O Festival Internacional de Cinema de Tui, que terá lugar do 7 ao 11 de maio, volve apostar con forza polo cinema feito en Galicia. Un ano máis, Play-Doc consolídase como un espazo de referencia que reúne distintas xeracións de cineastas, combinando o traballo de nomes recoñecidos con novas voces emerxentes.
Ademais de presentar as películas recentes que formarán parte da Competición Galicia, o festival dedica tamén un espazo a proxectos en distintas fases de desenvolvemento, así como á recuperación de voces descoñecidas: pioneiros do cinema galego que, como nesta ocasión, filmaron por afección e cuxa obra rara vez tivo presenza nos circuítos habituais de exhibición e estudo.
Competición Galicia
A Competición Galicia deste ano reúne unha coidada selección de películas que dan conta da vitalidade e diversidade do cinema galego contemporáneo. Desde retratos íntimos e familiares ata ensaios poéticos ou investigacións sobre a memoria colectiva, estas obras dialogan entre o persoal e o político, o documental e o experimental. Unha sección que ofrece un mapa emocional e crítico do presente, a través de voces moi distintas pero profundamente conectadas co seu territorio e co seu tempo. Como cada ano, a competición acollerá estreas mundiais, estatais e galegas, e seguirá a ser un espazo clave para descubrir novas voces e acompañar traxectorias en evolución. Os títulos son:
- Delincuente, de Nuria Vil y Alba Domínguez
- Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras
- Exposed, de Nela Fraga
- Maroun regresa a Beirut, de Feyrouz Serhal
- Nayan, de Carla Andrade
- O costume do traballo, de Luis Morla
- O silencio herdado, de Lucía Dapena González
- Patios de luz, de Fran Rodríguez Casal
- Pura, de Carmen Méndez
- Quieres salir puedes entrar, de Pablo Villalobos Leal
- Sepáraste moito, de Paula Veleiro
- Un dragón de cien cabezas, de Helena Girón y Samuel Delgado
O xurado encargado de outorgar os premios estará composto pola produtora Silvia Fuentes, o director, produtor e deseñador gráfico Michael Wahrmann e a artista visual, cineasta e codirectora do (S8) Ana Domínguez.
Sombras 02: Bernardino de Lamas
Fotograma de una de las filmaciones de Bernardino de Lamas
Sombras é un espazo creado dentro do festival por Pepe Coira, destacado guionista e produtor galego, co obxectivo de recuperar a memoria do cinema máis próximo e, ao mesmo tempo, máis esquecido. Na súa segunda edición, Sombras céntrase nunha figura practicamente descoñecida: Bernardino de Lamas.
En Play-Doc presentamos 22 das 90 bobinas conservadas pola Filmoteca de Galicia, que capturan con espontaneidade excursións, romarías e escenas da vida cotiá. Rodadas os domingos, estas pezas buscan “deter o tempo” e conservar momentos de plenitude. Fronte ao cinema comercial, o traballo deste xornalista, montañista e galeguista ofrece unha verdade sinxela e poderosa: un arquivo vivo da Galicia dos anos 20 e 30.
Esta recuperación foi posible grazas a Manolo González, incansable impulsor do audiovisual galego, que nos últimos anos combinou a súa actividade no cinema contemporáneo cun labor de investigación centrado en figuras pioneiras como José Gil, Rey Soto e agora Bernardino de Lamas.
A sesión contará cun acompañamento de música en directo a cargo de profesorado e alumnado do Conservatorio Profesional e da Escola de Música de Tui.
Coming Soon: adianto de proxectos galegos en desenvolvemento
Imaxe do proxecto Kiro, de María Yáñez
Nesta edición, Play-Doc acolle tamén unha presentación de tres proxectos galegos en distintas fases de desenvolvemento. Os seus responsables compartirán co público un pequeno adianto destas películas que moi pronto chegarán aos circuítos de exhibición.
Os títulos que se presentarán son: Kiro, un proxecto de María Yáñez sobre a gran diva pop da canción galega dos anos 70 e 80; Despois das cidades, o novo filme-ensaio do cineasta Xacio Baño; e Notas entre silencios, o próximo documental de Fon Cortizo, que reflexiona sobre a escoita, a música e a xordeira, e conta coa participación dos músicos de Sumrrá e da coreógrafa Jone San Martin.