Furada negra

España, 2025
Duración: 22'
Dirección: Berio Molina

Produción: aCentral Folque, Sétima, Acusmaser
Guión: Alba Cid, Club Espeleolóxico Maúxo
Montaxe: Berio Molina
Son: Xoán Xil, Berio Molina

Unha picaraña, unha radial, incluso unha pistola. Estas memorias do inframundo comezan cun son seco, violento, como corresponde a todo acto de subtracción. Un só disparo esboroa en cuestión de segundos calquera sinfonía xeolóxica, os miles de anos necesarios para que as estalactitas e as estalagmitas se formen, centímetro a centímetro, nun sutil proceso de goteo. Do teito ao chan, unha translación milenaria de calcita. Un tour de force, a historia do planeta.

As crónicas destas desfeitas atravesan as imaxes, sons e textos desta Furada, pero non só. Sendo un tipo de dano absolutamente irreversíbel, os espolios xeolóxicos puntean a nosa memoria recente. Os escenarios que supuñan unha celebración do asombro, unha das mostras do poder -lento e seguro- dos procesos xeolóxicos, acompáñannos mutilados.

Desde a mesma formación da Terra, foron tantos os usos das covas que calquera enumeración se torna incompleta e persoal, e aínda así, resulta un alfabeto irrenunciábel: Acubillo durante a estación do monzón. Agocho para quen é perseguido polas súas actividades políticas ou relixiosas. Calendario de basalto. Cárcere, lugar de tortura. Cónclave de salanganas, columbarios rupestres, reservorio de crías de dragón até os nosos días. Dominio dos morcegos. Salóns de baile, con enormes estalactitas a modo de lámpadas.

Unhas furadas cantan suaviño, pero outras provocan arrepíos. Así, cun tremor na raíz da espiña dorsal, comezan estas memorias do inframundo.

DOMINGO 3 DE MAIO  · 16:30h | Teatro Municipal

ENTRADAS