Maio 5, 2025

Play-Doc 2025 arranca con cine, poesía e música en directo desde Galicia

O festival inaugúrase co espectáculo Traspielas, da cantautora galega Su Garrido Pombo. Tamén proxectarase o documental sobre Carlos Oroza Queres saír podes entrar, que conmemora o centenario do poeta.

A vixésimo primeira edición de Play-Doc comezará este mércores 7 de maio ás 20:30h, no Teatro Municipal de Tui, cunha xornada inaugural que combina cinema, música e palabra. A programación ábrese con Traspielas, un espectáculo multidisciplinar que parte de cantos tradicionais para explorar novas formas escénicas.

Posteriormente, proxectarase o primeiro filme do festival, Queres saír podes entrar, un retrato singular do poeta Carlos Oroza no centenario do seu nacemento. Dúas propostas que marcan o ton desta edición: diálogo entre pasado e presente, formas populares e linguaxes contemporáneos.

Unha vez máis, Play-Doc, Festival Internacional de Cinema de Tui, reafirma a súa vocación cinéfila cunha programación que recupera e reivindica cineastas de culto, figuras marxinais e singulares. O festival propón un percorrido por nomes como Monte Hellman, Elaine May ou Michael Roemer, xunto a rarezas como os filmes domésticos do galego Bernardino de Lamas ou a destacada selección de xoias recuperadas da historia do cinema indio.

Como cada ano, o cinema galego tamén ocupará un lugar central na programación, cunha coidada selección de obras que exploran novas formas narrativas e debuxan un retrato plural e atento ao noso tempo. Ademais, o festival ofrecerá unha ampla proposta de actividades paralelas: concertos, espectáculos en espazos patrimoniais, cinema expandido, obradoiros ou encontros profesionais dirixidos á industria audiovisual.

TRASPIELAS: experimentación visual e sonora que celebra a memoria dunha aldea

Traspielas é o novo proxecto da cantautora galega Su Garrido Pombo, xunto con Macarena Montesinos (violoncello), Iago Ramilo (saxo), Marco Maril (electrónica) e Fran Rodríguez Casal (visuais), que celebra a memoria colectiva dunha aldea a través dunha obra musical, poética e visual.

A proposta parte de composicións tradicionais recollidas na aldea de Traspielas (Fornelos de Montes) pola propia artista e constrúese con proxeccións de imaxes actuais e de arquivo. O grupo combina música tradicional, electrónica e experimentación para dar forma a unha creación contemporánea que pon en valor a cultura popular do territorio.

Alén da recuperación da música tradicional, Traspielas ofrece unha ollada contemporánea sobre o territorio, explorando o arraigamento, a identidade e a transmisión oral a través dunha linguaxe escénica e sonora que converte a memoria nunha experiencia viva.

ENTRADAS

QUERES SAÍR PODES ENTRAR: A palabra absoluta de Carlos Oroza

Tras o primeiro espectáculo, proxectarase a primeira película do festival: Queres saír podes entrar, un documental dirixido por Pablo Villalobos Leal que ofrece un retrato singular do poeta galego Carlos Oroza, figura clave da poesía oral do século XX. Inclasificable e libre, Oroza viviu a poesía como unha forma absoluta de existencia, desdibuxando os límites entre arte e vida.

A película coincide co centenario do seu nacemento (Viveiro, 1923) e rescata o seu legado como autor insubmiso, visionario e fondamente orixinal. Un documental que recupera a figura dun creador que rexeitou o establecido, borrou as fronteiras entre obra e biografía, e converteu a palabra nun vehículo de pensamento poético e rebelde.

ENTRADAS