O festival desprega a súa programación en novos espazos, afianza o eixo Galicia–Portugal e amplía a súa actividade profesional, con máis de 6.000 espectadores
A 22ª edición de Play-Doc, Festival Internacional de Cine de Tui, celebrada do 29 de abril ao 3 de maio de 2026, pechou cun balance de crecemento en asistencia, ampliación de espazos e reforzo da súa actividade profesional. O festival alcanzou máis de 6.000 espectadores presenciais e preto de 2.000 visionados en liña, e reuniu cineastas, profesionais, investigadores e público arredor dunha programación que combinou cinematografías internacionais cun firme compromiso co cinema máis próximo e coas formas máis singulares da creación audiovisual contemporánea.
Play-Doc ampliou a súa actividade, articulando a súa programación de forma simultánea en catro salas de cinema e noutros espazos da cidade, integrando espazos patrimoniais, culturais e educativos no desenvolvemento do festival. A edición reforzou así mesmo a súa relación co contexto audiovisual portugués, tanto na programación como na participación de profesionais e nas actividades formativas e de industria, nun marco de colaboración sostida entre Galicia e Portugal.
Descubrimentos, retrospectivas inéditas e cinema contemporáneo
A programación reuniu máis de 50 películas procedentes de máis de 20 países de Europa, América, África e Asia, mantendo unha liña baseada no descubrimento e redescubrimento de cineastas e na presentación de obras e filmografías pouco coñecidas, inéditas ou escasamente difundidas.
Nesta edición, esta liña concretouse nas retrospectivas dedicadas a Viola Stephan —presentada en estrea internacional—, Eduardo Coutinho, figura fundamental da historia do cinema, e Rafael Luca de Tena, cuxa obra constitúe unha rareza e un descubrimento dentro do cinema galego, dando continuidade á traxectoria do festival na presentación de retrospectivas inéditas e na recuperación e posta en circulación de obras raramente proxectadas.
O festival incorporou ademais a nova sección Cineasta en foco, dedicada nesta edición á realizadora franco-portuguesa Maureen Fazendeiro, cuxa obra foi presentada como primeira retrospectiva internacional, establecendo unha relación directa entre a programación e a liña de industria a través de VENTURA, plataforma na que a cineasta desenvolveu o seu proxecto As Estações, posteriormente estreado no Festival de Locarno.
As seccións competitivas —Internacional e Galicia— reuniron unha selección de obras que reflicten a diversidade formal e temática do cinema contemporáneo, cunha presenza destacada do cinema galego. O palmarés outorgou o premio da Competición Internacional a Amílcar, de Miguel Eek, e o premio ex aequo da Competición Galicia a Furada Negra, de Berio Molina, e Crías, de Xiana do Teixeiro.
Industria, desenvolvemento e coprodución internacional
O festival reuniu a máis de 150 acreditados entre cineastas, profesionais da industria audiovisual, representantes de prensa e crítica especializada, reforzando a súa capacidade para conectar o contexto audiovisual nacional con redes e axentes internacionais.
VENTURA, a plataforma de formación, desenvolvemento de proxectos e coprodución internacional impulsada por Play-Doc, celebrou a súa cuarta edición no marco do festival, reunindo sete proxectos galegos en desenvolvemento e máis de vinte profesionais internacionais —produtoras, axentes e expertos en financiamento, coprodución, distribución e deseño de audiencias—.
O programa concluíu co seguinte palmarés: o Premio VENTURA foi outorgado a Lebrescura, de Xacio Baño; o Premio NUMAX / DCP Deliveries a Praza do Punto, de Aira Portos; o Premio VFX CORMORAN a Xente planta, de Xiana do Teixeiro; e o Premio Industry Screenings Porto/Post/Doc a Auras, de Nela Fraga.
Ao longo das súas edicións, o programa impulsou proxectos que accederon a algúns dos principais espazos internacionais, como o Festival de Locarno ou o International Film Festival Rotterdam, así como a plataformas como TorinoFilmLab, a Semana da Crítica de Cannes ou Visions du Réel, consolidando o seu percorrido no circuíto profesional europeo.
Neste contexto, o festival reforzou a súa posición como espazo de conexión entre profesionais, proxectos e institucións, con especial atención ao eixo Galicia–Portugal como ámbito de colaboración, favorecendo dinámicas de coprodución e circulación nun contorno transnacional, a través de encontros arredor da coprodución internacional e do presente do audiovisual galego, coa participación de representantes do ICAA, ICA Portugal e AGADIC, así como mediante espazos como Coming Soon, dedicados a proxectos en proceso.
Formación, creación de novos públicos e reflexión arredor do cinema
A edición incluíu unha programación de obradoiros, clases maxistrais e encontros centrados en distintos ámbitos da práctica cinematográfica e nalgúns dos principais retos do sector.
Entre estas actividades destacaron a participación do deseñador de son Nicolas Becker, gañador dun Óscar nesta especialidade, nun encontro dedicado ao traballo sonoro no cinema, así como a masterclass de João Moreira Salles arredor da obra de Eduardo Coutinho.
O festival desenvolveu así mesmo actividades dirixidas a estudantes e á comunidade local, incluíndo sesións específicas para alumnado de institutos e universidades, así como a participación de estudantes en prácticas integrados no equipo de produción, xunto a un obradoiro de cinema comunitario, contribuíndo á creación de novos públicos e á súa formación arredor do cinema.
Cinema, patrimonio e prácticas de cinema expandido
Play-Doc desenvolveu unha liña de programación que sitúa o patrimonio histórico e arquitectónico como parte activa da experiencia cinematográfica, levando o cinema fóra da sala e establecendo unha relación directa entre as obras, os espazos e o público.
Neste contexto, Cine Recorridos consolídase como unha das propostas máis singulares do festival: un itinerario nocturno polo casco histórico no que as intervencións audiovisuais en vivo se desenvolven en tempo real, integrando imaxe, son e arquitectura.
O percorrido culmina na Igrexa de San Domingos, onde o festival presenta intervencións específicas para este espazo e unha programación de cinema mudo con música en directo, unha experiencia pouco habitual que recupera as condicións de exhibición e reforza a dimensión colectiva do cinema.
Nestas propostas, o cinema deixa de situarse unicamente na pantalla para construírse en relación directa co espazo, o son e o público, incorporando o patrimonio e a arquitectura como parte activa da propia obra. Unha liña que constitúe un dos trazos máis singulares do festival, estreitamente vinculada á cidade de Tui e á súa riqueza histórica e arquitectónica.
Impacto cultural, social e retorno no territorio
Tras máis de dúas décadas de traxectoria, Play-Doc continúa articulando desde Tui un espazo de encontro entre cineastas, obras e públicos, nun modelo que pon en valor a descentralización cultural, no que conflúen programación, formación e industria nun mesmo contexto de traballo e circulación internacional.
O festival xera un impacto sostido no ámbito cultural, profesional e social, e contribúe de forma directa á dinamización do contorno, activando o tecido local a través da implicación de público, convidados, profesionais e servizos vinculados ao territorio.
A este impacto súmase un retorno económico para o comercio local, provedores e profesionais de proximidade, poñendo de manifesto o papel da cultura como motor de actividade, industria e oportunidades.