Iván Castiñeiras faise co premio na Competición Galega, mentres que Pierre Creton e Vincent Barré triunfan na Competición Internacional. As mencións especiais foron para Un dragón de cen cabezas, de Helena Girón e Samuel M. Delgado, e La chambre d’ombres, de Camilo Restrepo.
A 21ª edición do Festival Internacional de Cinema de Tui, Play-Doc, xa ten palmarés oficial. 7 promenades avec Mark Brown (7 paseos con Mark Brown), de Pierre Creton e Vincent Barré, fíxose co premio da competición internacional.
O xurado internacional, composto polo cineasta C.W. Winter, a distribuidora Pascale Ramonda e o produtor e distribuidor Pierre-Emmanuel Finzi, decidiu premiar a película “pola súa lixeireza, a súa delicada elegancia e o seu refinamento. Pola súa erudición e a súa poética. Unha contrafáctica modernista para estes tempos. Unha película que sabe que a solidez xorde da complexidade e que a complexidade xorde da sinxeleza. Unha película na que un desexa vivir, deitarse e rebolar. Un agasallo para o cinema e para o público”.

O xurado tamén concedeu unha mención especial a La chambre d’ombres (O cuarto de sombras), de Camilo Restrepo, por “ser un cineasta que sabe que unha película é imaxe, son, cortes, construción e resonancia emocional. Esta é unha película que funciona grazas ao seu dominio dos elementos fundamentais do cinema. Unha lección de destreza ante as tensións. Un cineasta de cineastas que ofrece o traballo dun verdadeiro artesán”.
Na sección competitiva de Galicia, o xurado composto pola creadora visual Ana Domínguez, o cineasta e deseñador gráfico Michael Wahrmann e a produtora Silvia Fuentes decidiu premiar a película Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras, por “un traballo sensible que rompe as fronteiras formais e simbólicas para retratar a orfandade dun territorio en proceso de desarraigamento. E a persistencia cinematográfica na súa ópera prima”.
O xurado da sección galega tamén outorgou unha mención especial á película Un dragón de cen cabezas, de Helena Girón e Samuel M. Delgado, destacando que “a través da plasticidade das imaxes e do investimento do protagonismo os realizadores conseguen plasmar unha ollada irreverente sobre o mito e o cinema”.
Os premios desta edición do festival son posibles grazas á colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).