Abril 4, 2018

PETER EMANUEL GOLDMAN: VANGARDA, UNDERGROUND E POESÍA EN PLAY-DOC 2018

Play-Doc pode presumir da presenza de lendas do cinema e autores malditos desde as primeiras edicións do festival. Retrospectivas que son descubrimentos en exclusiva para a un público que valora moito, ademais, o contacto directo cos cineastas. En 2018, o estadounidense Peter Emanuel Goldman (Nova York, 1939) estará en Tui na que será a súa primeira retrospectiva en España. O equipo do festival síntese especialmente satisfeito de difundir o traballo dun cineasta como Goldman, tan poético como underground, louvado por figuras como Jean Luc-Godard, Susan Sontang e Jonas Mekas. Ademais, Play-Doc en colaboración con Cinemateca Francesa recupera material perdido da película The Sensualists , dirixida por Goldman, e trae, tamén por vez primeira, a súa obra fotográfica a España.

Unha proposta contundente, a retrospectiva do cineasta neoiorquino, que se suma á programación xa avanzada por Play-Doc para esta 14ª edición, do 26 de abril ao 1 de maio en Tui. Entre todos os cineastas underground americanos, con nomes como John Cassavetes, Shirley Clarke, Jack Smith ou Robert Downey Jr, a crítica coincide en que Peter Emanuel Goldman é o máis singular, sen precedentes, un dos poucos inventores reais da arte do cine. A súa obra racha como ningunha coas convencións do cine da época. O seu primeiro filme foi  Echoes of Silence (1964), retrato dunha mocedade desesperada na procura de sentido e sexo, que o autor parecía coñecer ben; seguirían Pestilent City (1965), The Sensualists (1965) e Wheel of Ashes (1968). .

A ollada poética de Goldman queda patente desde Echoes of Silence, que roda con vinte e poucos anos e nada de cartos. Con esa película será premiado no Festival de Cine de Pesaro (Italia), cun xurado no que estaban Jean-Luc Godard, Joris Ivens, Marco Bellochio e Bernardo Bertolucci, e con ela consegue excelentes críticas en publicacións de prestixio. O crítico Henri Chapier calificaríaa como “a película máis conmovedora ao redor da desesperación da mocedade”. Esta sinfonía sen palabras dunha cidade nocturna que soa a jazz foi censurada nos setenta e fixo o seu visionado imposible durante anos. Ninguén pon en dúbida que é un título esencial do Novo Cine Americano.

Wheel of Ashes (1968), rodada en París e prOtagonizada por Pierre Clémenti , foi seleccionada tamén nalgúns dos mellores festivais de cine do momento como o de Venecia. Foi esta película a que fixo que o crítico francés Henri Sera se referira a el como “un xenio esquecido”. Cahiers du Cinéma afirmou: “ninguén de nós que vira esta película pode evitar sentir perforado o seu corazón, é un cine radicalmente diferente”. Cunha linguaxe nova e persoal e unha obra de carácter autobiográfico, Goldman sitúase como nexo de unión entre dous polos da contracultura dos anos sesenta, o cine underground americano e a nouvelle vague francesa.

O filme perdido: The Sensualists
Aínda en Nova York, en 1965, Goldman filma The Sensualists (1965), un filme erótico no que o autor parodiaba os grandes nomes do cine do momento: Godard, Truffaut, Bertolucci. Incomprendida pola produtora polo seu carácter artístico e experimental, a película, sobre a que o director Brian de Palma fixo unha divertida reseña no Village Voice, foi exhibida por última vez en 1968. Play-Doc en colaboración coa Cinemateca Francesa recupera agora o material perdido de The Sensualists. O festival tamén inclúe na retrospectiva as dúas primeiras curtas de Goldman: Recommended by Duncan Hines e Nightcrawlers, ambas de 1963.

Peter Emanuel Goldman deixou ao lado o cinema nos anos setenta aínda que fixo periodismo audiovisual; traballou en medios e como asesor en temas internacionais. En 1975 chegou a editar un LP coas súas composicións e publicou as novelas Echoes on a crying floor, de carácter autobiográfico, e máis recentemente Last Metro to Bleecker Street.

Fotos, 50 anos despois
Durante o tempo da filmación de “Echoes of Silence”, Goldman tamén comeza a realizar fotografía directa: rostros e planos de desexo e soedade, na súa maioría de amigos, coñecidos e mozas; asi como de escenas da rúa e xente en Greenwich Village, case sempre de noite. Reaparecidas milagrosamente despois de 50 anos dentro dunha caixa enviada desde Paris, revélanse nun sólido e estimulante arquivo recuperado polo autor. En 2015 o director expón por vez primeira o seu traballo fotográfico dos anos sesenta na Art Media Gallery de Miami co título “Love, Despair and Longing”.

Como afirma o historiador e curador Jose-Antonio Navarrete «o pequeno e compacto arquivo de negativos de Goldman introduce un capítulo descoñecido na historia da fotografía estadounidense desde os comezos ata mediados dos anos sesenta e inmediatamente posteriores. Sexo, amor, desexo, paixón, drogas, vida nocturna, tristeza, desesperación e soidade teñen o seu lugar neste arquivo. Unha sensibilidade próxima á de Goldman non aparecería na fotografía ata a década seguinte con Nan Goldin, a fotógrafa da dependencia sexual».

Esta exposición fotográfica, que se presenta en España por primeira vez en Play-Doc, foi posible grazas á colaboración con Art Media Gallery.