Xuño 5, 2025

Play-Doc 2025 pecha a súa 21ª edición poñendo o acento no cinema de culto e apostando pola memoria fílmica, a creación galega e o cinema como patrimonio e experiencia expandida

A 21ª edición do Festival Internacional de Cinema Play-Doc celebrouse do 7 ao 11 de maio en Tui cunha programación que combinou cinema de culto, memoria cinematográfica, novas voces do cinema galego e internacional, música en directo e cinema expandido. Durante cinco días, a cidade fronteiriza converteuse nun punto de encontro único para profesionais, cineastas e público apaixonado polo cinema.

O festival rexistrou un total de 6.763 espectadores, dos cales 5.327 asistiron presencialmente e 1.436 participaron a través das plataformas en liña. O evento medrou en tamaño e alcance, celebrándose en seis sedes diferentes de Tui e ofrecendo máis de 50 filmes, 36 sesións de cinema —moitas delas en estrea española, europea e mundial—, 6 espectáculos audiovisuais en directo e varios concertos en distintos espazos da cidade.

Nesta edición, Play-Doc rendeu tributo a dúas figuras fundamentais do Novo Hollywood: Elaine May e Monte Hellman. Tamén se dedicou a primeira retrospectiva española ao recentemente falecido Michael Roemer, unha das voces máis singulares e significativas do cinema contemporáneo do século XX. Así mesmo, en colaboración coa Film Heritage Foundation, estreáronse en España catro xoias do cinema indio, que forman parte tamén do patrimonio cinematográfico universal.

No eido da memoria máis próxima, a sección Sombras recuperou a obra descoñecida do pioneiro Bernardino de Lamas, presentada con música en directo grazas á colaboración co Conservatorio Profesional e a Escola de Música de Tui.

A Competición Internacional reuniu películas marcadas pola liberdade formal e a exploración estética, con obras de cineastas como Camilo Restrepo, Jean-Claude Rousseau, Marta Mateus, Ben Rivers ou Julen Etxebarria. O xurado premiou 7 promenades avec Mark Brown, de Pierre Creton e Vincent Barré, e outorgou unha mención especial a La chambre d’ombres, de Camilo Restrepo.

Na Competición Galicia, o premio foi para Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras, e a mención para Un dragón de cen cabezas, de Helena Girón e Samuel M. Delgado.

A apertura do festival combinou cinema e música co espectáculo Traspielas, da cantautora galega Su Garrido Pombo, dando comezo á programación de Play-Doc Live!, a sección do festival dedicada a explorar os vínculos entre cinema e música en directo. 

Esta edición incluíu tamén concertos e performances audiovisuais en espazos patrimoniais, reafirmando o compromiso de Play-Doc coa creación sonora e escénica como parte esencial da experiencia cinematográfica. 

A programación expandida contou tamén cunha nova edición de Cinema Percorridos, con dúas performances audiovisuais que transformaron o espazo patrimonial de Santo Domingo: Sacro, de Fon Román e Oswaldo García, e N0WX, de Xoán-Xil López e Iván Torres Hdez.

Outro dos momentos destacados foi a sesión de cinema mudo con música en directo na Igrexa de San Domingos, coa interpretación ao piano do prestixioso compositor Filipe Raposo, que tamén ofreceu unha clase maxistral sobre música para cinema.

No ámbito profesional, Play-Doc organizou un encontro sobre políticas audiovisuais públicas con representantes de AGADIC, ICAA e MEDIA, así como unha presentación de proxectos galegos en desenvolvemento, impulsando así o diálogo entre creadoras, institucións e público. A programación completouse con eventos de industria e unha serie de actividades formativas, como obradoiros de cinema, clases maxistrais, podcasts e mesas redondas en liña.

Play-Doc conta co apoio da Xunta de Galicia, Agadic, Diputación de Pontevedra, Concello de Tui, ICAA, Estrella Galicia, Gadis, AC/E Acción Cultural Española, además de otras entidades e colaboradores públicos e privados.