fillo a través da experiencia compartida no mar. A memoria e o arquivo atravesan igualmente outras pezas da sección. Ás apalpadelas, de Cristina Souto, entrelaza relato histórico e testemuño persoal a partir de materiais de arquivo, mentres que Moon Safari, de Hugo Amoedo, constrúese desde a evocación e a reaparición dunha voz do pasado.
Desde outros rexistros, O corpo de Cristo, de Bea Lema, adéntrase nos límites entre experiencia, crenza e percepción, e Furada negra, de Berio Molina, propón unha inmersión no imaxinario e nos usos históricos das cavernas como espazos de memoria, refuxio e violencia. O programa complétase con De brisa e de sol, de Chloé Lecci López, que articula un retrato atravesado pola emigración e a transmisión xeracional a través da música, poñendo en relación voces de distintas idades e procedencias nun mesmo territorio.
O xurado da Competición Galicia estará composto pola produtora e cineasta Leire Apellaniz, o cineasta Eloy Enciso e o programador e académico portugués Daniel Ribas.
Sombras 03: Rafael Luca de Tena

Sombras, o espazo comisariado polo guionista e produtor galego Pepe Coira, dedicado á recuperación dos pioneiros do cinema galego, continúa o seu labor cunha sesión dedicada a Rafael Luca de Tena, figura fundamental do cinema amateur en Galicia xunto a José Ernesto Díaz Noriega.
A obra de Luca de Tena, desenvolvida ao longo de máis de seis décadas, constitúe un caso singular dentro da historia do cinema galego. Farmacéutico de profesión e cineasta por vocación, traballou sempre en formatos non estándar —do Pathé-Baby ao Super 8 e ao vídeo—, desenvolvendo unha práctica independente que lle permitiu moverse con liberdade entre o rexistro doméstico, o documental, a ficción e a experimentación formal.
A sesión propón unha aproximación a unha filmografía ampla e heteroxénea que inclúe pezas como Impromptu (1960), Miña aldea (1964) ou Sever Odnum (1964), xunto con traballos documentais como Inauguración do Aeroporto de Peinador (1954) ou as súas filmacións do Vigo da posguerra. Nelas emerxe unha mirada atenta ao cotián, capaz de rexistrar xestos, espazos e formas de vida que raramente ocupaban o centro do relato.
Lonxe dos circuítos industriais, o seu cinema sitúase nas marxes desde as que consegue construír un arquivo visual de grande valor sobre a vida en Galicia ao longo do século XX. A súa obra, conservada na Filmoteca de Galicia, segue a ser un territorio aberto á investigación.
A proxección contará con acompañamento musical en directo a cargo do profesorado e alumnado do Conservatorio Profesional e Escola de Música de Tui.
Play-Doc agradece a colaboración das familias de Rafael Luca de Tena e José Ernesto Díaz Noriega, así como da Filmoteca de Galicia.
Coming Soon: Proyectos gallegos en desarrollo

Play-Doc acolle unha nova edición de Coming Soon, un espazo dedicado a proxectos en proceso no que cineastas comparten co público materiais de traballo e reflexións sobre as súas películas antes da súa finalización. Esta sección permite acceder a primeiras imaxes, decisións formais e liñas de investigación que atravesan o cinema galego contemporáneo, favorecendo o intercambio directo entre autores e espectadores.
Nesta edición presentaranse tres proxectos. Todo é cárcere, de Eloy Enciso, sitúa o seu relato nos últimos días da Guerra Civil española para abordar a memoria dos vencidos a través dunha relación epistolar reconstruída desde o presente. De túa man para a miña, dirixido por Fran Rodríguez Casal e Coral Piñeiro, propón unha reflexión sobre comunidade, memoria e territorio a partir de cartas e postais que conectan distintas xeracións. Pola súa banda, A terra das viúvas dos vivos, de Melanie Pereira, adéntrase nas montañas de Castro Laboreiro para retratar a desaparición de prácticas de transumancia nun contexto marcado polo cambio climático, o abandono rural e o paso do tempo.
Estas actividades súmanse ás retrospectivas xa anunciadas dedicadas a Viola Stephan e Eduardo Coutinho, así como ao programa de formación e industria do festival, que inclúe unha nova edición de VENTURA, encontros profesionaisarredor da coprodución internacional, a intelixencia artificial e o son no cinema, e unha nova edición do obradoiro de cinema comunitario. A isto engádense tamén propostas como Cinema Percorridos e as proxeccións na igrexa.
Nos próximos días, o festival continuará dando a coñecer o resto da programación desta nova edición.